A Xunta destaca o traballo feito polo Nodo GalicIA para conseguir a implantación da AESIA na Coruña

O Goberno galego apunta que a nova axencia incidirá na estratexia europea de apostar por unha intelixencia artificial fiable e con criterios humanistas 

A elección da Coruña como sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA) foi posible grazas á implicación de toda a sociedade, as universidades, as administracións e os sectores de actividade, así como o traballo coordinado do Nodo GalicIA, segundo apunta a Xunta de Galicia a través dun comunicado. 

Segundo o Goberno galego, a designación de Galicia como sede da AESIA é un recoñecemento aos esforzos do país por situarse na vangarda da transformación dixital, pese ás limitacións de partida relacionadas coas súas características poboacionais e xeográficas. A actual posición de Galicia é o resultado da aplicación de dúas axendas dixitais e, neste momento, da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030). 

Publicidade

Precisamente, o eixo transversal da EGD2030 refírese á especialización de Galicia no coñecemento e na aplicación das tecnoloxías. A instalación da AESIA no país cumpre e reforza os obxectivos de atraer infraestruturas e entidades de referencia, así como de reter e atraer talento dixital. 

A designación da sede en Galicia supón o cumprimento por parte da Xunta de Galicia do mandato recibido en maio do Parlamento para a promoción dunha candidatura galega. Esta tarefa foi encomendada ao Nodo GalicIA, formado pola Xunta, as tres universidades públicas e a Eurorrexión. 

Publicidade

Intelixencia artificial fiable e humanista

A Xunta destaca que o Nodo GalicIA foi quen de traballar con obxectividade para a selección da mellor candidatura galega e os seus integrantes amosaron criterio e xenerosidade para aceptar unha decisión de carácter técnico e obxectivo que agora se comproba que era a acertada. 

Coa sede da Axencia, Galicia introdúcese de cheo na estratexia europea cara ao liderado mundial nunha intelixencia artificial fiable e de valores humanistas. A AESIA será a primeira das axencias que se creen en Europa e deberá marcar o camiño a seguir por todas as demais. 

Estes obxectivos europeos coinciden cos establecidos por Galicia na Estratexia Galega de Intelixencia Artificial e reforzados por iniciativas como o estudo das tres universidades promovido pola Xunta para analizar o marco ético e normativo axeitado para ese enfoque europeo da IA. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Resucitar moléculas da Prehistoria contra as superbacterias: a nova fronteira dos antibióticos por IA

Os modelos xenerativos xa poden recuperar péptidos do ADN de especies desaparecidas e agora enfrontan o reto de converter os achados computacionais en medicamentos

A Xunta declara a situación de seca prolongada nos sistemas do Ulla-Tambre e no da Costa Norte

A falta de precipitacións reduce os recursos hídricos e eleva a vixilancia en 74 concellos, mantendo a alerta nas concas do Lérez e do Anllóns

É a IA unha ameaza? “Os avances van máis rápido do que a sociedade pode asumilos”

Fernando Suárez e Senén Barro aseguran que a intelixencia artificial si presenta riscos, pero a destrución da humanidade non se atopa entre eles