A síndrome do colon irritable afecta a arredor do 20% da poboación, en especial ás mulleres. Imaxe: Pixabay.
A síndrome do colon irritable afecta a arredor do 20% da poboación, en especial ás mulleres. Imaxe: Pixabay.

Atopan o mecanismo que causa a síndrome do colon irritable

Un artigo publicado en "Nature" describe un mecanismo que provoca unha resposta inmune no intestino e causa as molestias propias da doenza

Calcúlase que arredor de unha de cada cinco persoas no mundo padecen a síndrome do colon irritable. Estas molestias adoitan aparecer despois de comer, aínda que se poden estender durante moitas horas. Comeza con presión abdominal, e continúa cunha sensación de inchazón, cambras e náuseas, ou unha necesidade súbita de ir ao baño. Estes síntomas causan unha importante perda de calidade de vida, un importante nivel de morbilidade (incremento de persoas enfermas e hospitalizacións) e aumento dos custos médicos.

Moitas foron as investigacións que se achegaron a esta problemática, máis común no caso das mulleres, e que ás veces se confunde con síntomas de estrés, cos períodos menstruais ou con posibles reaccións alérxicas non detectadas. E a causa pode estar relacionada con isto último, segundo expón un grupo de científicos que publica esta semana un artigo en Nature, e que apunta a que o colon irritable pode ser orixinado por unha especie de reacción alérxica específica a determinados alimentos e localizada no intestino. O traballo, cuxo primeiro autor é o inmunólogo español Javier Aguilera Lizarraga, identifica o mecanismo que conecta determinados alimentos coa activación das células coñecidas como mastocitos, que liberan histamina, unha substancia que desencadea o malestar gástrico. A investigación do laboratorio da Universidade de Lovaina (Bélxica) demostrou que o bloqueo da histamina mellora a condición das persoas con síndrome de colon irritable.

Nun intestino san, que non padece esta patoloxía, o sistema inmune non reacciona aos alimentos, polo que o primeiro paso foi averiguar que podería causar a degradación desta tolerancia. E abordouse a posibilidade de que unha infección debida á presenza dun alimento no intestino podería inducir unha reacción inmunolóxica contra el. Algúns estudos previos apuntaban a que estas afeccións poderían ter un antecedente en problemas con E. coli ou Salmonella, o que daba unha pista aos científicos.

Para investigalo, infectaron ratos cun patóxeno estomacal e, ao mesmo tempo, alimentáronos con albúmina de ovo, unha proteína que se atopa na clara e que se usa habitualmnete como un modelo de antíxeno alimentario. Unha vez que a infección desapareceu, os ratos volveron recibir a albúmina para comprobar se o sistema inmune se adaptara a ela. E así foi, a substancia provocou a activación dos mastocitos, a liberación da histamina e a consecuente intolerancia, cun aumento da dor abdominal.

Os resultados apuntan, por tanto, a que esta reacción está conectada cun amplo espectro de enfermidades inmunolóxicas relacionadas cos alimentos. “Por unha banda, a resposta inmune a un antíxeno alimentario é moi local, como a síndrome do colon irritable; noutros casos prodúcese unha alerxia alimentaria que comprende unha reacción severa, que afecta á respiración, á presión arterial, etc.”, resume o gastroenterólogo Guy Boeckxstaens.

Os investigadores fixeron ensaios en persoas coa síndrome do colon irritable para comprobar se reaccionaban do mesmo xeito. Ao inxectar antíxenos vinculados a esta doenza, como a soia, o glute, o trigo ou o leite, producíronse reaccións semellantes ás dos ratos. Pero non se observou unha reacción en voluntarios sans.En declaracións a Science, Robin Spiller, experto en gastroenteroloxía da Universidade de Nottingham que non participou no estudo, resumiu a situación: Moitas persoas cren que son alérxicas a algo, pero as probas que se lles fan non atopan evidencia disto. A idea é que se pode ter unha resposta alérxica específica no intestino”. Para Spiller, o enfoque deste novo artigo é “un concepto realmente novo”.

Novos tratamentos

Aínda que o número de persoas involucradas no ensaio é relativamente pequeno, e xa se están abordando investigacións cun maior número de pacientes, o avance parece significativo ao considerar que os afectados mostran unha mellora cando son tratados con antihistamínicos. “Esta é unha proba de que o mecanismo que atopamos ten relevancia clínica”, expón o profesor Boeckxstaens. “Coñecer o mecanismo que conduce á activación dos mastocitos é crucial, e levaranos a novas terapias para estes pacientes”, conclúe o investigador.


Referencia: Local immune response to food antigens drives meal-induced abdominal pain (Publicado en Nature).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.