Publicidade
Luns 19 Maio 2025
Publicidade

Luis Caramés: “O ‘shock’ en España pode ser maior polo ‘monocultivo’ do turismo”

O economista da USC analizou no seminario da Academia de Ciencias as previsións económicas o impacto da epidemia de Covid-19

A mirada inmediata ante a epidemia diríxese cara a procura de tratamentos e curas contra a Covid-19, pero a incerteza dunha economía paralizada, e o seu posible impacto na sociedade, tamén require da atención da investigación. Luis Caramés, catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago, académico da RAGC e un dos analistas máis recoñecidos nesta materia en Galicia, participou no encontro que organizou este martes a institución para explicar o impacto presente e futuro desta crise.

Na súa análise, Caramés avanzou os posibles escenarios de recuperación despois do impacto agudo da epidemia. “O máis probable, se as institucións responden ben, é que se siga unha traxectoria en forma de V, cunha remontada relativamente rápida cara a finais de ano. Pero existe tamén a posibilidade dunha recuperación en forma de U, máis lenta, co risco de que apareza unha cadea de quebras que nos arrastrarían a unha recesión, e mesmo unha depresión, sen paliativos. Todo vai depender da variable crítica, que é a sanitaria, e que agora mesmo ten unha duración descoñecida. E xa sabemos que a incerteza é un mal escenario para a boa evolución económica”, introduciu Caramés.

Publicidade

Incertezas da globalización

O confinamento de boa parte da poboación mundial e o peche de fronteiras abre o escenario, segundo o economista, a posibles cambios no contexto da globalización. “Isto, unido ao incremento do risco xeopolítico, guerras comerciais incluídas, pode levar a que as empresas teñan que repensar as estratexias de produción baseadas na deslocalización”. É un escenario, segundo Caramés, que pode “xerar dúbidas sobre a irreversibilidade do proceso de globalización”.

“Ingreso mínimo temporal”

Unha das medidas que está xerando debate diante da crise é a posible instauración dunha renda mínima para as persoas en situación de vulnerabilidade coa paralización de economía. Caramés avoga por “un ingreso mínimo temporal que sirva de pasarela para logo acceder ao mercado laboral, aínda que tomando precaucións por se pode supoñer un desincentivo para o traballo”.

Publicidade

O economista ve “necesaria” esta medida ante os escasos recursos dos que dispoñen moitas familias en España se a crise se prolonga. “Calcúlase que un 35% da poboación non dispón de aforros suficientes para aguantar se non se incorpora a traballar en tres meses, e isto pode traer conflitos sociais e mesmo problemas de orde pública, porque a xente pode chegar a ter problemas para comer”.

Dependencia do sector servizos

Un dos problemas engadidos que haberá que afrontar en España, en palabras de Luís Caramés, é a dependencia da hostalaría e o turismo, que serán posiblemente os sectores que máis tardarán en volver á normalidade. “Vai ser un shock asimétrico na economía española porque se exerceu practicamente un monocultivo do turismo, ligado a sectores que de por si son pouco innovadores. A nosa economía non está moi diversificada, e no poderemos volver a un modelo de industria que perdemos, e que conservaron outros países nunha estrutura máis equilibrada”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Otilia Mó ingresa na Academia de Ciencias cun discurso en defensa da educación pública

A galega foi pioneira na química cuántica no país e está moi implicada no fomento na incorporación das mulleres á investigación

O enxeñeiro Jesús Doval ingresa na Real Academia Galega de Ciencias

O novo membro da institución destacou que a electrónica de potencia é unha tecnoloxía clave na conversión de enerxía eléctrica

Madrid, Portugal e EEUU: esta é a procedencia das distintas variantes da covid en Galicia

O grupo de Filoxenómica do CINBIO, pertencente ao consorcio EPICOVIGAL, amosa nun artigo científico a orixe e introdución de alfa, delta e ómicron na comunidade galega

Gripe aviaria, mpox, chikungunya… Cal será a próxima pandemia?

O epidemiológo Juan Gestal analiza as posibles ameazas para a saúde pública cinco anos despois do estoupido da covid