Venres 29 Marzo 2024

Apps de rastrexo contra a Covid-19? Privacidade por riba de todo

Expertos en Telecomunicación da UVigo advirten que os sistemas para seguir contactos deben garantir a protección de datos

A capacidade que amosaron algúns países, sobre todo en Asia, para detectar posibles contactos de infectados da Covid-19 a través de aplicacións de rastrexo integradas nos teléfonos móbiles non é, por agora, unha opción viable en boa parte de Europa. As dúbidas sobre as intromisións na privacidade “desaconsellan firmemente a adopción inmediata” destes métodos, segundo un estudo elaborado por expertos en Telecomunicacións do centro Atlanttic da Universidade de Vigo. Un dos autores do informe, o catedrático de Teoría do Sinal Fernando Pérez González, expuxo os riscos ao respecto nun seminario organizado este venres pola Real Academia Galega de Ciencias.

Pérez explicou que actualmente en Europa están sobre a mesa dous modelos para desenvolver estes sistemas de rastrexo. Por unha banda, unha alternativa centralizada, que recolle os datos nun servidor alleo aos usuarios, e outro descentralizado, con capacidade para almacenar nos propios dispositivos os identificadores das persoas que pasaron cerca dun usuario en caso de que este dea positivo para enviar de forma automática o aviso do risco de infección. Con todo, unha vez analizadas as vantaxes e desvantaxes de cada un deles, os investigadores vigueses expoñen no seu documento que estas aplicacións de rastrexo”non ofrecen unha garantía total de privacidade aos usuarios, nin son 100% robustas fronte a ataques maliciosos, algúns deles relativamente sinxelos de implementar, escalables, con capacidade de se converter en masivos e con potenciais consecuencias moi negativas”.

Publicidade

Do Gran Irmán ao Maior Irmán

Neste sentido, explicou Pérez “canto máis estudabamos un e outro, máis nos percatabamos de que, unha vez, eliminada a hipótese dun estado que actuase como ‘Gran Irmán’, modelo de ameaza do que parte o protocolo descentralizado, ambos amosaban graves problemas que ían moito máis alá do debate orixinal, ata o punto de chegar á conclusión de que, na súa concepción actual, a súa utilidade é moi limitada”, explica o catedrático da UVigo.

Así, o documento sinala que, mentres o aspecto da seguridade está moi ben resolto nestas aplicacións, as vulnerabilidades veñen polo feito de que poñendo a privacidade como criterio de deseño máis importante, a comunicación entre terminais debe ser anónima, “polo que, ao non estar autenticados, é posible facer ‘trampas ‘que poñan en dúbida a veracidade da información captada polo sistema”, explica o catedrático, que tamén lamenta a ocasión perdida por Europa, entregando a Apple e Google a implementación da infraestrutura operativa sobre a que deben funcionar as aplicacións, xa que estas compañías comezaron a traballar pola súa conta nestas iniciativas.

“Isto pode axudar a que o grao de adopción aumente, pero farémolo a costa de perder soberanía tecnolóxica en Europa. É un paradoxo que tratando de evitar que os estados tivesen excesiva información sobre os nosos contactos, vaiamos acabar en mans de Google, que xa sabe máis de nós que nós mesmos”, lamenta Fernando Pérez ,que  se amosa convencido de que se seguisen outros criterios, o rastrexo manual podería ser plenamente complementario e compatible co rastrexo dixital. “Desgraciadamente, este non é o caso coas aplicacións actuais”, conclúe o docente e investigador da Universidade de Vigo. O informe é claro sobre este punto: “Buscando evitar un Gran Irmán, os europeos estamos poñendo a nosa privacidade nas mans dun Maior Irmán”, en referencia aos xigantes tecnolóxicos.

Limitacións da adopción e o Bluetooth

Neste sentido, tal e como recolle a propia UVigo, os expertos apuntan o grao de adopción da poboación para facer un rastrexo efectivo de contaxios debe ser do 80%, unha cifra complicada de acadar. “Para ver o difícil que é que o 80% das persoas teñan a app descargada, instalada, activada e co Bluetooth activado permanentemente, débese ter en conta que en Singapur, un país tecnoloxicamente moi avanzado, o grao de adopción chegou ao 20%. De feito, o exceso de confianza nunha tecnoloxía non suficientemente adoptada, foi sinalado como unha das causas do rebrote que tivo lugar recentemente no país”.

Sobre o uso da tecnoloxía Bluetooth Low Energy (BLE), Pérez explicou no seminario a imprecisión do sinal nalgunhas situacións cotiás “A estimación da distancia á que están dúas persoas é moi imprecisa e faise en base á potencia recibida, que depende de moitos factores como a orientación relativa dos teléfonos móbiles, se hai obstáculos e de que tipo e outros fenómenos relacionados coa propagación”, como explicou coa imaxe baixo estas liñas.

Exemplo da distorsión nas distancias en función da orientación dos dispositivos (D, dianteiro, e T, traseiro) e os obstáculos entre posibles contactos, Fonte: Fernando Pérez.
Exemplo da distorsión nas distancias en función da orientación dos dispositivos (D, dianteiro, e T, traseiro) e os obstáculos entre posibles contactos, Fonte: Fernando Pérez.

Máis información: Abriendo la caja de Pandemia: por qué necesitamos repensar el rastreo digital de contactos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Academia de Ciencias entrega os Premios Ernesto Viéitez Cortizo 2023

Recoñece a tres equipos galegos polo estudo de microplásticos, do control da glicosa e da mellora de imaxes médicas con IA

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

Tecnoloxía personalizada para o rural: “Se unha persoa maior se perde, o seu veciño pode saber onde está”

Un equipo de atlanTTic investiga a viabilidade de prestar servizos dixitais nas aldeas sen cobertura adaptados ás necesidades dos seus habitantes

A RAGC premia ao equipo da UDC que busca métodos para identificar microplásticos no medio

Os Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2023 conceden dous áccesits, un para a USC e outro para a UDC