Potenciar a capacidade de conectar cos pacientes, facilitar o traballo dos profesionais da saúde e avanzar na transformación dixital son os obxectivos da nova versión da historia clínica electrónica, Ianus 5, que está a poñer en funcionamento o Servizo Galego de Saúde (Sergas). Novidades como a videoconsulta, a carpeta persoal de saúde e a conectividade entre os diversos dispositivos xa están a ser probadas no sistema de saúde galego con avaliacións moi positivas por parte de profesionais e pacientes.
A semana pasada celebrouse en Santiago unha xornada na que se presentou este novo modelo de historia clínica electrónica, que está chamado a supoñer unha evolución moi importante cara a facilitar unha mellor atención aos pacientes e axudar os profesionais sanitarios a realizar o seu traballo dun xeito máis eficiente e sinxelo.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, explicou durante o evento que Ianus 5 ten como obxectivo prioritario “xirar o modelo” para situar o paciente no centro da decisión clínica. “A historia clínica electrónica vólvese máis universal, transversal e integrada, ademais de potenciar a capacidade de conexión cos pacientes e de xerar coñecemento” apuntou García Comesaña.
Durante a xornada interviñeron profesionais que traballan no Sergas e que participaron no período de probas da nova plataforma Ianus 5. Matilde Maceira, médica de familia que traballa no Centro de Saúde de Narón, indicou que o período de aprendizaxe da ferramenta é “rápido e sinxelo” e destacou especialmente a melloría que supón para a comunicación cos pacientes, especialmente con aqueles que teñen dificultades para desprazarse ao centro de saúde.
Pola súa banda, Juan José Sánchez, médico e xefe de servizo do Centro de Saúde da Estrada, sinalou que unha das posibilidades que ofrece a nova plataforma e mellorar o coidado aos pacientes crónicos, un dos colectivos aos que o sistema ten que dedicar máis recursos para a súa atención. Destacou que Ianus 5 permite facer un diagnóstico da situación de cada paciente e ver cal pode ser a súa evolución probable.
Pantallas en hospitais e centros de saúde
Unha das novidades da plataforma é un maior uso do chat e a vídeo-chamada que promoven unha maior participación por parte dos usuarios. Xa está en marcha a implantación de máis de 12.500 pantallas con cámara e micrófono integrados, en centros de saúde e hospitais galegos, para que poidan levarse a cabo. Outras das funcionalidades que se puxeron en valor foron a conectividade cos dispositivos médicos, que facilita o envío automatizado da información que o dispositivo xera; e a carpeta persoal de saúde do paciente, que permite acceder a información compartida por este, sendo el o que ten o poder de decidir o que quere compartir e o que non. Esta funcionalidade permite rexistrar, por exemplo, os datos dun reloxo intelixente para que os vexa logo o médico.
Outro dos aspectos en que incide esta nova versión é na identificación dos pacientes que precisen seguimentos especiais e transversais como por exemplo o paciente crónico complexo. Esta funcionalidade permite implantar modelos de atención compartida entre os profesionais dos distintos niveis asistenciais do sistema sanitario público de Galicia, incorporando tamén a outros profesionais sanitarios doutras institucións.
En colaboración coa Consellería de Política Social, logrouse que a historia clínica estea dispoñible en preto de 200 residencias sociosanitarias. No caso dos centros penitenciarios estase a avanzar no convenio asinado co Ministerio do Interior, para implantala na sanidade penitenciaria das prisións galegas.
Explotación masiva de datos
No transcurso do acto tamén se puxo en valor a cantidade de datos xerados en Galicia arredor da saúde dos pacientes e destacouse a potente fonte de datos que se foi configurando ao longo dos últimos 12 anos, con case 2.500 millóns de rexistros almacenados. En tan só un ano, contabilízanse máis de 60 millóns de accesos á historia clínica e imaxe dixital; con máis de 240.000 anotacións diarias por parte dos profesionais.
O Sergas traballa en varias liñas de aplicación da intelixencia artificial. Entre elas, a detección de enfermidades raras, o emprego de algoritmos de recomendación de contidos formativos a profesionais e pacientes; ou a análise do comportamento das distintas opcións terapéuticas asociadas ás distintas patoloxías, para valorar en cada caso cal é a mellor na práctica clínica. Boa parte destas accións, reflíctense nesta nova versión da historia clínica electrónica.
A explotación masiva de datos e o impulso no desenvolvemento da IA, suporá, tal e como indica a estratexia nacional de intelixencia artificial, un impacto importante no tecido produtivo, a economía e a sociedade do dato. É por iso que dende o executivo galego se tenta facer dende unha perspectiva humanista, que sexa garante dos dereitos individuais e colectivos dos cidadáns.