Andrea Busto, Guillermo Barreiro e César Gabriel Márquez son os tres estudantes da UVigo que se formarán durante 15 días en China. Foto: Duvi.
Andrea Busto, Guillermo Barreiro e César Gabriel Márquez son os tres estudantes da UVigo que se formarán durante 15 días en China. Foto: Duvi.

Tres mozos galegos formaranse na sede de Huawei

Andrea Busto, Guillermo Barreiro e César Gabriel Márquez, da Universidade de Vigo, estarán do 5 ao 20 de xullo nas cidades de Shenzhen e Beijing

Andrea Busto, Guillermo Barreiro e César Gabriel Márquez son os nomes dos tres estudantes da Universidade de Vigo que acadaron unha das dez prazas que ofrecía en España a convocatoria de bolsas O Futuro das TIC 2019, da multinacional chinesa de alta tecnoloxía Huawei. Do 5 ao 20 de xullo participarán, coa totalidade dos gastos cubertos, nun programa formativo en China no que asistirán a un curso de formación en telecomunicacións e investigación tecnolóxica na sede da empresa, en Shenzhen, e a un curso de lingua e cultura chinesas en Beijing.

O programa enmárcase dentro do proxecto global de promoción do talento da compañía Seeds for the Future, que se comezou a desenvolver en España en 2013 e que nesta edición celebra a súa sétima edición. Para acadar unha das bolsas, a e os estudantes da Universidade de Vigo tiveron que presentar o seu expediente académico, o seu curriculum vitae e un vídeo feito por eles no que explicaban os motivos da súa solicitude, valorándose a orixinalidade, a creatividade, o nivel de inglés e as habilidades comunicativas do candidato ou candidata.

Dous estudantes do campus de Vigo

Dos tres estudantes da Universidade de Vigo elixidos, dous proceden da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, do campus de Vigo, e un da Escola Superior de Enxeñaría Informática, do campus de Ourense. Entre eles está Andrea Busto, alumna de terceiro curso do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación. “Nada máis saber do proxecto non dubidei en presentarme. Aprender sobre novas tecnoloxías e de paso unha escapada a China… que máis podería pedir?”, comenta sobre a iniciativa. O máis complexo e “intenso” do proceso de selección, indica, foi a elaboración do vídeo persoal con medios de produción “bastante limitados”. “Pero fíxose o que se puido co que a había (e a excepcional axuda da miña irmá), e parece que non foi mal de todo a cousa”, apunta a estudante. Sobre o feito de ser seleccionada, Andrea Busto sinala como “obviamente, estou encantada” e lembra como “o día que saían os resultados estiven entrando cada hora na páxina principal do programa por se xa saíran os gañadores. Cando saíron coincidiu que estaba cun grupo de compañeiros no que tamén estaba Guillermo, outro dos seleccionados da Universidade”. Sobre a experiencia que teñen por diante apunta como ten “expectativas bastante altas” respecto ao programa formativo, moitas gañas de coñecer ás e aos compañeiros desta “aventura” e o desexo de “atoparme alí unha sociedade completamente distinta, que me produce moitísima curiosidade”.

Do mesmo grao participa no programa de Huawei Guillermo Barreiro. El sinala como se decidiu a presentarse porque “non podía deixar pasar a oportunidade de aprender sobre as tecnoloxías máis punteiras a día de hoxe (5G, Big Data, Internet of Things, Machine Learning…) da man dunha das máis grandes compañías de telecomunicacións do mundo”. Por outra banda, engade, “encántame viaxar e coñecer novas culturas e China é un país totalmente diferente ao noso que tiña ganas de visitar dende hai moito tempo”. Moi ilusionado “porque creo que vai ser unha experiencia marabillosa e inesquecible”, Guillermo Barreiro comenta como “a min sorprendeume moito ser escollido, xa que había moitos participantes e a competencia era moi alta”. Unha vez superado o proceso de selección, apunta que ten un valor incalculable “poder coñecer de primeira man os proxectos nos que está traballando unha das máis grandes compañías de telecomunicacións do mundo, o seu xeito de desenvolvelos e a súa filosofía como empresa, porque son esas cousas que nunca aprenderás en ningunha materia da Universidade, que che dan un valor extra ao teu currículo e que poden axudar moitísimo no futuro á hora de levar a cabo un proxecto”.

Un estudante do campus de Ourense

O terceiro dos estudantes da Universidade de Vigo seleccionados por O Futuro das TIC 2019 é César Gabriel Márquez, que acaba de rematar o segundo curso do Grao en Enxeñaría Informática no campus de Ourense. Decidiu presentarse porque sempre busca “aproveitar cada oportunidade nova para aprender e medrar como persoa”, aínda que recoñece que o proceso de solicitude foi “unha loucura” porque coñeceu a convocatoria moi tarde e rematando os exames. Sobre o programa, César Gabriel Márquez comenta que lle parece “unha experiencia incrible, na que se lle dá aos estudantes a oportunidade de coñecer de primeira man a que algún día será a súa profesión e, todo isto, na sede dunha das empresas tecnolóxicas máis grandes do mundo, presente en máis de cen países”. Sobre as súas expectativas arredor desta viaxe formativa, espera que esta experiencia lle proporcione “unha nova perspectiva sobre a profesión e sobre o mundo, xa que coñecer outras culturas e outras formas de traballar sempre nos fai medrar”. Así, agarda volver “convertido un pouquiño máis en cidadán do mundo” “e “máis preto de ser o profesional que algún día quero ser”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.