Venres 26 Abril 2024

Fins Eirexas, de Adega: “Os danos a medio e longo prazo do ‘Prestige’ non foron avaliados”

O veterano activista na defensa do patrimonio ecolóxico de Galicia, reflexiona sobre o que aconteceu hai 20 anos na costa galega e as leccións aprendidas

Este domingo cúmprense vinte anos dende que un petroleiro fendía e afundía diantes das costas galega liberando miles de toneladas de petróleos sobre o ecosistema natural de Galicia. Dende Adega, unha das principais asociacións ecoloxistas do país, xa estaban daquela traballando arreo pola defensa do patrimonio natural e seguen a facelo hoxe. Unha desas persoas que estaba entón e aínda segue é Fins Eirexas. Eirexa reflexiona sobre o papel da sociedade civil á hora de paliar a catástrofe ecolóxica e, sobre todo, critica con dureza a caída na produción científica á hora de avaliar os danos a longo prazo da vertedura do petroleiro.

Que lembranzas ten das primeiras horas despois do may day do Prestige?

Publicidade

—Aquelas persoas que estivemos alí participando daquel movemento temos que facer un esforzo por separar as vivencias persoais dos feitos obxectivos. É complexo facelo porque foi un impacto moi forte na vida de toda a sociedade galega. Un antes e un despois, dende logo, para os colectivos ecoloxistas. Temos que facer un esforzo por conceptualizar o que pasou, sobre todo, para que non volva a acontecer.

Cales foron os primeiros movementos en ADEGA logo da nova do afundimento?

—Naquela altura, eu estaba a traballar nun posto de investigación na Universidade de Santiago de Compostela xunto co Consello da Cultura Galega. Curiosamente, estabamos a traballar a respecto do tratamento da información nos medios de comunicación dende o punto de vista científico. E nese momento, acontece o desastre do Prestige. A nosa directora de proxecto, que era nada menos que Marilar Aleixandre, díxonos que deixáramos todos os tópicos sobre os que estabamos a traballar e nos puxéramos a traballar todos no Prestige.

Vostede xa estaba en ADEGA e era activista na defensa do medio ambiente. Intuía a magnitude da catástrofe?

—A verdade é que dende ADEGA non agardabamos iso. Ás veces, agardas que cheguen boas novas e que a prevista catástrofe ecolóxica pois non sexa tal e que se poda conter dalgún xeito. E de feito, sobrepasounos a magnitude do que foi en relación á experiencia doutras catástrofes previas. A magnitude daquilo era insólito na nosa costa. Quedamos absolutamente superados. Pero unha vez pasado ese momento, coido que soubemos reaccionar dun xeito moi rápido e eficiente.

Que papel cre que xogou a súa asociación e a sociedade civil durante todo o proceso?

—O Prestige en ADEGA durante aquel tempo foi a actividade central. Pero todas as entidades da sociedade civil se uniron e tomamos as rendas do que estaba a acontecer diante da absoluta desparición das administracións que estaban para tomar medidas que nunca chegaron. En canto viamos que a realidade contradicía a versión oficial da Administración a través dos medios amigos, pois comezamos a actuar directamente. E non é mérito de ADEGA nin moitísimo menos, é de toda a sociedade galega que se decatou que só ela podía arranxar aquelo. Sentímonos orgullos de ter sido parte daquel movemento que, como dicía Pondal, fixo espertar do seu sono á sociedade galega.

Cre que se fixo unha avaliación ambiental adecuada sobre o dano na biodiversidade de Galicia?

—Pola miña experiencia de tantos anos traballando neste eido, as avaliacións ambientais nunca son axeitadas, nunca son completas. Estamos a falar dun sistema natural moi complexo onde é imposible ter unha visión conxunta de tódalas relacións entre os distintos elementos dos ecosistemas. Máis aínda se son afectados por unha catástrofe coma esa. Fixéronse moitos traballos e moitas avaliacións, sobre todo nos primeiros cinco anos logo do afundimento. Houbo unha enorme produción científica, pero logo houbo unha caída enorme. Desapareceu, deixou de ser relevante no contexto dunha sociedade que vai cada vez máis rápido e na que unha cousa que aconteceu onte xa perde importancia. O interese científico por avaliar as consecuencias científicas e sociais daquilo foi diluíndose. A maioría das consecuencias son a medio e longo prazo e é difícil valoralas. Ademais, nos ecosistemas complexos, a catástrofe non é o único factor que intervén. Por exemplo, o cambio climático e outras cuestións que poden reforzar ou aminorar as consecuencias da contaminación. Tíñase que ter feito máis investigación? Por suposto.

Recuperáronse os ecosistemas?

—Pois é moi difícil sabelo. É imposible analizar todos os elementos que interveñen, máis nun período de tempo tan longo. Parece ser que, debido as características dos ecosistemas costeiros, houbo unha recuperación máis rápida da que aconteceu noutros lugares como en Alaska co desastre do Exxon Valdez. En Galicia, en cinco anos, os ecosistemas mariños situáronse moi preto do punto onde estaban antes da catástrofe. Os danos a medio e longo prazo no foron avaliados. E menos coas sinerxías con outros fenómenos como a contaminación mariña ou o aumento da temperatura da auga. Entón, queda moito por facer a nivel científico co Prestige. Queda moito por facer a nivel científico.

Aínda que a marea negra se superase, cre que permanecen os ataques ao medio ambiente? Hai quen atopa analoxías coas consecuencias ecolóxicas dos parques eólicos.

—Hai un denominador común entre o movemento Nunca Máis e o que está a acontecer socialmente cos parques eólicos. Hai puntos de contacto evidentes. E teñen relación cunha das múltiples causas da catástrofe do Prestige. Refírome ás estruturais. En concreto, falo do modelo que temos de xestión e da produción de enerxía, que segue a ser dominado, basicamente, polo mercado da especulación. A maior parte da enerxía que se produce no mundo segue a vir dos combustibles fósiles. E a maioría deses transportes de combustibles fósiles fanse por mar e, especialmente, a través de grandes buques petroleiros. Ese método responde aos intereses comerciais das grandes empresas do oligopolio enerxético, como acontece, do mesmo xeito, coas enerxías renovables. Nomeadamente, a eólica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mapa que revela o territorio galego incompatible coa implantación eólica

Para a elaboración do informe a ONG SEO/BirdLife tivo en conta as figuras de protección e as zonas de alto valor ecolóxico

Así afecta o eucalipto á biodiversidade na illa de Tambo

Un estudo coordinado por Adega demostra que as áreas de maior riqueza natural son nas que hai unha menor presenza de 'Eucalyptus globulus'

Os ecoloxistas alertan da “desaparición inminente” da tartaraña cincenta en Galicia

Adega pon o foco na eucaliptización, os parques eólicos e os pesticidas como ameaza principal á Ave do Ano 2023

Unha planta acuática invasora está a poñer en risco ríos e praias galegas

Adega leva meses alertando sobre unha incipiente expansión do xacinto acuático no litoral e nas zonas húmidas de Galicia