Galicia, país de autocares: La Regional inventa o autobús

O industrial Sanjurjo Badía instalou a primeira liña para conectar A Coruña con Santiago

O autobús é o medio de transporte que ten articulado Galicia no último século. A pobreza do sistema ferroviario, sen servizos de proximidade e con horarios escasos, deixa amplas zonas do país sen cobertura. Para agravar o pauperismo do tren galego, ducias de estacións foron abandonadas no últimos trinta anos, mentres que o corredor de velocidade alta do Eixo Atlántico agravou o problema, ao deixar numerosas localidades sen tren ou cun servizo meramente anecdótico, para favorecer a conexión entre os núcleos máis poboados. O resultado é que Galicia ten un servizo ferroviario que contribúe ó illamento e que non resiste comparación con Alemaña, Reino Unido, Francia ou Italia, onde o tren presta un servizo eficaz mesmo nos municipios máis pequenos. Probablemente por esta eiva nas comunicacións do país é polo que triunfou o atutocar..

 En lugar de artellar o territorio cunha boa rede ferroviaria, Galicia apostou pola alta velocidade a Madrid. Gastaron fortunas, millóns e millóns de euros, nesta liña, coma se ir á capital de España en tren fose o prioritario, cando a verdadeira necesidade estaba nos desprazamentos metropolitanos e rexionais, escasos ou inexistentes en case todos os casos. Un constante discurso político e mediático durante décadas insistiu no AVE a Madrid como unha panacea que agora deixa claras as verdadeiras eivas ferroviarias do país. Abonda con sinalar que Galicia ten tres aeroportos, dous deles na mesma provincia (A Coruña), e ningún deles ten unha conexión ferroviaria nin por metro lixeiro.

Publicidade

A análise desta realidade podería ser case eterna, pero chega para sinalar por que Galicia vai en bus. E por que triunfou este invento dende que Evaristo Castromil Otero fundou as súas liñas, e o popular Castromil conectou aos galegos. Do mesmo xeito que fixeron o ATSA, o Raúl, o Auto Industrial, Ojea ou Monbús.

Compañías de carruaxes

Antes de que chegase o invento, no último terzo do século XIX, Galicia desprazábase en coche de cabalos. En Vigo, por exemplo, en 1880 había tres grandes compañías de carruaxes. A máis popular era a de Herrador. Ofrecía cestos, berlinas, landós e carrozas fúnebres. En Colón, chamada Ramal ata o cuarto centenario do Descubrimento de América, en 1892, estaba a de Alejo. E, na Porta do Sol, onde hoxe está o edificio Simeón, atopábase a de Bao. As tres eran os taxis do Novecento e competían por alugar o seu vehículos de cabalos para os desprazamentos pola cidade.

Publicidade

Os billetes non eran baratos. En 1867, ir de Vigo a Pontevedra custaba 24 reais en berlina. Investíanse catro horas no traxecto e a viaxe era perigoso, pois os camiños, sobre todo embarrados no inverno, favorecían os accidentes. E os aurigas non sempre ían nas mellores condicións. Ata o punto de que, en 1837, ditouse unha orde prohibindo que os choferes conducisen “durante máis de 24 horas seguidas”.

Co novo século, chegou a Galicia o bus, da man do xenial emprendedor Antonio Sajurjo Badía. A súa empresa de fundición, “La Industriosa”, logrou reconverter motores de vapor en de gasolina para fundar “La Regional”, compañía de autocares cuxo principal roteiro era A Coruña-Santiago. Con ela, desbancou a “La Ferrocarrilana”, a compañía de dilixencias que operaba ata aquela data. E mesmo implantou un novo invento, marca da casa, as “estacións telefónicas portátiles”. Tratábase de postes de teléfono situados no roteiro cada dez quilómetros. Así, en caso de avaría, o condutor podía pedir rapidamente que chegase outro vehículo. “O Habilidades” viña de inventar así os postes de emerxencia das autoestradas.

Desde a súa fundación, en 1906, a compañía La Regional desbancou ás dilixencias e fíxose especialmente popular no roteiro entre A Coruña e Santiago. Amador Montenegro describe aquelas viaxes: “O servizo era regular e con bos horarios, pero a falta de elasticidade das direccións, os pneumáticos macizos e a falta de práctica, facía que non poucas veces visitasen os prados lindeiros, pero así e a todo era un gran servizo que se consideraba seguro e rápido”.

De rodas macizas

Ao principio, as rodas eran macizas. Cando se inventou a cámara de aire e aparecen os pneumáticos, xurdiu outro problema, que describe Montenegro: “Tiña o terrible inimigo nas “chatolas das zocas”, que pinchaban as rodas e era preciso cambiar os pneumáticos e aínda desmontalos para tapar a picada con senllos parches”. Este cronista lembraba que un fotógrafo vigués “inventou un líquido que tiña por obxecto tapar as picadas e que estaba formado con viño e amianto moído, a súa eficacia era relativa pero se o tempo era seco non deixaba de ser eficaz, pero era menos cando chovía”.

Desde ‘La Regional’ a Castromil, ata chegar hoxe a Monbús, por exemplo, Galicia é un país de autocares. Sanjurjo Badía foi o pioneiro na creación daquelas liñas…

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas