Venres 21 Xuño 2024

Unha tese estuda o nacemento e evolución da canción protesta en Galicia

A canción protesta nace en Galicia nun contexto peculiar, marcado pola ditadura franquista pero estreitamente ligado a un referente xeográfico como era Cataluña. A Nova Cançó Catalana perfílase como fronteira estética á que nun primeiro momento recorren os cantautores galegos para logo redefinirse e evolucionar cara a modelos identitarios onde a protesta se ve superada por elementos de raíz popular.

Sheila Fernández Conde
Sheila Fernández Conde.

Este período importante para a música galega dos anos 60 e 70 analizouno Sheila Fernández Conde na súa tese ‘Galicia ollando a Cataluña: dúas fronteiras do movemento da canción protesta (1968-1980)’ que dirixiu Carlos Villanueva Abelairas e que marca como punto de partida para todo ese movemento da canción protesta en Galicia o recital que o cantautor xativés Raimon ofrece o 9 de maio de 1967 en Santiago. “Foi ese concerto –asegura a historiadora– o punto de concienciación precisa para que se precipitase un formato homónimo na xeografía galega”.

Publicidade

A ‘canción’ que xurdía dese recital materializouse logo en 1968, en plena reivindicación universitaria, con tres concertos principais de presentación: o 30 de marzo na Escola de Peritos Agrícolas de Lugo, que pese a contar cos permisos gobernativos se viu frustrado e tivo que celebrarse na intimidade da casa do organizador, o profesor Xesús Alonso Montero; o 26 de abril na Facultade de Medicina de Santiago tras unha asemblea universitaria; e o 1 de decembro na Sala Capitol, de onde sairía o elenco de cantautores que conformaría o colectivo Voces Ceibes como eran Benedicto García Villar, Xavier González del Valle, Guillermo Rojo, Vicente Araguas, Xerardo Moscoso e Miro Casabella, que xa nos 70 se completaría con Bibiano Morón e Suso Vaamonde.

Deses recitais de presentación tamén sairían as bases definitorias iniciais da canción galega: monolingüe (en galego), de base social, reivindicativa “e esteticamente afastada da música tradicional, entendida como ‘folklorista’ xa que estaba sendo empregada como instrumento do réxime a través dos Coros y Danzas da Sección Femenina ”, explica Sheila Fernández .

Mais esa fuxida da música tradicional durou poucos anos e a canción galega experimentará un proceso evolutivo tanto temática como musicalmente, pasando a un “reencontro co folklore” a partir dos anos 1971-72 “e abrindo así camiño a novas propostas de forte perfil reivindicativo que podemos atopar en modelos vocais como o de Fuxan os Ventos, ou mesmo instrumentais como o de Milladoiro.

Esa evolución, parella ao cambio político que iría da ditadura ao período democrático, “ reflectíase nos focos temáticos e éticos da propia canción”, explica a autora. Así, pasouse do referente catalán na ditadura a outro fundamental para o proceso madurativo da canción protesta galega como era Portugal, “referente con forte significado de valorización popular”, matiza.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo feito en Lugo revela que case o 30% dos adolescentes sofren fobia a quedar sen móbil

A investigación USC saca á luz a relación deste medo irracional co consumo de alcol, tabaco e cánnabis

Galicia avanza para contar cos seus propios medicamentos CAR-T nos próximos anos

A finais de ano abrirá un centro de produción en Santiago e un proxecto de investigación traballa para aplicalos en tumores sólidos

Así era Castro Valente: a fotografía láser recrea a muralla da gran fortaleza medieval galega

Un estudo da USC usa as novas tecnoloxías para ampliar información sobre o xacemento de 10 hectáreas situado entre Padrón e A Estrada

O meteorito que brillou como cincuenta lúas cheas xa pode visitarse en Santiago

Tratouse dun asteroide de 1,15 metros de tamaño e 2,62 toneladas de masa que chocou contra a atmosfera a 15 Km/s