Jesús Carrete Montaña, doutor en Física pola USC e investigador colaborador do grupo de Nanomateriais, fotónica e materia branda da USC (NAFOMAT) acaba de ser recoñecido pola IUPAP (Unión Internacional de Física Pura e Aplicada) co premio ao científico novo en física computacional ( Young Scientist Prize in Computational Physics), galardón que recibirá a finais do mes de xullo na 21ª conferencia de Física Computacional da IUPAP, que terá lugar na universidade de Hong Kong.
O premio foi outorgado en recoñecemento ao labor desenvolvido polo investigador durante os últimos anos no campo da computación e máis concretamente “polas súas orixinais contribucións e o desenvolvemento de métodos computacionais pioneiros no campo emerxente do transporte térmico ab initio, permitindo a predición, libre de parámetros, das propiedades de condución térmica dos materiais sólidos e abriendo estes novos métodos á comunidade científica máis ampla a través de canles de código aberto”.
Jesús Carrete Montaña realizou os seus estudos de Física na USC entre 2002 e 2007, licenciándose con premio extraordinario. Foi tamén Premio fin de carreira de Física da Xunta de Galicia e Premio Nacional Fin de Carreira en Física. Realizou a súa tese de doutoramento na USC baixo a dirección dos profesores Luis Javier Gallego del Hoyo e Luis Miguel Varela Cabo doutorándose en 2012 coa tese titulada ‘Theoretical and computational study of thermal and transport processes in nanostructured systems’, merecedora do Premio Extraordinario de Doutoramento. Dende 2016 é científico senior do Institute of Materials Chemistry en Viena onde desenvolve actividades docentes e investigadoras.
Outra persoa máis que formamos e exportamos. Ata cando?