Nos anos 90 do século XX apareceron os primeiros soportes electrónicos para a lectura de libros, pero hai máis de sesenta anos, unha mestra galega xa tivera a idea de construír un soporte único que permitise ler diferentes libros cambiando uns carretes co contido escrito. A Enciclopedia Mecánica desenvolvida por Ángela Ruiz Robles en 1949 incluía elementos que mesmo hoxe serían innovadores. Así nolo conta a axencia SINC nunha reportaxe.
“Na historia do e-book hai un fito perdido: o libro mecánico patentado en 1949 por unha mestra española”, afirma a SINC Daniel González de la Rivera. É o neto de dona Angelita, unha galega que mereceu o seu propio espazo na entrada de Wikipedia sobre a historia do libro electrónico. A Enciclopedia Mecánica ideada porÁngela Ruiz Robles en 1949, coa patente número 190.698, podería considerarse un precursor do actual e- reader.
Doña Angelita, como era coñecida na súa terra, foi unha mestra e inventora nacida en 1895 en Villamanín, na provincia de León, aínda que pasou a maior parte da súa vida en Ferrol. Durante os 80 anos que viviu, Ángela inventou, escribiu libros, fundou a súa propia academia, axudou aos que pasaban por dificultades e coidou das súas fillas.
A súa idea máis brillante materializouse en 1949, cando patentou un libro de texto para os estudantes que funcionaba cun sistema mecánico de aire a presión, ao que se podían engadir diferentes carretes correspondentes ás distintas materias, e ao que deu o nome de Enciclopedia Mecánica.
A Enciclopedia Mecánica
Tal e como se pode ler na descrición da patente, o aparato “leva unhas bobinas onde se colocan os libros que se desexe ler en calquera idioma. Por un movemento destas van pasando todos os temas, facendo as paradas que se queira,”. O despregamento das bobinas facíase de xeito mecánico, cun sistema que despregaba os carretes.
Ademais, segundo conta a SINC María José Rodríguez Fortiz, profesora de Linguaxes e Sistemas Informáticos da Universidade de Granada, o prototipo que se construíu “non” incluíu toda a funcionalidade para a que fora deseñado. A adición de son e luz, por exemplo, non puido facerse porque tecnoloxicamente non había nada inventado de pequeno tamaño para incorporar ao dispositivo”, aclara Rodríguez.
O invento incluía unha calculadora e unha lupa graduable
A Enciclopedia Mecánica tiña tamén un oco no que iría unha calculadora, que non se incluía no prototipo pola mesma razón que a luz e o son: aínda non existían máquinas de cálculo tan pequenas.
Ao igual que os lectores electrónicos actuais, o invento de Ángela permitía “facer zoom” mediante unha lámina transparente e irrompible que se colocaba sobre as materias, e que podía “levar a propiedade de aumentos”, segundo a patente.
O texto explica que todas as pezas eran “intercambiables” e que podía colocarse “en perpendicular, facilitando a comodidade do lector, e evitando […] esforzos intelectuais e físicos”.
Reducir o peso dos libros
Ángela tivo en conta ademais o aspecto económico, e na súa patente asegura que “para autores e editores, o custo das súas obras se minora considerablemente, por non necesitar nin pasta nin encadernado”.
O obxectivo de doña Angelita era “reducir o peso dos libros” que os nenos debían levar nas súas carteiras e “facer o ensino máis atractivo para os alumnos“, explica o seu neto, que engade que outra das súas preocupacións eran “os nenos con algunha dificultade, por exemplo na vista, para os que ideou a posibilidade de graduar a lámina transparente baixo a cal se deslizaban os carretes”.
Desgraciadamente, a Enciclopedia Mecánica nunca se chegou a comercializar, debido a que nese tempo “había outras prioridades no país e se apostou por outros proxectos. Ademais, a implementación de todas as especificacións do invento era inviable”, afirma Rodríguez.
“Nos seus últimos anos, Ángela intentou volver construílo, cando xa era todo tecnolóxicamente viable, pero non conseguiu apoio público nin financiamento privado. O feito de que fora muller e española quizais contribuíu a iso… “, engade.
Pero este non é o único invento de dona Angelita. Rodríguez sinala outros dous. Un deles é o “Atlas Científico gramatical“, unha especie de hipertexto con enlaces no que elixindo unha cidade ou vila de España, puidese consultarse sobre a súa información gastronómica, cultural, xeográfica, política e social”.
O outro era un método “taquimecanográfico” novo “que pretendía axudar a escribir de forma máis rápida e doada de aprender e recordar, propoñendo unha nova agrupación das teclas na máquina e mesmo novas abreviaturas”.
Amante do ensino
Entre todos estes inventos, Ángela Ruiz tivo tempo para educar as súas fillas, escribir dezaseis libros e crear a súa propia academia de ensino, á que puxo o nome de Elmaca, en honor ás súas fillas Elena,María Elvira e Carmen.
O seu neto explica que sacaba o tempo da noite, e asegura que recorda “o son da súa máquina de escribir“. Rememora tamén as frases que máis o oía dicir á súa avoa: “O tempo é ouro” e “O deber cumprido proporciona doce gozo”, sentenzas que reflicten ben o carácter desta incansable traballadora, apaixonada polo ensino.
Doña Angelita rexeita a aprendizaxe memorística e veía que o ensino seguía na Idade Media
“Os seus alumnos eran o obxecto de todos os seus desvelos e preocupacións. Tiña a certeza de que por medio do ensino se facían as xeracións máis xustas e os países máis prósperos, e a iso dedicou toda a súa vida”, relata Daniel.
Elvira, unha das fillas de Ángela, evoca unha reflexión da súa nai que ilustra bastante ben o seu modo de ver a educación: “Ela dicía que se os mortos resucitasen verían todos os cambios tecnolóxicos da sociedade, ascensores, electrodomésticos… pero se mirasen o ensino, comprobarían que todo segue como na Idade Media”.
Por iso apostaba por métodos que mesmo agora serían innovadores: rexeitaba a aprendizaxe memorística; viu a importancia de aprender idiomas na infancia, cando resulta moito máis sinxelo; e consideraba que o sistema educativo da época non era formativo.
Ángela impartía clases desinteresadamente, ensinaba aos mozos para que tivesen unha preparación e non se visen obrigados a marchar dun pobo golpeado pola guerra civil, escribía cartas para a xente analfabeta que tiña familiares en América… “Supoño que é pouco coñecida por ser muller e española, ás veces me pregunto que tería pasado se tivese sido home e inglés… “, apunta o seu neto.
O prototipo da Enciclopedia Mecánica consérvase no Museo Nacional de Ciencia y Tecnología en A Coruña (Muncyt).
La recuerdo perfectamente seguramente por haber sido de estas maestras que dejan huella, a pesar de que hace 60 años que me dio clase en el Grupo a Escolar Ibáñez Martín de Ferrol . Hoy Recimil .
Mi recuerdo es gratísimo !!
Gratamente sorprendido por el articulo, y,evidentemente, por la persona, Angela Ruiz. Que maravilla lo que pensaba, y decia, de la educación, que sigue siendo nefasta (tengo dos hijos de 7 y 14 años). Ni idiomas ni nada…unha merda. Además era inventora, y que inventos!!!. Estupenda