A CRTVG creará unha canle educativa para Internet

A Compañía da Radiotelevisión de Galicia (CRTVG) anunciou a creación dunha canle temática dirixida a profesorado e estudantado non universitario da comunidade, nun proxecto no que contará coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Será unha canle con protagonismo para os novos modelos narrativos dixitais con maior impacto no público infantil e xuvenil, como os youtubers, e as diferentes plataformas de vídeo baixo demanda que operan nos mercados internacionais, así como as emisións en directo de grandes eventos e conferencias con persoas de prestixio internacional.

A canle dixital, transmedia e interactiva, complementará o Programa Abalar de integración das TIC na práctica educativa de Galicia, e permitirá aos docentes e aos estudantes de primaria ou secundaria obter recursos audiovisuais baixo demanda relacionados cos diferentes contidos das materias que se imparten na formación entre 6 e 16 anos.

Publicidade

A canle apostará polas novas narrativas adaptadas ao público máis novo e ao eido educativo

Segundo informa a CRTVG, os dispositivos móbiles nesta nova canle serán utilizados, sobre todo, como visualizadores avanzados de contidos multimedia que permiten aos estudantes e ao profesorado unha ampliación de información e de entretemento sobre os obxectos de estudo, como por exemplo a posibilidade de que o dispositivo móbil etiquete e describa monumentos de referencia en Galicia a través da realidade aumentada, ou de que se recreen sucesos naturais ou históricos a través da realidade virtual. No eido formativo preténdese, en definitiva, ofrecer a posibilidade dun modelo educativo envolvente, que permita achegar a información necesaria no momento no que sexa demandado tanto polo estudante coma polo profesor.

O proxecto contempla tamén a creación de programas que poderán ser emitidos en canles tradicionais coma a televisión ou a radio. Para iso incorporaranse á experiencia de usuario novidades como as segundas pantallas complementarias á formación con contidos de realidade aumentada e realidade virtual para dispositivos móbiles, sincronizados con programas que se emiten actualmente.

Publicidade

O proxecto enmárcase dentro da Área de Innovación da CRTVG, que busca  ampliar as canles de comunicación cos sectores de audiencia máis novos e os novos hábitos de consumo.  O acordo entre as dúas institucións inclúe tamén a creación dun modelo de análise de datos que procese o consumo e os comportamentos da mocidade galega ante os contidos audiovisuais dixitais e ante as novas tecnoloxías. O novo proxecto terá unha duración inicial de tres anos nos que as dúas institucións públicas, CRTVG e Amtega, desenvolverán tanto a plataforma tecnolóxica necesaria para o seu funcionamento coma os contidos que se publiquen nela.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Xunta lanza unha iniciativa para modernizar a Administración con tecnoloxías disruptivas

A iniciativa solucionará as necesidades do sector público con IA, datos e 5G para mellorar os servizos e a relación coa cidadanía

Da saúde á loita contra os incendios: estas son as máis de 20 iniciativas con uso de IA da Xunta

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica anuncia dez proxectos en fase de produción, e o resto en desenvolvemento, pilotaxe ou proba

Luz verde ao Pacto Dixital entre a Xunta e o sector das TIC para a modernización tecnolóxica de Galicia

A iniciativa impulsada pola Amtega busca abrir novas oportunidades de negocio, reducir a fenda dixital e promover a colaboración no ámbito da tecnoloxía

A revolución intelixente da Xustiza galega: o Plan Senda 2028 propón un sistema máis inclusivo

O Goberno galego aproba unha estratexia que introduce a intelixencia artificial no sistema xudicial, ten unha xestión bilingüe co programa Atenea e dota de ferramentas tecnolóxicas ás 268 oficinas municipais