Existe a aura? Un estudo di que os seres vivos desprenden unha luz que desaparece ao morrer

Investigadores da Universidade de Calgary comproban en ratos que a bioluminiscencia dos organismos desaparece ao deixar de estar vivos

Se preguntamos a ChatGPT pola aura, logo de facer un repaso polas correntes espirituais que cren na existencia dunha luz ou magnetismo que envolve os corpos, adxunta ao final unha nota que subliña que non hai evidencias “desde unha perspectiva científica” que corroboren a súa existencia. Sabe dunhas emisións débiles e imperceptibles dos corpos, chamadas biofotóns, pero engade que non está probado que desaparezan cando os organismos deixan de estar vivos. O bot conversacional máis popular debería actualizar a súa base de datos. Porque un innovador estudo vén de chegar a unha conclusión sorprendente: esa luz interna desaparece cando morremos.

Non se sabe se alguén pode concluír se somos boas ou malas persoas con só mirarnos, pero os investigadores da Universidade de Calgary si cren que podería ser posible coñecer o estado de saúde dun ser vivo en función da intensidade deste fenómeno luminoso. Publicada na revista The Journal of Physical Chemistry Letters, os investigadores da institución canadense empregaron ratos e follas de plantas para analizar os biofotóns unha vez mortos.

Publicidade

Os resultados das emisións ultradébiles de fotóns (UPE, nas súas siglas en inglés) cando aínda estaban vivos contrastan cas emisións captadas dos corpos inertes. Esta luz procede de procesos biolóxicos dos organismos, un fenómeno de quimioluminiscencia, como as que se dan nos lucecús ou vagalumes, estudado cientificamente desde hai décadas.

Experimento con ratos

Os estudos rexistraran a emisión espontánea de ondas de luz de entre 200 y 1.000 nanómetros de lonxitude en distintas células vivas, desde tecido cardíaco de vaca ata colonias bacterianas. A fonte desta radiación podería estar na reacción das células vivas a factores de estrés como a calor, velenos, patóxenos ou carencia de nutrientes. Materias como as graxas ou as proteínas, sometidas a moléculas de peróxido de hidróxeno, experimentaban unha aceleración da actividade dos electróns que liberan os fotóns.

Publicidade

Pero, até o de agora, os traballos tan só se levaran a cabo en tecidos illados, polo que os investigadores da Universidade de Calgary decidiron empregar ratos de laboratorio para testar se había unha diferenza de actividade ao morrer. Para isto, catro roedores foron inmobilizados e colocados nunha caixa escura para tomarlles imaxes durante unha hora. Logo de ser sacrificados, repetiuse o proceso. E para evitar que a calor actuase como variable, os científicos mantiveron a temperatura dos seus corpos.

A diferenza de intensidade da banda de luz visible captada cos aparellos dos científicos foi notable, cunha baixada significativa da UPE no momento de medición despois de practicarlle a eutanasia aos ratos. O proceso repetiuse con follas de árabis de Thal e de schefflera con resultados semellantes. As plantas que foran sometidas a lesións físicas e axentes químicos tamén emitían unha luz máis tenue, un patrón que se repetiu durante as 16 horas nas que os científicos tomaron imaxes cos seus dispositivos especiais.

Transferencia á saúde

O achado dos investigadores canadenses podería ter unha aplicación no eido da medicina porque, segundo apuntan no estudo, a intensidade da nosa bioluminiscencia podería ser indicativo do nivel de saúde. É un novo camiño a explorar: comprobar se a baixada da luz que emiten as células estresadas dos organismos é síntoma dalgún problema no corpo.


Referencia: Imaging Ultraweak Photon Emission from Living and Dead Mice and from Plants under Stress (Publicado en The Journal of Physics Chemistry Letters)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival Pint of Science achega a ciencia aos bares na súa undécima edición

En Vigo celebrarase os días 19, 20 e 21 de maio nos locais El Castro e De Catro a Catro e, por primeira vez, chega Pint Kids

Ética científica

O debate está servido tras a retirada do artigo de Barbacid sobre o cancro de páncreas. Por Laura Filloy
01:04:45

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Obstáculos da carreira investigadora

A enxeñeira Soledad Torres, a bióloga Iria Gómez Touriño e a enfermeira Ainara Díaz Geada participan na última sesión do ciclo de GCiencia e da Deputación de Pontevedra

GCiencia lanza unha nova edición do ciclo de charlas ‘Ciencia en feminino’

O programa en colaboración coa Deputación de Pontevedra arrinca o mércores 4 coa entrevista da inmunóloga África González