O galego Xosé Bustelo, novo presidente das Sociedades Españolas de Oncoloxía

É vicedirector do Centro de Investigación do Cancro de Salamanca e exercerá o novo posto durante o bienio 2023-2024

O novo presidente da Federación de Sociedades Españolas de Oncoloxía, Xosé Bustelo.
O novo presidente da Federación de Sociedades Españolas de Oncoloxía, Xosé Bustelo.

A Federación de Sociedades Españolas de Oncoloxía (FESEO) ten novo presidente: o investigador galego Xosé Bustelo. Ademais de ser integrande do CSIC, é vicedirector do Centro de Investigación do Cancro de Salamanca (CIC), e exercerá o seu novo cargo na FESEO durante o bienio 2023-2024. A súa formación comezou en Santiago de Compostela, onde fixo o seu doutoramento. Durante a década dos 90 estivo en varios centros dos Estados Unidos ata que foi nomeado Científico Titular e, posteriormente, Investigador Científico do CSIC.

A traxectoria científica de Bustelo ata este momento conta con 168 artigos científicos e seis patentes. O seu traballo foi galardoado en varios premios científicos nacionais e internacionais. Actualmente combina o seu labor científico coa vicedirección do CIC de Salamanca, a participación no comité de dirección do CIBER en cancro, así como en diversos comités científicos de institutos de investigación sanitaria, centros de investigación e fundacións científicas. Foi tamén presidente (2018-2019) e presidente-previo (2020-2022) da Asociación Española de Investigación sobre o Cancro (ASEICA). Actualmente ostenta dentro de dita asociación o posto de presidente do seu Senado consultivo que foi establecido por primeira vez o ano pasado.

En opinión de Bustelo, “é toda unha honra representar a unha Federación que agrupa a todos os profesionais da oncoloxía, independentemente de que se dediquen á investigación, á clínica ou ao diagnóstico. Esta multidisciplinariedade dános unha oportunidade única para impulsar demandas comúns de todos os oncólogos e para establecer sinerxias entre os profesionais deste ámbito. Isto último obxectivo sempre coa meta de afrontar cun maior éxito o diagnóstico, tratamento e calidade de vida dos pacientes con cancro. Creo tamén que é o momento para dar un novo impulso á revista internacional xestionada pola FESEO de tal maneira que se converta nun portavoz dos avances científicos e tecnolóxicos máis recentes tanto dos profesionais españois como do resto do mundo”.

FESEO foi creada hai 36 anos co fin de aglutinar baixo un paraugas común ás cinco sociedades españolas de oncoloxía do Estado: ademais de ASEICA, as Sociedades Españolas de Hematoloxía e Oncoloxía Pediátricas (SEHOP); de Oncoloxía Médica (SEOM), de Oncoloxía Cirúrxica (SEOQ) e a de Oncoloxía Radioterápica [SEOR]). Na actualidade, o organismo representa a un total de máis de 6.000 profesionais de todas as ramas da oncoloxía española entre os que se inclúen todos os investigadores líderes do país nesta patoloxía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.