Capítulo 1: O sexo, os crimes e a fuxida
Deixamos ao Canicha fuxindo a Castela xunto a dous veciños de Vilariño de Conso. Conta Xosé Ramón Mariño Ferro no seu libro que Romasanta, agora Antón Gómez, segundo o seu pasaporte falso, chega o 20 de febreiro a Velada, na provincia de Toledo. En principio ía comezar a traballar como carboeiro nesta vila, mais finalmente convénceno para dedicarse a ser tacholeiro.
Tras un tempo exercendo este oficio, no verán busca traballo como xornaleiro na sega. Moitos galegos viaxaban a Castela con intencións máis nobres, a gañar o pan. E así foi como entre finais de xuño e comezos de xullo, varios veciños de Laza recoñecen a Romasanta nun dos trigais e presentan unha denuncia ante o alcalde da vila de Nombela. Diante das acusacións dos denunciantes, que narran ante o munícipe os crimes dos que se acusa a Romasanta en Ourense, o alcalde decide deter ao Tendeiro xunto a un compañeiro de viaxe, Manuel García, e tomarlles declaración.
Son trasladados ante o xuíz de primeira instancia de Escalona, que atopa varias contradicións nas súas declaracións e detén ao afiador Pedro Álvarez, que acompañou a Romasanta durante as súas primeiras semanas en Toledo. O xuíz non atopa indicios de que Álvarez e García teñan algo que ver cos crimes que cometeu Romasanta, así que os deixa libres. Non en tanto, ordena que o Canicha sexa conducido ao xulgado de Verín.
A terrible confesión
Mentres Romasanta fuxía, non deixaban de medrar as sospeitas e rumores en Ourense, polo que as investigacións avanzaron. Xa en Verín, o xuíz desta vila interrógao o 25 de agosto. Pronto chega a confesión. Consciente de que moita xente o coñece alí, xa non di chamarse Antón Gómez, senón Manuel Blanco Romasanta. E de súpeto, desvela a arrepiante historia que fai nacer a lenda do lobishome:
“Desde hai trece anos ata o día de San Pedro do corrente (1852) por efecto dunha maldición dalgún dos meus parentes, tal vez dos meus pais ou da miña sogra, trouxen unha vida errante e criminal, cometendo diferentes asasinatos e alimentándome da carne das vítimas, unhas veces só, outras con dous suxeitos que adoitaban acompañarme, un deles valenciano, chamado don Genaro, e un tal Antonio, do mesmo reino aínda que de poboación distinta”.
Ninguén tivo nunca nin a máis mínima proba sobre a existencia de Genaro e Antonio. A continuación, Romasanta engade:
“Eu e os meus compañeiros non nos valiamos de arma ningunha, pois polo efecto dunha maldición convertiámonos en lobos (…) Unhas veces axiña volviamos tomar figura de homes; outras veces conservabamos a figura de lobo unha semana, aínda que polo xeral non pasabamos de dous días”.
Para reforzar a súa delirante confesión, Romasanta atribúese as mortes dun raparigo e dunha anciá, das que tivera noticia de oídas. Apareceran con síntomas de ser devoradas polos lobos. No caso da muller, o propio neto presenciara o ataque dos lobos e dera testemuño dos feitos, polo que a confesión do Canicha sobre esta morte non resulta crible.
O 28 de agosto de 1852 confírmanse as sospeitas. Nunha rolda de identificación, os irmáns García Branco e varios veciños confirman que o detido é Romasanta. Durante a investigación, tamén confesa os lugares onde cometeu os crimes, e mesmo se atopan un cranio e un óso que, segundo todos os indicios, pertencen a dúas das vítimas.
Axiña se filtra a historia á prensa, e a lenda comeza a circular polas aldeas e vilas en forma de cantar de cego. Xornais de Madrid e mesmo do estranxeiro comezan a falar do caso nas súas páxinas. A expectación era enorme, e a xustiza non escatimou en gastos. Tomouse declaración a unhas 140 testemuñas e fixéronse comunicacións e solicitudes a numerosos xulgados e concellos. A causa completa, de 1.878 folios, consérvase hoxe no Arquivo do Reino de Galicia.
O xuízo
Os xulgados de Verín, Trives e Allariz comezaron cadansúa instrución, mais para evitar atrasos, a Audiencia da Coruña decide unificar o proceso e centralo en Allariz. A acusación e defensa presentaron os seus argumentos, e os facultativos desbotaron a delirante xustificación do ‘lobishome’, acusando a Romasanta de ser un “ser perverso, frío e sereno, un consumado criminal que actúa con liberdade e coñecemento”. O 6 de abril faise pública a sentenza. Manuel Blanco Romasanta é condenado á pena de morte por garrote vil ao ser declarado culpable de nove homicidios.
A causa (cuxa reseña foi compilada dixitalmente por Cástor Castro Vicente) pasa á Audiencia da Coruña. Encárgase da defensa de Romasanta o avogado Manuel Rúa Figueroa, que logo escribiu a mencionada reseña sobre o caso. Cando o proceso xa estaba visto para sentenza, aparece a figura do doutor Phillips, unha peculiar personaxe coñecida por empregar a hipnose, que descobre polos xornais do caso do ‘lobishome’. Phillips, que en realidade é francés e chámase Joseph-Pierre Durand de Gros, envíalle unha carta ao Ministro de Graza e Xustiza para que conmute a pena de morte contra Romasanta e lle permita estudar ao Canicha. O francés considera que Manuel Blanco padecía un trastorno chamado licantropía, e que polo tanto non era consciente dos seus actos ao cometer os asasinatos.
Aínda que tanto a defensa como o fiscal desbotan os argumentos de Phillips por unha ou outra razón, o tribunal revoga a pena de morte e convértea en cadea perpetua nunha sentenza ditada o 9 de novembro de 1853. O fiscal recorre de novo en súplica, e o avogado defensor, Manuel Rúa, solicítalle o indulto á raíña Isabel II, xa que Romasanta “é un pobre enfermo” e os feitos que cometeu suscitan “cuestións de inmensa transcendencia no campo filosófico, médico, legal e xurídico”.
Dítase unha terceira sentenza, que emenda a segunda e condena de novo a Romasanta á morte por garrote vil. Pero en maio de 1854 faise pública a Real Orde que o indulta e conmuta a pena de morte pola perpetua. Romasanta ingresa no cárcere da Coruña, e a súa pista pérdese durante máis dun século, ata o ano 2011.
En qué consiste o oficio de tacholeiro?
Os vosos artigos son xeniais.
EL DR. JOSEPH DURAND DE GROS Y EL CASO DEL HOMBRE LOBO BLANCO ROMASANTA (1853).¿UN “BRAIDISTA” EN LA CORTE DE ISABEL II?.
https://www.researchgate.net/publication/303111767_EL_DR_JOSEPH_DURAND_DE_GROS_Y_EL_CASO_DEL_HOMBRE_LOBO_BLANCO_ROMASANTA_1853UN_BRAIDISTA_EN_LA_CORTE_DE_ISABEL_II
http://diariodeunmedicodeguardia.blogspot.com.es/2012/10/los-ilustradores-urrabieta-y-galicia.html