Venres 19 Abril 2024

iBeeAgro, para controlar as explotacións agrícolas a un ‘clic’

No niño 28 do Parque Tecnolóxico de Galicia ubícase desde hai menos dun ano iBeeTel Solutions, un dos proxectos empresariais gañadores en 2015 da IV edición dos Premios Incuvi-Emprende da Universidade de Vigo. Coa convocatoria de 2016 destes galardóns aberta, os promotores iBeeTel Solutions fan un balance moi positivo da súa experiencia nesta iniciativa, pois co plan empresarial en marcha xa están ultimando a comercialización do seu primeiro produto, un Sistema de Supervisión e Xestión Integral Agrícola destinado a produtores.

Consola de iBeeAgro.
Consola de iBeeAgro.

“iBeeAgro é unha solución para agricultura de precisión, que ofrece aos produtores agrícolas controlar, desde calquera dispositivo con acceso a Internet, o estado actual e futuro dos seus cultivos, os riscos de padecer enfermidades e, en xeral, realizar unha xestión integral, baseándose en datos obxectivos recompilados da explotación en tempo real”. Con esta definición presentan o seu primeiro produto os responsables de iBeeTel Solutions, que son Sergio Eiriz, egresado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación do campus de Vigo; David Losada, da Escola Superior de Enxeñaría Informática, do campus de Ourense, e Javier Pesado, da Escola de Enxeñaría Industrial, tamén do campus de Vigo.

Publicidade

Nos meses transcorridos desde a concesión do galardón, apuntan os titulados da Universidade de Vigo, “acadamos o noso obxectivo tecnolóxico de desenvolver o Sistema de Supervisión e Xestión Integral Agrícola, que permite aos produtores optimizar a produción”. A ferramenta, comentan, está formada por unha estación agroclimática chamada iBeeAgro Station, un dispositivo electrónico deseñado, desenvolvido e fabricado por eles que mide de maneira automática diferentes parámetros climáticos de planta e de solo e que envía os datos a unha plataforma software de supervisión na nube chamada iBeeAgro Tool. Esta plataforma constitúe a segunda das partes da ferramenta e permite aos produtores agrícolas tarefas como supervisar o estado actual do seu cultivo, coñecer os riscos de padecer enfermidades ou obter predicións meteorolóxicas locais, realizando unha xestión integral da súa explotación, con funcionalidades como o caderno de campo.

As estacións meteorolóxicas sobre o terreo envían datos precisos a iBeeAgro

Froito das entrevistas de validación, que lles permitiron coñecer mellor as necesidades do sector agrícola, os emprendedores salientan que fixeron cambios no seu proxecto inicial, como nas estacións agroclimáticas. Inicialmente pensadas para formar unha rede de sensores que se conectara a Internet a través dun dispositivo gateway, durante o desenvolvemento do proxecto engadiuse a opción de que cada estación agroclimática se poida conectar directamente a Internet facendo uso de redes GPRS/3G. Na actualidade, sinalan os emprendedores da Universidade de Vigo, “estamos pendentes da certificación CE das estacións agroclimáticas, paso previo necesario para a súa comercialización como parte do Sistema de Supervisión e Xestión Integral Agrícola, iBeeAgro”.

“A nosa visión é a de chegar a ser referentes no desenvolvemento de solucións de monitorización e control orientadas á sostibilidade, eficiencia e calidade, para todos os sectores e, especialmente no sector agrícola”, sinalan os emprendedores sobre as súas expectativas de futuro. Para acadalo, ofrecen servizos de enxeñaría hardware (especificacións, deseño, desenvolvemento, prototipado, probas, fabricación externalizada e mantemento de dispositivos electrónicos inalámbricos orientados a solucións de monitorización e control remoto), e de enxeñaría software (análise, deseño, desenvolvemento, probas, produción e mantemento de plataformas cloud para monitorización e control remoto e plataformas cloud ERP).

Sergio Eiriz, David Losada e Javier Pesado ultiman a comercialización do sistema

Chegar a este punto, sinalan os promotores do proxecto, foi un intenso proceso no que, entre outros retos tiveron que lidiar coa falta de coñecementos de xestión empresarial, que dificultou a realización do plan de empresa, coa dispersión da información, que fixo custoso realizar a análise de mercado, e coa pouca información dispoñible sobre prezos de solucións alternativas, que dificultou a análise de competidores e a fixación de prezos de venda. A pesar desas trabas, indican, conseguiron fitos como definir o modelo de negocio e validar se dá resposta ás necesidades do cliente, verificar a escalabilidade do modelo de negocio e establecer un modelo organizativo funcional, un plan de operacións e un plan financeiro.

Coa súa idea de negocio xa en marcha, Sergio Eiriz, David Losada e Javier Pesado subliñan que os principais beneficios de participar nos Premios Incuvi teñen sido adquirir coñecementos no ámbito da xestión empresarial, a mentorización para realizar o plan de negocio, dispoñer dun local durante un ano para poder desenvolver o proxecto e o recoñecemento e visibilidade que supón a participación nos mesmos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Inventiva galega fronte á avespa asiática

O estudante Luis Abal procura financiamento para fabricar un enxeñoso dispositivo contra esta praga do rural galego

O teléfono decide cando regar

Tres enxeñeiros crean IBeeAgro, un sistema para xestionar explotacións agrícolas dende o PC ou o móbil