Venres 26 Abril 2024

Científicos galegos afondan nas diferenzas entre infeccións víricas e bacterianas

As superbacterias son un dos grandes desafíos de futuro para a ciencia e para a saúde pública en todo o mundo. Estímase que no ano 2050 haberá máis mortes debidas a infeccións por súperbacterias que por cancro. Este é un dos motivos polos que a Organización Mundial da Saúde aprobou un plan especial para combater o perigo da resistencia aos antibióticos.

E este asunto é o tema central da última investigación que o profesor da Facultade de Medicina da USC Antonio Salas e o coordinador da Unidade de Infectoloxía e Inmunoloxía Pediátrica do CHUS, Federico Martinón, presentan na revista Scientific Reports.

Publicidade

O estudo de Salas e Martinón analiza as reaccións ante os diversos tipos de infección

O novo estudo é unha meta análise de datos existentes en reservorios públicos relacionados coa función dos xenes. Con estes datos, Salas e Martinón constataron que o produto entre os xenes IFI44L e FAM89A reacciona de xeito distinto fronte unha infección dependendo de se esta é de orixe vírica ou bacteriana.

Aínda que resta camiño para coñecer en detalle o seu funcionamento, Antonio Salas xa adianta que “está claro que deben xogar un papel fundamental no proceso de infección que, ademais, é diferente aos virus e ás bacterias. Concretamente, do xene FAM89A coñécese a súa actividade antiviral”. Nesta mesma liña, o doutor Martinón considera que é “un bo momento para poñerse mans á obra e investigar que fan realmente e como son os seus mecanismos de interacción en relación co proceso de infección e en relación con outros xenes”.

No novo traballo, o equipo de investigación abordou a información dispoñible “do xeito máis globalizador e integrador. Estudamos a expresión dos milleiros de xenes que integran o xenoma humano en centos de pacientes e obtivemos resultados que a miúdo pasan desapercibidos nos estudos máis focalizados”. De feito, o traballo permitiu “constatar que os biomarcadores –os xenes- son sensibles á severidade da enfermidade”, aclaran os investigadores: funcionan de maneira correcta en enfermidades leves e moderadas, pero son particularmente efectivos na enfermidade severa.

A isto súmase, como sinala o profesor Salas Ellacuriaga, que “a expresión dos xenes é dependente da ancestralidade xenética que subxace no individuo”, o que significa que as variantes xenéticas que afectan aos distintos grupos poboacionais poden dar lugar a unha función diferente do xen, “o que explicaría porque algúns grupos de poboación son máis susceptibles a unha enfermidade que outros. O noso estudo reflicte que estes biomarcadores manteñen un sinal estable, independentemente da bagaxe xenética do paciente”.

Reducir o consumo de antibióticos

“As súperbacterias son a espada de Damocles do século XXI” explica Salas para describir a transcendencia da investigación desenvolvida neste ámbito. “Toda investigación é pouca para intentar entender como funciona o mecanismo de infección. Mentres descoñezamos os detalles e como combater as enfermidades infecciosas, existe unha necesidade urxente de reducir a demanda de antibióticos, cuxo abuso é un dos maiores catalizadores na aparición de súperbacterias”.

Os antibióticos son unicamente eficaces para combater a enfermidade de orixe bacteriano, “ pero son completamente inútiles na infección vírica” lembran os investigadores. Non obstante, aínda resulta frecuente o uso de antibióticos de modo preventivo, o que pode levar parello un sobre abuso deste medicamento e acelerar de xeito artificial a aparición de bacterias súper resistentes, “unha grande ameaza para a poboación humana hoxe en día”. Nesa necesidade imperiosa de distinguir as causas dunha infección, “en certa medida, a busca de biomarcadores de enfermidade ou de resposta a fármacos tense convertido nunha obsesión na biomedicina de hoxe en día”.

O traballo enmárcase dentro dun proxecto no que colaboran co Imperial College London

Hai aproximadamente dous anos que os mesmos investigadores, en colaboración co Imperial College London, publicaban un artigo de grande impacto na revista JAMA, onde expoñían os resultados dun macro-proxecto que buscaba establecer os sinais de expresión xenética que permitirían distinguir as infeccións víricas das bacterianas. Como lembra Antonio Salas, tratábase dun “estudo ambicioso sen precedentes na literatura científica”. Aquel traballo “arroxou resultados moi prometedores se ben aínda preliminares. Esta proba de concepto significou un gran paso cara o entendemento desta problemática, pero necesitaba ser confirmada e explorada noutros contextos de infección que se aproximan de modo máis realista ás unidades de infectoloxía dos hospitais”, explica Salas.

Como explica Federico Martinón a distinción entre infeccións víricas e bacterianas é un problema de gran calado que ademais afecta ao día a día nas unidades de urxencias pediátricas de todo el mundo, “a maior parte dos nenos que ingresan nun hospital con febre padecen infeccións virais que a miúdo se resolven facilmente. As bacterianas non obstante poden poñer en perigo grave ao neno”.

O artigo está asinado ademais de por Antonio Salas e Federico Martinón polos investigadores dos seus respectivos grupos de investigación Ruth Barral Arca e Jacobo Pardo Seco, todos eles integrados ademais no Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo constata o potencial da dieta atlántica para reducir o risco de síndrome metabólica

A investigación foi realizada polo IDIS e publicada na revista científica 'JAMA Network'

Desenvolto o mapa máis completo de interaccións para a supervivencia das bacterias

Os resultados revelan detalles ata o de agora descoñecidos destes mecanismos e ofrecen posibles dianas para o desenvolvemento de novos antibióticos

Primeiro mapa de bacterias resistentes: estes son as cinco principais de Galicia

O microorganismo de maior incidencia é 'Klebsiella pneumoniae', unha das enterobacterias máis perigosas polo amplo abano de infeccións que provoca

Científicos galegos participan no primeiro mapa español de bacterias resistentes aos antibióticos

A base de datos en liña proporciona o perfil xenómico de 461 cepas, procedentes de 41 hospitais situados en 13 rexións de España