Son as 10 da mañá e o alumnado entre e sae da Facultade de Matemáticas nun día extraordinariamente solleiro en Santiago. Entre o fluxo constante de estudantes chama a atención a cantidade de rapazas. A proporción, calculada a ollo, estima unha situación de relativa equidade. É dicir, un oasis no medio do debate polas vocacións STEM. Rosa Crujeiras baixa as escaleiras e saúda a un compañeiro, quen a felicita. Xa non é só catedrática de Matemáticas, xa non só é investigadora e docente, agora é a nova reitora. Concretamente, a primeira de toda a historia da Universidade de Santiago (USC) e, tamén, a primeira de todo o sistema universitario galego. Di ela que está empezando a crelo.
Despois dunha longa campaña electoral, Crujeiras recibe a GCiencia no seu despacho para abordar os desafíos aos que se ten que enfrontar dende o seu novo sillón de mando. Dende o relevo xeneracional ata a descentralización do grao de Medicina, a nova reitora insiste en que quere crear comunidade. Xa ostentou outros cargos de dirección, como a do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) durante catro anos, e formou parte do equipo do exreitor Juan Viaño. Dúas experiencias que a marcaron profundamente para escoller agora a senda da máxima xestión universitaria.
—Que sentiu cando saíron os resultados? Xa é a nova reitora da USC.
—Moita satisfacción e responsabilidade. Creo que foron uns resultados moito mellores do que esperabamos. Hai que recoñecer a alta participación e, para nós, foi unha inmensa satisfacción que foramos maioritarios en todos os sectores: tanto no profesorado, permanente e non permanente; como no estudantado; como no persoal técnico de xestión, administración e servizos. Creo que iso é o importante porque xa dá unha idea de que, co proxecto que temos, chegamos a toda a comunidade universitaria.
—Á comunidade universitaria da USC, a onde está vinculada case toda a súa traxectoria profesional. Que supón para vostede dirixir a súa matriz?
—Estudei aquí a carreira e o doutoramento. Despois estiven un tempo de investigadora posdoutoral en Bélxica, pero volvín como interina de substitución e fixen aquí toda a miña carreira. Ser reitora supón moito para min porque é unha forma de devolver algo que a universidade me deu. Así o sinto. A USC supuxo un cambio moi importante na miña vida. Cando entrei na carreira, eu quería ensinar. Fixen matemáticas porque quería ser profesora. En terceiro descubrín a investigación e nunca pensara en que había máis horizontes.
—Sempre tivo clara a súa vocación matemática?
—Si, eu sempre fun moi curiosa e gustábame ensinar. As matemáticas sempre me chamaron, sempre foron a miña vocación. Gustábame a idea de orde, de que todo encaixa, esa tranquilidade que transmiten. E ao final terminei en estatística, que precisamente o que facemos é manexar caos e incerteza [risas]. Pero as matemáticas sempre estiveron aí e estudeinas grazas a un profesor dunha escola rural, Francisco Sóñora, quen me impulsou. Fíxome ver que podían ser divertidas.
—Que importantes son ás veces os profesores e profesoras, máis aínda en pleno debate sobre as vocacións STEM. Nesta facultade de Matemáticas chama a atención a cantidade de alumnas que hai.
—Si, estamos ao redor do 50% das matriculacións. Hai uns anos comezou a notarse a baixada na entrada de mulleres en Matemáticas nos graos a nivel estatal. Cando as saídas profesionais están enfocadas na docencia, aí están ás mulleres. No momento en que houbo un pico cara ás enxeñarías, as grandes consultoras e a banca, descendeu o número de matrículas femininas. Agora estamos nun momento no que a docencia non é a única saída, senón que tamén están o big data, o data analytics, a intelixencia artificial… Nestes eidos están moi ben valorados os perfís matemáticos. Pero mentres a nivel estatal volve e descender o número de mulleres, neste grao non. E creo que é unha cuestión relacionada coas mulleres referentes que temos nesta facultade.
Ademais, creo que en Galicia se fixo un bo traballo no momento en que o título de Matemáticas, daquela licenciatura, estaba en crise pola escaseza de alumnado. Empezouse a traballar dende a facultade cos mellores embaixadores, os profesores e profesoras de ensino medio. Eles son os que transmiten o que realmente se pode facer. Non debemos perder ese vínculo.
—É máis importante aínda facer esta reflexión cando vostede non só é docente e investigadora de Matemáticas, senón que xa é a primeira reitora da USC, unha institución con máis de 500 anos de historia. E non só iso, tamén o é de todo o sistema universitario galego.
—Agora empezo a crermo [risas]. Eu cheguei, pero antes houbo moitas outras mulleres. Margarita Estévez foi candidata en Vigo en 1994, polo que foi a primeira muller en atreverse a dar o paso. Despois houbo que agardar ata 2010 en Santiago para que se presentaran Laura Sánchez Piñón, Mercedes Brea e Pilar Bermejo. Non pasou ningunha, pero entre 2010 e 2026 non houbo candidatas mulleres.
—Dá que pensar.
—Dá que pensar, si. Pero desta volta, que as catro candidatas foran muller, foi un sinal. Chegamos porque xa nos toca. É a nosa quenda e a de todas as mulleres que o intentaron antes. E por todas aquelas mulleres que podendo dar o paso por formación, capacidade e coñecemento, non o deron. É un feito que nos custa máis chegar e dar o paso cara a postos de poder. Agora o importante é non ser a última.
—Cando falamos de postos de poder, e a reitoría éo, moitas veces o que limita as mulleres é a conciliación. Vostede é nai. Como se xestionan as dúas facetas?
—É complicado. Teño un fogar totalmente corresponsable co meu marido e puiden postularme á reitoría porque somos corresponsables da crianza dos nosos fillos e da atención do fogar. Esa é a gran diferenza. Aínda así, nós dende a universidade temos a obriga de facilitar o camiño ás mulleres. Aínda que teñas un fogar corresponsable, o impacto que ten a maternidade na carreira científica non é o mesmo que para os nosos compañeiros varóns.
Ser reitora supón devolver algo do que a universidade me deu
Na universidade fíxose un estudo en 2023 sobre a fenda salarial. Hai unha parte da progresión na nosa carreira, nos nosos salarios, que depende da acumulación de méritos. Se ti tes un parón por maternidade, chegas máis tarde. Se somos mulleres, asumimos xeralmente maior carga nos coidados e nas responsabilidades do fogar e, polo tanto, custa máis asumir postos de responsabilidade e limita os teus méritos á hora de progresar. Temos unha fenda salarial que se abre xusto no momento da primeira maternidade, entre os 30 e os 39 anos. E é moito maior entre os 40 e os 49, porque se non arrincaches antes, non chegas. Dentro da universidade temos a obriga de poñer mecanismos que faciliten a conciliación e que permitan que as mulleres non quedemos penalizadas na nosa carreira.
—Vostede é galegofalante. En 2025 houbo boas noticias: case o 30% das horas lectivas da USC se impartiron en galego despois dun acusado descenso dende 2015. Pero hai que ir ás áreas, non é o mesmo Comunicación que Medicina. Como pretende abordar isto dende a reitoría?
—Temos que aprender das recomendacións do Consello da Cultura Galega, pero tamén do coñecemento experto que temos na casa co Instituto da Lingua Galega e co noso Servizo de Normalización Lingüística. Dentro do programa levamos dous tipos de iniciativas: as de dinamización e as relacionadas cos dereitos de uso. É dicir, como facer que a nosa lingua sexa a de uso habitual e sexa prestixiosa en toda a actividade universitaria. Os datos de horas lectivas son positivos dende o punto de vista global, pero sabemos que hai que actuar de forma particular.
Por unha banda, temos que recoñecer positivamente os departamentos e centros que implantaron un uso xeral do galego tanto na súa actividade docente como a través de iniciativas de investigación. Hai outros nos que tocará traballar máis arreo para ver as medidas específicas que podemos poñer en marcha.

Tamén consideramos importante avogar por programas de acompañamento. Moitas de nós precisamos nalgún momento unha actualización e sobre todo agora, que está entrando moita xente tanto no persoal docente e investigador como no técnico de administración e servizos. Hai que intentar que todas estas persoas que se incorporan asuman con seguridade o uso do galego. No noso organigrama levamos unha vicerreitoría de Cultura, Lingua e Patrimonio. Atrévome a dicir que somos a institución académica máis relevante do país e non podemos deixar en segundo plano ningún destes aspectos, máis aínda cando temos a obriga. A misión das universidades é a de conservar, potenciar e visibilizar a nosa lingua, o noso patrimonio e a nosa cultura.
—No que respecta á xestión, vostede dirixiu o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) dende 2021 ata 2025. Que lle achegou esta experiencia?
—Achegoume moito. O CITMAga ten entidade xurídica propia porque está participado polas tres universidades e ten persoal contratado propio. Entón, dende aí, eu xa tiven que afrontar cuestións económicas, laborais, orzamentos, auditorías de contas… Foi como un pequeno ensaio. Permitiume ver moitas cousas que agora escalan a unha dimensión moitísimo maior. De todos modos, a universidade ten unha estrutura técnica e de xestión moi asentada que é a que realmente fai que funcione. Os cargos estamos de paso.
Hai ámbitos nos que o mercado de traballo é tan atractivo que é difícil que a xente se decante pola carreira investigadora
—Cal vai ser a primeira medida que tome como reitora?
—Hai moitas primeiras decisións. Hai unha cuestión que entronca coa proposta de proxecto que fixemos e é todo o que ten que ver coas persoas. Insistimos moito en que temos que impulsar políticas cara ao social. Non podemos falar de excelencia académica se non sabemos cal é a situación que vive o noso estudantando. Alumnos e alumnas que están en risco de vulnerabilidade e que debemos atender. Despois de falar coas direccións e presidencias dos colexios maiores, alertáronnos da necesidade de seguir mantendo e ampliando as bolsas de comedor. Pero hai moitas outras cousas para as que temos que estar preparadas.
—Aínda así, o alumnado sempre é o sector que menos participa.
—Si, pero hai que entendelo. Estámoslle pedindo un acto de xenerosidade porque non elixen para eles, senón para os que veñen despois. Temos que agradecer a inmensa participación, estamos impresionados polo apoio recibido. Tamén debemos impulsar mecanismos de participación. De feito, na Universidade do País Vasco xa van polo seu segundo plan de participación estudantil. A universidade cambia de xeito moi lento. Podes velo cando levas 10 ou 15 anos dentro, pero o estudantado non o percibe.
—Cal é o principal reto co persoal docente e investigador e o persoal técnico de administración e servizos?
—O relevo xeneracional. Isto vainos marcar nos próximos anos porque arredor dun terzo do persoal técnico de xestión, administración e servizos que inicia a lexislatura non a vai rematar. É un cambio moi importante. No caso do persoal docente e investigador, nos vindeiros cinco anos vai haber un 30% máis de xubilacións que no último lustro. Como abordamos isto? Con planificación e moita transparencia. Debemos mirar a medio prazo para dar a visión de oportunidades á xente que queira incorporarse á universidade. Nalgúns casos empezaremos por formar. Hai ámbitos nos que o mercado de traballo é tan atractivo que é difícil que a xente se decante pola carreira investigadora.
—Matemáticas, sen ir máis lonxe.
—Si, é un clarísimo exemplo. As grandes empresa tecnolóxicas están demandando matemáticos e agora mesmo a carreira académica non é competitiva. O que ofrecemos a un estudante de doutoramento non é en absoluto competitivo co que ofrece unha empresa. Imos traballar en programas de acollida e acompañamento. A universidade debe acompañar no desenvolvemento.
Hai convocatorias de proxectos, hai que incentivar iniciativas de innovación. Hai aspectos nos que podemos actuar para crear unha contorna que sexa máis atractiva, porque no ámbito salarial temos moi limitada a contribución. Insistiremos na planificación, para que cando a xente se incorpore a traballar con nós, a institución a vaia tratar nas mellores condicións para poder promocionar.
—Vostede sempre estudou na escola pública, dende ben cativa ata o seu doutoramento. Como ve a competencia coas universidades privadas?
—Coa privada non podemos competir nin en simplificación nin en precarización. A universidade pública é un elemento fundamental de cohesión social. Nós cumprimos unha misión, que é unha misión formadora, investigadora e de transderencia de coñecemento a todos os ámbitos. Non somos un negocio nin deberiamos selo. Pero moitas veces temos limitacións para desenvolver todo o que podemos dar como universidade pública e poño como exemplo o mestrado de secundaria.
Despois destes seis anos gustaríame que a xente poida dicir con orgullo que formou parte da USC
Temos moito estudantado que se ve obrigado a ir á privada para facelo, cando é un mestrado que se podería impartir na pública. Nós temos capacidade e demandaremos o propio para podermos ampliar as prazas. Obviamente isto requirirá de máis recursos, pero creo que facemos moi mal negocio formando o estudantado e despois obrigándoo a ir á privada para poder continuar co seu exercicio profesional.
—Estamos en pleno debate sobre o financiamento das universidades, sobre todo co que acontece na Comunidade de Madrid co goberno de Ayuso. Cal é a situación en Galicia? Como é a relación coa Xunta?
—Temos un plan de financiamento que está prorrogado neste momento e que se negociará, entendemos, unha vez que haxa novo reitor ou reitora en Vigo. Hai que valorar moi positivamente que teñamos un marco plurianual de financiamento dende hai moitos anos porque iso si nos permite como universidade facer unha planificación. Pero creo, ademais, que é importante que dende ese plan de financiamento se teñan en conta distintos aspectos da nosa capacidade formativa, de investigación e de transferencia de coñecemento e servizo á sociedade. Hai que seguir demandando a cobertura da nosa actividade estrutural sen renunciar nunca á avaliación, á transparencia, e tampouco á rendición de contas. Temos que reivindicar o noso papel como elemento de cohesión social.
—Outro dos grandes desafíos é a descentralización do grao en Medicina. Como o afronta?
—Agora hai un acordo institucional que hai que cumprir. Dentro do goberno da universidade velaremos para que se cumpra por parte de todas as partes e con absolutas garantías para o noso alumnado e para o noso persoal. Hai que poñer o foco na formación que damos, nos dereitos. E nós, como universidade que somos responsable do grao, trataremos de impulsar un grupo interno coa facultade que é a responsable do título para facer o seguimento e a descentralización que se acordou con todas as garantías.
—Que universidade cre que quedará en 2032?
—Unha universidade que dá comunidade universitaria e da que todo o mundo se sinta parte dela. Nós apelamos durante todo o proceso electoral á partipación, á unidade, ao diálogo e ao consenso. E aí estivemos traballando e seguiremos traballando. Gustaríame que despois destes seis anos a xente que pasou pola universidade ou que estea traballando poida dicir con orgullo que formou parte da USC. Para min sería o mellor regalo.












