Expertos médicos, ao abeiro da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, aseguran que as augas termais “retardan o proceso de avellentamento debido ao seu efecto antioxidante e antiinflamatorio”. Tamén sosteñen que os tratamentos con augas mineromedicinais favorecen a reactivación da capacidade física e psíquica dos pacientes xeriáticos. Así o expón Laura Gómez San Miguel, directora médica do Balneario de Mondariz, onde esta fin de semana se celebrarán unhas xornadas sobre avellentamento en centros termais dirixidas a estudantes de Medicina.
“A hidroloxía médica, baseada no uso das augas mineromedicinais, constitúe unha ferramenta moi valiosa para a terceira idade, xa que contribúe a retardar a vellez, ao tempo que permite abordar certas patoloxías asociadas á idade”, manifesta a doutora. A clave está, segundo indica, no efecto antioxidante e antiinflamatorio das augas mineromedicinais, que “retardan o proceso de avellentamento”. Gómez San Miguel tamén indica que as augas termais axudan tanto á prevención de enfermidades como ao tratamento e rehabilitación no caso de patoloxías crónicas de tipo reumatolóxico, respiratorio e dermatolóxico.
Mellorar a calidade de vida
“Os balnearios, como centros sanitarios especializados na promoción da saúde, axudan a mellorar a calidade de vida dos pacientes. O seu eixe principal é a cura balnearia a través da auga mineromedicinal, pero tamén é importante todo o que implican as diferentes técnicas de balneación (bañeiras, aplicación de auga a presión, parafangos, inhalacións…); xunto cunha correcta orientación nutricional, actividade física ou deportiva axeitada, apoio psicolóxico, a relación directa médico-paciente e o propio ambiente relaxante que rodea ao balneario”, explica a doutora.
As xornadas comezan este venres ás 16:30 horas cunha charla da doutora Gómez sobre o balneario de Mondariz. Logo os asistentes farán un percorrido polas instalacións e terán a oportunidade de realizar unha sesión práctica no Palacio da Auga. O sábado pola mañá a directora médica do centro explicaralles os efectos terapéuticos da balneoterapia sobre os pacientes xeriátricos. A continuación, o recuperador físico do balneario de Mondariz, Jonás Rodríguez, abordará as aplicacións da hidroterapia como actividade física neste tipo de pacientes. A fisioterapeuta do balneario, Miriam Gómez, tratará as aplicacións da hidroterapia en fisioterapia no caso das persoas maiores. E ao final da mañá os futuros médicos terán unha sesión práctica para coñecer de preto estas aplicacións terapéuticas.