Que pasa cos supostos falsos positivos das vacinas? Confusión cun estudo “malinterpretado”

Unha análise do ISGlobal atopa que as fórmulas de Pfizer e Moderna poden xerar anticorpos capaces de recoñecer un antíxeno non incluído na vacina

A pesar da notoria efectividade que están a ter as vacinas de ARNm para evitar a gran maioría dos casos graves e mortes pola Covid-19, a nova vaga que está a afectar a boa parte de Europa [cunha incidencia moito maior en persoas non inmunizadas] fixo que medrasen de novo as dúbidas sobre estes fármacos. Ás veces, as mensaxes erróneas ou malinterpretadas serven de combustible para fomentar o rexeitamento ás vacinas, como aconteceu esta semana cun estudo publicado por científicos do ISGlobal de Barcelona na revista Traslational Research. O estudo describía un “achado inesperado”: a posibilidade de que en determinadas probas de anticorpos para detectar a infección do SARS-CoV-2 puidese haber falsos positivos causados, en realidade, polo efecto das vacinas de ARNm, como son a de Pfizer ou a de Moderna. Desta premisa comezaron a propagarse mensaxes que chegaban a atribuír a estes falsos positivos parte das infeccións detectadas na vaga de coronavirus das últimas semanas. A cuestión reside en que a cousa non é exactamente así.

Tal e como explican desde o ISGlobal, o equipo da científica Carlota Dobaño está a seguir de preto a produción e duración de anticorpos contra diferentes antíxenos virais no persoal sanitario en Cataluña. Neste novo estudo, realizado en colaboración co Instituto Catalán da Saúde Cataluña Central, describen o achado inesperado: as vacinas de ARNm inducen a produción de anticorpos que non só recoñecen a proteína S, senón que tamén poden recoñecer unha rexión da proteína N do SARS-CoV-2.

Publicidade

Así, o equipo observou que, despois da vacinación, había un aumento significativo de anticorpos IgG capaces de recoñecer o fragmento C terminal da proteína N nunha porcentaxe considerable de casos (no 36% de persoas que recibiron a vacina de Moderna, e o 13% de persoas que recibiron a de Pfizer). Pero isto non supón, nin moito menos, que as infeccións detectadas nestas últimas vagas sexan debidas, en parte, a falsos positivos.

“O que se atopou é que as persoas vacinadas, ademais de xerar anticorpos fronte á proteína S do virus (o antíxeno principal que é compoñente de case todas as vacinas) parece que tamén xeran, nalgúns casos, anticorpos fronte a parte da proteína N do SARS-CoV-2”, expón José Gómez Rial, inmunólogo do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela e membro do grupo de investigación GENVIP.

Publicidade

Para Gómez Rial, estes “interesantes” resultados “teñen unha explicación bastante lóxica: é probable que o ARNm utilizado para as vacinas tivese parte da información da proteína N do virus”. Con todo, advirte das mensaxes erróneas que se transmitiron: “Nas interpretacións que se fixeron xa se confunde isto e dise que podería dar pé a malos resultados de interpretación en individuos vacinados. Isto é mesturar churras con meiriñas. Hoxe o diagnóstico de Covid-19 faise con dous tipos principais de probas: as PCR e os tests de antíxenos, e ningunha destas dúas probas vai dar falsos positivos”, conclúe.

Así o explica, de feito, outra das autoras do artigo, Gemma Moncunill: “Este fenómeno non parece deberse a unha reactivación da inmunidade adquirida previamente por unha infección, xa que se observou tanto en persoas con infección previa como en persoas que non foran infectadas”. Así, a hipótese máis probable, segundo as e os investigadores, é que a vacinación pode inducir anticorpos con reactividade cruzada cara ao fragmento C terminal da proteína N.

O que pode acontecer, advirte o inmunólogo do CHUS, é outro feito tamén interesante, pero que require de explicación: “O que a autora suxire, ou entendo que quere dicir, é que se no día de mañá se utilizasen como método de identificación de positivos as técnicas serolóxicas, baseadas en anticorpos fronte á proteína N, as persoas que recibiron vacinas de ARNm poderían dar positivo”. Pero, como aclara Gómez Rial, estes tests non se están a utilizar na actualidade para detectar as infeccións.

Por tanto, Gómez Rial incide na precaución á hora de interpretar estes datos. “O que a xente non pode crer é que os actuais aumentos na incidencia se deban a falsos positivos. Isto está pasando porque o virus segue circulando, as vacinas evitan unha alta porcentaxe dos casos graves pero non cortan totalmente a transmisión”.

Subestimando a efectividade das vacinas

Desde o ISGlobal destacan igualmente que os resultados son relevantes a nivel de saúde pública, xa que se propuxo usar a proteína N para detectar infeccións en persoas vacinadas. “Isto podería resultar nunha sobreestimación de fallos vacinais, xa que unha porcentaxe considerable de casos serían clasificadas falsamente como infeccións asintomáticas”, explica Dobaño. En consecuencia, tamén se estaría subestimando a efectividade da vacina fronte a infeccións.


ReferenciaSpike-based COVID-19 immunization increases antibodies to nucleocapsid antigen (Publicado en Translational Research).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A nova Unidade Mixta da USC avanzará en anticorpos terapéuticos para cancro e doenzas inflamatorias

A iniciativa reúne persoal investigador do CiMUS e a biotecnolóxica SunRock Biopharma para impulsar tratamentos biolóxicos de precisión

Investigadores galegos redefinen as pautas de extubación despois dunha operación por ictus

O estudo, coordinado polo IDIS e o CHUS, mostra que, contrario ao que se pensaba, adiantar o espertar do paciente non mellora a recuperación funcional

A “síndrome posaborto”, un debate político sen evidencia científica

A proposta de Vox en Madrid pretende introducir un trastorno inexistente, xa que a literatura científica non recoñece ningunha patoloxía psicolóxica vinculada á interrupción do embarazo

Galicia lidera un estudo que personalizará a inmunoterapia en cancro de pulmón

O traballo empregará unha técnica non invasora que permite analizar o ADN e as células tumorais presentes no sangue dos pacientes