Sábado 20 Abril 2024

Dous galegos premiados nas olimpíadas científicas nacionais

Paulo Joaquín García obtivo medalla de prata na de bioloxía e Óscar Carballo Puebla conseguiu a de bronce na de informática

Galicia estivo presente no podio de dúas olimpíadas científicas nacionais. Dunha banda, Paulo Joaquín García Eléxpuru, estudante de 2º de Bacharelato do Instituto de Educación Secundaria Carlos Casares de Viana do Bolo, obtivo a medalla de prata na Olimpíada Española de Biología (OEB), que tivo lugar na Universidad de Oviedo. E doutra, Óscar Carballo Puebla, estudante de formación profesional do CPR Plurilingüe Liceo La Paz da Coruña, conseguiu a medalla de bronce na Olimpíada Informática Española (OIE) que se celebrou esta fin de semana en Madrid, situándose no posto número 9 con 489,5 puntos.

No que respecta a García Eléxpuru, este representará a España na Olimpíada Iberoamericana de Biología, que terá lugar en Lima (Perú) na primeira semana do próximo mes de setembro, ao obter medalla de prata na Olimpiada Española de Biología. Paulo Joaquín García Eléxpuru, nacido en Viana do Bolo, desexa cursar estudos universitarios e formarse como médico, pensando en adicarse á medicina de emerxencias. Os seus profesores destacan “a súa brillantez intelectual, unida a uns sólidos valores humanos”. A Olimpíada Española de Bioloxía, en Galicia, está organizada polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia, coa colaboración das tres universidades galegas e da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia. A nivel nacional conta coa financiación do Ministerio de Educación e Formación Profesional.

Publicidade

A Olimpiada Española de Biología

As probas da fase nacional consistiron nun exame teórico de 150 preguntas de todas as especialidades da Bioloxía e prácticas de laboratorio sobre identificación de especies de augas contaminadas, diferenciación mediante técnicas de xenética molecular de especies de peixes mariños, identificación de mucosa bucal humana normal e patolóxica, identificación de especies obtidas de trampas para velutinas e identificación morfolóxica e bioquímica de bacterias de mostras de auga.

Na Olimpiada Española de Biología presentáronse 2.131 estudantes de 579 centros educativos

A delegación galega estivo conformada por Paulo Joaquín García e a profesora Montse Ulloa do IES Carlos Casares de Viana, o alumno Denís Iglesias e a profesora Natalia Fernández do IES Ramón María Aller Ulloa de Lalín, o alumno Vicente Bermúdez de Castro do IES Eusebio da Guarda de A Coruña, e os delegados da Olimpíada Española en Galicia,
Pablo Fernandes e Luis Fernández.

Na XVII Olimpiada Española de Biología (2022), presentáronse inicialmente 2.131 estudantes de 579 centros educativos públicos e privados das 17 comunidades autónomas e das cidades autónomas de Ceuta e Melilla. Na fase autonómica galega, que tivo lugar en marzo na Universidade da Coruña, Paulo Joaquín García obtivo o primeiro dos tres postos que acudiron a Asturias. Á fase nacional, en total, acudiron 59 alumnos.

Ademais dos 500 euros de recoñecemento que lle entrega o Ministerio de Educación e
Formación Profesional, Paulo Joaquín García recibirá un adestramento especial para a seguinte fase. Durante o verán terá unha estancia de investigación nun centro do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), e unha semana de preparación na Universidade Autónoma de Madrid.

Óscar Carballo Puebla

Un dos gañadores da Olimpíada Informática Galega 2022, Óscar Carballo Puebla, natural de Castro de Rei, conseguiu a medalla de bronce na Olimpíada Informática Española que se celebrou esta fin de semana en Madrid, situándose no posto número 9 con 489,5 puntos (outorgáronse 4 medallas de ouro, outras catro de prata e outras tantas de bronce). Recibiu de premio 500 euros. A segunda participante galega na fase nacional, Paula Taibo Suárez, estudante de 2ºde Bacharelato do IES Rego de Trabe de Culleredo, recibiu un diploma de mención como finalista do certame.

Óscar Carballo e Paula Taibo na fase nacional da olimpíada en Madrid
Óscar Carballo e Paula Taibo na fase nacional da olimpíada en Madrid

A Olimpíada Informática Galega 2020 celebrouse o pasado 11 de marzo nas tres
facultades de Informática de Galicia en Santiago, A Coruña e Ourense, evento
organizado polo Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), as tres
universidades públicas galegas e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da
Información e a Comunicación (CITIC), coa colaboración de diversas entidades e
empresas do sector TIC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas