O proxecto básico do futuro complexo dotacional de edificios de Ciencias da Saúde estará rematado entre finais de 2017 e comezos de 2018. Así se recolle no acordo asinado o venres nove de xuño entre o reitor da USC Juan Viaño e o arquitecto Carlos Durán Bellas, en representación de B-CDB Arquitectura SLP e a UTE Sanabria & Planas/Gallego Arquitectos SLP -que o pasado mes de decembro foi elixida no concurso de selección de anteproxectos para esta obra-.
A partir da sinatura deste contrato o equipo deberá presentar o proxecto básico -documento que engloba a memoria cos datos xerais do proxecto-, a información previa necesaria, a descrición xeral do proxecto e do edificio, así como as súas prestacións e a memoria construtiva, no que constará aspectos como os sistemas de acondicionamento e instalacións, acabados, compartimentación ou sistema envolvente, entre outras cuestións de natureza técnica. O proxecto terá un custe de 354.142 euros máis IVE.
A proposta gañadora presenta un edificio lineal de planta baixa e tres alturas que se implanta perimetralmente no solar do hospital Gil Casares. A intención é formar un recinto controlado arredor desta edificación hospitalaria, que se rehabilitará para a súa conservación. A nova edificación basearase nunha estrutura de madeira e cunha especial atención á integración co seu contorno inmediato.
Ao futuro complexo dotacional, cun total de 32.391 metros cadrados construídos, trasladaranse as facultades de Medicina e Odontoloxía e de Enfermaría, ademais doutros espazos de usos comúns como auditorio, biblioteca, servizo de restauración e aparcadoiro.
O pasado mes de decembro dérase a coñecer o ditame do concurso de selección do anteproxecto, outorgado á proposta presentada por B-CDB Arquitectura SLP e a UTE Sanabria & Planas/Gallego Arquitectos SLP. O proxecto asínano os arquitectos Humbert Costas Tordera, Ramón Sanabria Boix, Lidia Planas Rosell, Josep Gallego Álvarez e o galego Carlos Durán Bellas.