Martes 16 Abril 2024

Estefanía Méndez: “Neste momento, a única estratexia cara ao futuro é manterse alerta”

A catedrática de Bioquímica e Bioloxía Molecular da USC analiza as peculiaridades do SARS-CoV-2 e as incógnitas sobre o que virá

A ciencia traballa sobre terreo seguro cando ten certeza de determinadas cousas despois de estudalas moito, e durante moito tempo. A súbita aparición do coronavirus SARS-CoV-2, que mudou en boa medida as nosas vidas nos últimos meses, está supoñendo un dos meirandes desafíos científicos da historia. Nunca houbo tantos recursos e persoas dedicadas a tempo completo a buscar solucións contra unha pandemia global. Pero queda moito traballo por diante para coñecer como é e, por tanto, como se pode vencer ao minúsculo causante dunha crise que paraliza o planeta. Estefanía Méndez Álvarez, catedrática de Bioquímica e Bioloxía Molecular da Universidade de Santiago de Compostela, responde a algunhas das cuestións clave ao redor do patóxeno.

– Por que resulta tan difícil facer predicións cun virus novo como SARS-CoV-2?

Publicidade

– En xeral, os virus teñen un moi distinto comportamento uns dos outros. O problema co SARS-CoV-2 é que só o coñecemos desde hai apenas catro meses, polo que, a pesar dos enormes esforzos que está a facer a comunidade científica mundial, é pouco tempo para que poidamos coñecer o seu comportamento. Todo será distinto cando pase máis tempo.

– Por que foi este virus, e non outro, o que causou unha pandemia sen precedentes nas últimas décadas?

– Este virus é especial en determinados aspectos. A situación que vivimos ultimamente fíxonos ver que posúe dúas características importantes, que nolo explican todo. Por unha banda, unha alta capacidade de transmisión, o que explica a facilidade coa que este virus se propagou por todo o mundo. Por outra banda, unha destacada virulencia, debida a que en moitos casos o noso organismo pon en marcha unha intensa resposta inmunolóxica, co fin de sacalo do medio, pero que resulta esaxerada, e que é  a principal responsable dos episodios clínicos máis graves.

“Este virus é especial, ten unha alta capacidade de transmisión e unha destacada virulencia”

– As primeiras informacións falan de que moi pouca xente estivo en contacto co virus en Galicia. Que nos indica isto, e como orienta as medidas que se deben tomar de agora en adiante?

– As características demográficas da nosa comunidade poden explicar en parte estes feitos. Evidentemente, estou a referirme á baixa poboación e á dispersión da devandita poboación. Pode haber outros factores, dos que aínda non podemos dicir nada, pero que co tempo saberémolos. Por exemplo, que existan distintas cepas do virus, con distintas características para a súa entrada nas nosas células, e mesmo con distinta virulencia.

Todo isto saberémolo nun futuro próximo, como resultado dos estudos que se están a levar a cabo na nosa comunidade, pero para iso fai falta máis tempo. En canto ás medidas a tomar, poden variar conforme vaiamos sabendo máis, pero neste momento a única estratexia de cara ao futuro é manterse alerta, e diante da aparición de futuros indicios, actuar da forma máis rápida posible.

– Que se sabe hasta agora da inmunidade? Ter superada a infección é sinónimo de non sufrila gravemente no futuro?

– Sábese que as células que loitan máis activamente contra os virus son os linfocitos T, e estes diminúen coa idade, polo que as persoas maiores teñen menos defensas diante de calquera tipo de virus novo. Outro factor importante é a herdanza xenética, xa que para que o virus se faga visible a esas células do sistema inmunolóxico, requírese dunhas proteínas que difiren segundo os xenes que posúe cada individuo. Isto o que fai é que a resposta inmunolóxica sexa diferente entre as distintas persoas.

Estefanía Méndez.
Estefanía Méndez.

En canto á pregunta de se o feito de ter superado a infección é sinónimo de non sufrila no futuro, depende de se o SARS-CoV-2, a pesar da súa capacidade de mutación, pode seguir sendo recoñecido polos compoñentes do sistema inmunolóxico que realizaron a primeira defensa. En caso contrario, o sistema inmunolóxico deberá iniciar o proceso, coma se fora un virus descoñecido, tal como sucede co virus da gripe.

– Hai bastante confusión sobre a realización de test á poboación, tipos de probas diagnósticas, etc. Co que se sabe hasta agora, onde cre que se deberían centrar os esforzos das autoridades sanitarias?

– Como é ben sabido, hai distintos tipos de probas, e todas elas estanse a utilizar na nosa comunidade. Cada unha destas probas achegan distintos tipos de datos ou información, todas elas moi importantes para o coñecemento do comportamento deste virus.

As probas diagnósticas que se fan á poboación teñen como obxectivo saber se a persoa está infectada ou se xa sufriu a infección, e neste último caso se xa está inmunizada contra o virus. Para saber se a persoa está infectada, buscarase a presenza do virus na zona de entrada do mesmo, para o que se tomarán mostras na súa mucosa oral ou nasal.

Para saber se a persoa tivo contacto co virus e xa desenvolveu unha resposta inmunolóxica contra o SARS-CoV-2, buscarase a presenza de anticorpos no seu sangue, o que se conseguirá coa mostra de sangue que se obtén mediante unha picada nun dedo. Se o anticorpo que se detecta é IgM, a resposta  inmunolóxica é menos completa que se é IgG. A persoa que presenta estes anticorpos xa está inmunizada para loitar contra ese virus específico.

Neste momento, as autoridades sanitarias, a parte do seu encomiable labor asistencial, deben centrarse, como xa o están facendo, en recoller o maior número posible de datos, para un posterior e detallado análise. Iso daranos a clave para enfrontar con éxito un futuro ataque deste virus, que oxalá non se produza.

1 comentario

  1. Que sucede coas vacinas españolas que tiñan pretensións de definitivas …
    Disto quen fala ?8

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo identifica na ría de Vigo patóxenos cun impacto “crucial” para a acuicultura e a biodiversidade mariña

Os investigadores atoparon bacterias, organismos eucariotas, especies invasoras e os cambios estacionais de abundancia

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios

Sonia Villapol: “En Galicia estímase que 75.000 persoas teñen covid persistente”

A neurocientífica galega acaba de publicar un libro no que reflexiona sobre as leccións aprendidas durante a pandemia