Un equipo galego deseña un software para estudar enfermidades neuropsiquiátricas

O programa do IDIS e da UVigo analiza datos epixenéticos para descubrir biomarcadores psiquiátricos e diagnosticar pacientes

Depresión, esquizofrenia, párkinson, bipolaridade, alzhéimer ou déficit de atención son algún dos trastornos neuropsiquiátricos que cada vez sofre máis xente. MyBrain-Seq é un software libre creado por investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) e da Universidade de Vigo (UVigo) para atopar biomarcadores xenéticos nas enfermidades mentais, así como mellorar o tempo de diagnóstico, a súa precisión e personalizar o tratamento dos pacientes neuropsiquiátricos para mellorar a súa efectividade.

O software myBrain-Seq foi desenvolto como parte da tese de Daniel Pérez Rodríguez, doutorando da Facultade de Bioloxía da UVigo. O proxecto está dirixido por Roberto Agís Balboa e Hugo López Fernández; investigador sanitario do grupo de Investigación Traslacional en Enfermidades Neurolóxicas (ITEN) do IDIS, e o profesor do departamento de Informática da UVigo, respectivamente.

Publicidade

A inexistencia de biomarcadores para as enfermidades neuropsiquiátricas, provoca que os médicos se baseen nunha concorrencia de síntomas, o que implica un problema á hora de diagnosticar o paciente con precisión e mellorar a súa calidade de vida. Ante esta situación, os investigadores sanitarios propuxéronse atopar biomarcadores potenciais en microARNs a través da epixenética.

Pero como funciona myBrain-Seq? O software permite aos investigadores analizar datos xenéticos de microARNs, cunha gran estabilidade na análise e especificidade. Isto incluso permite clasificar os pacientes en función da expresión das súas microARNs e suxerir roteiros biolóxicos que estean alterados. Grazas a este programa, un investigador poderá, por exemplo, saber os cambios epixenéticos que ocorren en pacientes con depresión, identificar a eses pacientes entre persoas sas e ter unha imaxe dos mecanismos que se alteran no corpo durante un episodio depresivo. Un psiquiatra obterá así uns marcadores biolóxicos concretos que diagnostiquen a enfermidade do seu paciente, máis aló dos síntomas que el lles describa.

Publicidade

A tecnoloxía como salvación da psiquiatría

O tempo de espera para recibir un diagnóstico psiquiátrico pode variar desde semanas ata varios meses, en casos como a esquizofrenia pode tardar máis de dous anos. Ademais, a maioría de enfermidades son multifactoriales e non dispoñen de biomarcadores claros para o diagnóstico. Por este motivo, os psiquiatras están abocados a facer unha suposición sobre o que lle sucede ao paciente segundo as súas sintomatoloxía, para logo medicar, observar e repetir.

O programa MyBrain-Seq utiliza pequenos fragmentos de ARN, microARNs, que funcionan como pequenos interruptores dos xenes, modulando a súa expresión para adaptar o organismo á nosa dieta, ao exercicio que facemos, as horas de sono que durmimos ou ao estrés. Así, un crecente número de estudos buscan neles biomarcadores para este tipo de tratornos neuropsiquiátricos.

A última versión de myBrain-Seq v1.1.0 foi acompañada do artigo MyBrain-Seq: A Pipeline for MiRNA-Seq Data Analysis in Neuropsychiatric Disorders, publicado na revista Biomedicines. O programa xorde como proxecto open source, polo que está aberto a achegas da comunidade.


Referencia: MyBrain-Seq: A Pipeline for MiRNA-Seq Data Analysis in Neuropsychiatric Disorders (Publicado en Biomedicines)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un home morre en Francia tras infectarse co virus Shamonda, o primeiro caso humano coñecido

Trátase dunha enfermidade que afecta principalmente ao gando, detectada en Europa este verán e xa notificada en España

A fertilidade feminina diminúe coa idade: un 15% en tan só quince años

O CiMUS da USC participa nunha curtametraxe divulgativa que combina ciencia e danza para explicar os efectos de pospor a maternidade

Descuberto un trisquel cun gravado petróglifo na Guarda, unha peza única en Galicia

O achado produciuse durante unha campaña da cooperativa Árbore Arqueoloxía no castro do Pico da Bandeira, onde tamén apareceu unha terceira vivenda circular

Un equipo de Santiago publica un estudo pioneiro para tratar unha complicación da enfermidade de Crohn

O ensaio clínico realizado polo IDIS e o CHUS avalía un innovador fármaco oral que amosa resultados preliminares positivos