O paleontólogo Martínez Mendizábal premiará os traballos científicos de estudantes galegos

O Proxecto de Investigación Stephen Hawking convocado polo instituto de ensino secundario Rosalía de Castro de Santiago tentará repetir o éxito dos premios literarios San Clemente. Agora este novo proxecto pretende achegar o mundo da ciencia aos mozos a través dun traballo científico que, nesta primeira edición, está dedicado á evolución humana en relación coa área de estudo do seu director, o paleontólogo Ignacio Martínez Mendizábal.

«Pareceunos moi positivo que fosen os investigadores os que premiasen aos estudantes e non ao revés», explicou Martínez Mendizábal durante a rolda de prensa celebrada no instituto compostelán. O proxecto virará ao redor duns eixos determinados, como o coñecemento do patrimonio natural galego, xa que «permite desenvolver aptitudes científicas», ou o estudo da influencia dos factores físicos e químicos do medio ambiente, asegurou o seu director.

Publicidade

Unha das competencias máis interesantes que se lles esixirá aos participantes será o estudo da relación emocional coa natureza, un aspecto novo que potenciará a «faceta artística» dos estudantes.

A temática será a evolución humana, área de estudo do paleontólogo

Ignacio Martínez Mendizábal, paleontólogo, doutor en bioloxía e máis coñecido polas súas investigacións en Atapuerca, que lle valeron o premio Príncipe de Asturias en 1997, escolleu como tema de estudo a evolución humana, algo no que é todo un experto. Con todo, para próximas edicións, a temática irá cambiando «en función do científico».

Publicidade

A convocatoria vai dirixida a alumnos de 4º de ESO e 1º de Bacharelato dos cinco institutos de secundaria elixidos, aínda que se espera que polo menos outros catro ou cinco centros europeos poidan sumarse ao proxecto. Os estudantes, ademais de presentar a investigación realizada, incluirán unha «proposta de actuación», tal e como comentou Martínez Mendizábal, para «dar a coñecer o que fixeron» á cidadanía.

Na presentación estiveron os representantes dos cinco centros de secundaria elixidos mediante sorteo para participar no Proxecto de Investigación Stephen Hawking, apadriñado polo famoso astrofísico, que durante o pasado ano ofreceu unha conferencia no instituto santiagués. Hawking considerou «toda unha honra» utilizar o seu nome, segundo dixo o director do IES Rosalía de Castro, Ubaldo Rueda. «Tentaremos que estea na entrega de premios», dixo.

A finais do próximo curso escolar darase a coñecer o nome dos tres finalistas e do gañador, aínda que a contía económica do premio aínda está por decidir. Os profesores dos institutos participantes consideran que se trata de «unha proposta moi atractiva» que esperan que «dure moitos anos máis».

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A receita da evolución: os humanos, os polbos e os cempés posúen un devanceiro común

A innovación evolutiva como o voo dos insectos ou a cognición baseouse en eventos de duplicación de xenes hai centos de millóns de anos

A perda da membrana vocal facilitou que os humanos falásemos

Unha investigación asegura que perder as membranas vocais e os sacos aéreos na larinxe supuxo un paso evolutivo crucial para a nosa linguaxe vocal

Histórico achado de ADN neandertal no solo dunha cova de Atapuerca

A revista Science publica o estudo, no que por primeira vez se atopa ADN nuclear sen existencia de fósiles humanos

Atopan en Filipinas unha nova especie humana, o “Homo luzonensis”

"Nature" publica as conclusións tiradas a partir de varios restos óseos cunha "sorprendente" combinación de trazos primitivos e modernos