Venres 19 Abril 2024

A sexta edición da Maker Faire Galicia, do 18 ao 22 de novembro en formato ‘en liña’

Aeronáutica, automoción, alimentación, enerxía, saúde, economía circular, educación ou innovación social serán as temáticas centrais

Despois de cinco multitudinarias edicións, polas que pasaron máis de 50.000 visitantes, a nova edición da Maker Faire Galicia adáptase ao contexto da pandemia, mantendo a posibilidade de ver e interactuar con makers de todas as idades que ensinarán os seus proxectos a través da plataforma en liña que foi desenvolvida para este evento. A plataforma, de acceso gratuíto mediante rexistro, funciona de modo similar a Google Street View, polo que os asistentes poderán circular polo Museo Gaiás, contemplar os proxectos e facer preguntas en directo aos e ás makers. Tamén poderán participar en talleres ou asistir a charlas e mesas redondas con referentes nacionais e internacionais.

Durante a feira trataranse temas como aeronáutica, automoción, alimentación, enerxía, saúde, economía circular, educación e innovación social. Entre eles estarán algúns dos hits que a organización xa anunciou como Yannick Roy, co-fundador e director da comunidade máis grande do mundo de neurotecnoloxía (NeuroTchX), Sofía Belenguer, co-creadora e  CEO da app que axuda a levar unha dieta saudable baseada en comida real (MyRealFood),  Maitane Alonso, que sorprendeu á NASA coa súa máquina de conservación de alimentos ou Antón Vázquez, de Alén Space, a empresa galega dedicada ao deseño e construción de satélites dixitais.

Publicidade

Xornadas profesionais

Durante as xornadas profesionais, que terán lugar os días 18 e 19 de novembro, a feira abordará, a través de mesas redondas, asuntos como aceleradoras e o ecosistema maker, a outra sobre a reindustrialización e a análise dos retos da nova industria. Tamén se falará do sector téxtil e a economía circular, para o que contaremos con Lola Dopico, doutora en Belas Artes e profesora en Uvigo, Idoia Cuesta, premio nacional de artesanía, especializada en cestería, Maria Almazán, directora de LATITUDE e Arantza Vilas, fundadora e directora creativa de Pinaki Studios.

Ademais, os asistentes poderán gozar da xa coñecida competición de proxectos na que participarán unha selección dos 10 proxectos máis innovadores a nivel profesional. En canto a actividades, destacan a mentoría para Startups ofrecida por Startup Galicia, na que asesorarán de forma totalmente gratuíta a todos/as os/as makers interesados/as en vivir do seu proxecto, ou o taller que impartirá Bruno Moya (creador de Glassear) no que ensinará a crear unha app de realidade aumentada en tan só 1 hora.

Xornada educativa

Na xornada educativa, o 20 de novembro, numerosos centros educativos, tanto de España como de Portugal, participarán expoñendo proxectos innovadores; entre todos eles os mellores resultarán premiados. Durante esta xornada terán lugar tres mesas redondas. Unha delas versará sobre as diferentes realidades da innovación educativa, na que intervirán José Viñas (premio Educa Abanca como 4º mellor docente de España) ou María do Camiño Pereiro (finalista ao premio ao Mellor Docente de España na categoría de Primaria), entre outros. A segunda mesa tratará sobre educación inclusiva e nela intervirá Javier Mur, coñecido polo proxecto Guillén, onde integrou na dinámica da aula a un alumno con cancro. A última mesa estará relacionada coa aplicación da tecnoloxía no sector da educación e nela participarán Carmen Fernandez Morante (decana da Facultade de Ciencias da Educación da USC), Conchy Fernandez (asesora TIC do Centro de Autonómico de Formación e Innovación, CAFI), Carmela Salgueiro (docente en VermisLAB) e Luz Castro (Socia fundadora de imaxin|software).

Ademais das mesas e charlas desenvolveranse distintas actividades, como a Game Maker Jam, unha competición para crear un videoxogo en dous días, ou talleres sobre computación cuántica ou robótica virtual con Mbot.

Xornadas abertas

Por último, as xornadas abertas celebraranse o 21 e 22 de novembro e nelas poderemos gozar de charlas como a de Javi Serrano e Rocío Lozano que falarán de NeuroTech Galicia e como funciona esta comunidade relacionada coa neurotecnoloxía, ou a de María Noguerol e o proxecto iniciado pola súa tía, Manuela Carmena, Cosiendo el paro, no que persegue a integración social e laboral de persoas en situación de exclusión ou perda de liberdade.

Tamén haberá espazo para mesas redondas, por exemplo na de “Game Makers” analizarase o papel dos videoxogos e como evolucionaron ata hoxe en día. A mesa “Makers  vs. Covid” reflexionará sobre a actuación da comunidade maker fronte á pandemia, desde o estado de alarma ata o de agora e cales son as perspectivas de futuro.

Ademais, gozaremos de talleres para todas as idades, entre eles haberá un sobre a construción dun levitador ultrasónico, que ofrecerá Asier Marzo (colaborador de programas como El Hormiguero) ou a diversa oferta de VermisLAB con talleres de introdución á robótica con Micro:BIT, introdución ao desenvolvemento de videoxogos básicos, ciencia espacial ou electrónica creativa con plastilina condutiva.

Ao final das xornadas premiaranse os proxectos máis votados polos asistentes nas diferentes categorías e entregarase o Maker de mérito. A diferenza doutros anos esta feira virtual non será efémera, senón que os contidos permanecerán en aberto ata a celebración da seguinte edición e engadiranse outros novos que poidan resultar de interese aos rexistrados.

A Maker Faire Galicia 2020 celebrarase co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura e a Asociación para o Progreso da Dirección (APD).


Toda a información pode consultarse na web do evento, nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas