Un posible marcador da obesidade nas vesículas extracelulares

Científicos do IDIS de Santiago conclúen que as vesículas liberadas por adipocitos obesos e diabéticos inducen estas patoloxías en adipocitos sans

O redescubrimento das vesículas extracelulares (pequenas estruturas liberadas por todas as células do organismo), debido ao papel tan importante que xogan tanto nos procesos fisiolóxicos normais como en distintas patoloxías, está a cambiar o paradigma en moitos aspectos da investigación biomédica. En concreto, no estudo das enfermidades metabólicas emerxen como unha nova vía de comunicación entre células independente da vía clásica a través de hormonas. Neste campo, unha investigación recente levada a cabo por investigadores do Centro de Investigación Biomédica en Rede de Obesidade e Nutrición (CIBEROBN), do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela (CHUS- IDIS), atopou potenciais biomarcadores de obesidade nas vesículas extracelulares liberadas por células de graxa (adipocitos) ao demostrar por primeira vez que o contido das vesículas extracelulares varía segundo a condición patolóxica, sendo unha representación do que está a suceder dentro da célula de orixe.

“O coñecemento sobre estas proteínas pode ser moi valioso como biomarcador de enfermidades metabólicas, xa que puidemos comprobar como as vesículas extracelulares liberadas por adipocitos diabéticos e obesos son capaces de inducir esas mesmas patoloxías en adipocitos sans”, afirma a investigadora do CIBEROBN, María Pardo.

Publicidade

Para levar a cabo este traballo, estableceuse un modelo de adipocitos resistentes á 
insulina e dous modelos de adipocitos ‘obesos’ para illar os seus vesículas extracelulares e poder realizar así unha análise das proteínas no seu interior. Os resultados mostraron que os adipocitos diabéticos e obesos liberan vesículas cargadas de proteínas relacionadas previamente coa obesidade e diabetes.

“Como as vesículas extracelulares viaxan polo sangue do noso organismo, suxerimos que estas proteínas dentro delas, poderían usarse como biomarcadores de obesidade axudando na práctica clínica a determinar, de forma non invasiva, o grao de resistencia a insulina (prediabetes/diabetes), ou os niveis de adiposidade (nivel de graxa acumulada) nos pacientes obesos”, explica a investigadora.

Publicidade

María Pardo afirma ademais que a análise destas vesículas en sangue podería mesmo axudar a monitorar a efectividade dos tratamentos por dieta/exercicio ou cirurxía cunha simple análise de sangue. De feito, estudos moi recentes realizados tamén desde o seu grupo mostran que algúns destes biomarcadores atopados nas vesículas dos adipocitos diabéticos e obesos de rato, atópanse tamén nas vesículas extracelulares liberadas pola graxa obesa
humana en pacientes sometidos a cirurxía bariátrica, confirmando a utilidade destes
biomarcadores vesiculares.

Despois de obter estes resultados, neste momento están a traballar en establecer un método sinxelo para illar as vesículas circulantes no sangue, e deseñar un panel de biomarcadores de obesidade que poida ser utilizado de forma rutineira na consulta de obesidade.


Referencia: Vesicles Shed by Pathological Murine Adipocytes Spread Pathology: Characterization and Functional Role of Insulin Resistant/Hypertrophied Adiposomes (Publicado no International Journal of Molecular Sciences).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do formigón de Ourense aos parques de Santiago: un estudo contrasta os dous modelos de zonas verdes

A cidade do sur galego é unha das tres con peor cobertura, con 4,6 metros cadrados por habitante, moi por debaixo da media de 14,15

Un equipo de Santiago revela patróns xenéticos compartidos entre oito trastornos mentais

Un novo estudo do IDIS aplica por primeira vez unha abordaxe estatística novidosa en psiquiatría co obxectivo de mellorar o diagnóstico e impulsar a medicina personalizada

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento

GCiencia lanza a décima edición dos premios Galicia Spin-Off

Os galardóns recoñerán un ano máis a empresas innovadoras xurdidas das universidades e a un grupo de investigación