O Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia, Cinae, inicia unha nova etapa coa contratación do seu primeiro director xeral e a sinatura dos seus primeiros contratos con entidades públicas e privadas, ao tempo que agarda a resolución de varias convocatorias europeas ás que concorreu na procura de fondos. O reitor da Universidade de Vigo e presidente do padroado da Fundación Cinae, Salustiano Mato, e a delegada do Estado na Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, deron conta destas novidades.
O elixido para dirixir o Cinae é o enxeñeiro barcelonés da Axencia Espacial Europea, ESA, Antonio Castro García, que se incorporará a tempo parcial as vindeiras semanas. Con 28 anos de experiencia profesional no sector aeroespacial Castro comezou traballando en comunicacións por satélite en Telefónica e posteriormente en misións de espazo profundo e interplanetarias no Jet Propulsion Laboratory da NASA en California e desde 1998 traballa na Axencia Espacial Europea, onde desempeñou o seu labor principalmente no centro tecnolóxico de ESTEC en Holanda, e tamén no ESRIN, en Roma, e no Centro Espacial de Toulouse da Axencia Espacial Francesa (CNES). Actualmente desenvolve a súa actividade no centro de operacións da ESA (ESOC) en Darmstadt, Alemaña.
Tras ser parte do equipo que deseñou o sistema de navegación Galileo, neste intre traballa na operación deste sistema, onde xestiona os dous centros de control (GCC) do sistema localizados en Munich e Roma. Castro, que colaborou co equipo do investigador e docente da Universidade de Vigo Fernando Aguado nos proxectos Xatcobeo e Humsat, “ten experiencia sobrada como tecnólogo e científico e é un luxo telo aquí para deseñar e desenvolver o plan estratéxico do centro”, asegurou Mato, que destacou o traballo realizado por Castro como xestor de proxectos e contratos de ámbito mundial por un importe de ata 200 millóns de euros, ao tempo que destacou que a súa experiencia e carteira de contactos permitirá “abrir internacionalmente o centro e dar músculo ao sector empresarial que se está a introducir no mundo aeronáutico e aeroespacial”.
O CINAE ten xa en marcha os primeiros proxectos de innovación aeroespacial
A sinatura do primeiro contrato cunha empresa privada e dun contrato programa coa Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación, Gain, foron outros dos fitos destacados por Mato e Pedrosa en relación co Cinae. O Centro xa asinou un contrato coa empresa catalá Aistech co obxectivo de dar soporte e consultoría para o rexistro de frecuencias e a obtención de licencias para a misión Aistechsat2 e, neste intre, negociase outro contrato con esta mesma empresa para a integración dun satélite que se operaría desde o Cinae. Caso de materializarse este acordo, o importe de ambos os dous contratos con Aistech ascendería a 355.000 euros.
Doutra banda, o Centro asinaba recentemente coa Xunta un contrato programa para os anos 2016 e 2017 por un importe de 160.000 euros e que contempla a potenciación de liñas estratéxicas de investigación para promover a excelencia científico-técnica; formación, captación e retención de talento e programas nacionais e europeos de I+D+i e proxectos colaborativos con empresas e axentes de investigación. Un acordo, que en palabras do reitor da Universidade de Vigo, “supón un importante impulso para o centro”.
Mato tamén lembrou a participación do Cinae no proxecto Pinaet da convocatoria europea Poptec para a creación dun polo aeronáutico en Galicia e o Norte de Portugal, así como nos proxectos Kronos e Polares dentro do programa Feder Interconecta e a solicitude dunha convocatoria de Unidade Mixta coa empresa Aistech para a integración dun satélite demostrador que incorpora a recepción da posición de avións (ADS-B) e capacidade de comunicación bidireccional con terminais en terra, convocatorias cuxa resolución aínda non se produciu e que ascenden a preto de cinco millóns de euros.