Sábado 4 Maio 2024

“A Lanzada sería considerado un lugar estrela para a ciencia nun país como Inglaterra”

A antropóloga física da USC Olalla López Costas amósase entusiasmada pola cantidade e o excelente estado de conservación dos restos humanos que se atoparon nas escavacións realizadas en 2016 no castro da Lanzada. Na súa opinión, este asentamento atópase entre os mellores de Europa para poder realizar un estudo completo sobre as poboacións da época romana e prerromana.

-Que teñen de especial os restos que se atoparon no castro da Lanzada?

Publicidade

-En canto a conservación de ósos é a mellor de todas as necrópoles galegas e o número de esqueletos humanos atopados é o máis alto. Levo traballando alí desde fai dez anos e o bo estado dos restos atopados permítenos probar técnicas diversas e explorar os seus resultados. O que se fai na Lanzada logo serve de referencia para outros espazos arqueolóxicos, tanto de aquí como de fóra de España.

“O que se fai na Lanzada serve de referencia para outros espazos arqueolóxicos, dentro e fóra de España”

Nas escavacións realizadas en 2016 apareceron restos de catro adultos e de trece nenos recentemente nados. Isto é un achado moi singular porque na maioría das necrópoles galegas non aparecen restos de bebés. Parece que este cemiterio tiña unha área delimitada para estes. A aparición do esqueleto de Cornelia, o primeiro que se atopou, moi moi emocionante porque eran os primeiros restos que aparecían na zona despois de 30 anos.

-Que características poden resaltarse dos habitantes da Lanzada de fai dous mil anos?

-Atopamos nos restos indicios de enfermidades infecciosas como a tuberculose e tamén de brucelose. Hai pouco tempo publicamos un estudo sobre como era esta poboación. Levaban o seu gando para pastar á zona da marisma e utilizaban as algas como abono. O cemiterio contén restos datados entre os séculos I e VII d.C, época dos romanos e dos suevos. A altura media dos homes era de 1,65 mts e a das mulleres de 1,59. Unha vez que alcanzaban os 20 anos de idade, a media de supervivencia achégase aos 40 anos, similar á doutros asentamentos galegos.

-Que comían?

-Un dos trazos distintivos desta poboación é que comían moito máis peixe e marisco que noutros lugares de Europa, tamén se alimentaban de mijo. Comían algo de carne e máis vexetais que noutros puntos de Europa. É curioso poder dicir que neste lugar xa na época romana comíase máis pescado que noutros sitios de Europa, como ocorre agora tamén. Polo estado dalgunhas fracturas que atopamos nos ósos, dedúcese que contaban con algún tipo de servizo médico pero non era moi eficaz porque varias das fracturas non están ben curadas.

“Neste lugar xa na época romana comíase máis pescado que noutros sitios, como ocorre agora tamén”

-Sorprendeulles o achado de tantos corpos de recentemente nacidos na zona?

-É un achado moi singular porque na maioría das necrópoles galegas non aparecen restos de bebés. Parece que este cemiterio tiña unha área delimitada para eles. Algúns restos parecen ser de fetos e outros de bebés que si naceron e a súa análise pódenos permitir ver como era a dieta das súas nais, por exemplo. Tamén podemos obter datos sobre o medio ambiente. As persoas durante a época romana adoitaban vivir nun ambiente moi contaminado sobre todo nas zonas próximas a explotacións mineiras. A análise dos restos dos nenos vai ofrecer datos sobre este aspecto.

-As escavacións realizadas en 2016 na Lanzada permitiron atopar moito material. Seguirán aparecendo sorpresas?

-O castro da Lanzada vai seguir ofrecendo sorpresas no futuro. Desde logo que calquera antropólogo físico do mundo estaría moi feliz con poder contar cun asentamento así, con tan boas condicións de conservación. Este xacemento esperta interese no estranxeiro, entre outras razóns, porque é moi difícil atopar en Europa un lugar onde vivise xente ao longo de tanto tempo e con restos tan ben conservados. Na Lanzada pódese distinguir perfectamente o período romano e suevo, por exemplo. Nun país como Inglaterra este asentamento sería considerado como un lugar estrela para a ciencia. Como o temos en Galicia debemos de aproveitalo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un pene de madeira de hai 2.000 anos, un consolador da época romana?

Un equipo de arqueólogos da Universidade de Newscastle cren que a peza atopada no forte de Vindolanda usouse como xoguete sexual

Do Paleolítico á época romana: unha viaxe en 3D pola historia da Coruña

Un traballo de recreación virtual permite navegar polos diferentes cambios acontecidos na cidade ao longo dos séculos

Un equipo da UVigo descobre un “importante xacemento romano” en Sálvora

Os investigadores realizan a primeira escavación arqueolóxica na illa e cren que o achado é unha factoría de salgadura de peixe da época

Arqueólogos galegos descobren factorías de salgadura nun xacemento marroquí

Os investigadores da UVigo participaron nunha expedición internacional onde tamén se atoparon numerosos restos materiais e unha mostra de peixe