Venres 26 Abril 2024

Máis cánnabis e a idades máis temperás: “O patrón de consumo é peor do que se pensaba”

O investigador da USC Antonio Rial advirte de que a cantidade de menores que fan uso de drogas é maior do que reflicte o Plan Nacional

O informe ESTUDES 2021 do Observatorio Español das Drogas e as Adiccións (OEDA) revela unha ruptura da tendencia ascendente do consumo de cánnabis en adolescentes. Se en 2019 o 27,5% do estudantado enquisado afirmara ter consumido esta substancia nos últimos 12 meses, a porcentaxe baixa a 22,2%. Non obstante, esta diminución debe ser interpretada con cautela debido as circunstancias tan particulares que marcaron estes dous últimos anos, coa pandemia, o confinamento e as reiteradas restricións.

“Hai que esperar ao seguinte informe para facer unha valoración de como influíu a pandemia no consumo de cánnabis en menores de idade, pois xa se está vendo que esta aparente diminución ten un posible efecto rebote”, indica Antonio Rial Boubeta, profesor da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Rial é o autor principal do estudo Psychometric properties of CAST for early detection of problematic cannabis use in Spanish adolescents, que ten por obxectivo alertar da importancia de establecer os criterios de medición e corrección oportunos para poder analizar o problema que supón o consumo de cánnabis durante a adolescencia.

Publicidade

Detección do consumo problemático de cánnabis

Boubeta advirte de que a tendencia dos últimos anos indica un aumento do consumo de cánnabis, cada vez a idades máis temperás e cuns niveis de THC máis elevados, o que o fai máis aditivo e con maiores consecuencias para o cerebro. “O patrón de consumo non está sendo tan recreativo como se pensaba, e iso reflíctese en condutas como fumar sen compañía ou facelo antes do mediodía”, sinala o investigador.

“O patrón de consumo non é tan recreativo como parece, fúmase sen compañía ou antes do mediodía”

Para detectar un consumo problemático de cánnabis existen ferramentas de cribado. A principal é o CAST (The Cannabis Abuse Screening Test), un test de sete preguntas que se inclúe en programas de prevención de consumo de drogas. En España, o Plan Nacional sobre Drogas emprégao na súa enquisa bianual chamada ESTUDES, que serve de indicador de se as políticas de prevención funcionan. Non obstante, tras realizar o seu estudo, Boubeta sinala que “é posible que o test se estea correxindo mal a nivel nacional”.

A importancia dos criterios de corrección

“O Plan Nacional sobre Drogas non está a utilizar ben o CAST, e iso implica que é posible que se estea a medir mal a cifra de consumo problemático de cánnabis en adolescentes e os datos sexan maiores do que se está informando”, indica Boubeta. E engade que hai dúas maneiras de abordar a corrección dese test, e en función da intención que se persiga, os resultados son moi diferentes.

“Non é o mesmo empregar esta ferramena con perspectiva de prevención que utilizala para detectar dependencia da substancia”, comenta o investigador, xa que en función diso se aplicarán uns criterios de corrección e uns puntos de corte. “Se o que se pretende é detectar un consumo problemático de cánnabis, hai que axustar os parámetros para facer unha medición que reflicta a situación real”, fai fincapé Boubeta, dado que “coas mesmas respostas pódese estar informando dun 4% de adolescentes cun consumo de risco ou dun 8% en relación á corrección que se aplique”.

O aumento no consumo

O profesor da facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo Manuel Isorna —que participou no estudo xunto con Boubeta— sinala que o aumento do consumo de cánnabis en adolescentes débese a varios factores. O primeiro, maior dispoñibilidade na rúa desta substancia debido en parte ao incremento do autocultivo, que se ve favorecido polo baleiro legal que existe coa venta de sementes. “A maiores hai que ter en conta que o prezo da droga non está a aumentar do mesmo xeito que o gasóleo ou os alimentos, por 5 euros calquera pode comprar un gramo de hachís”, comenta Isorna.

O aumento do cánnabis débese a factores como a súa dispoñibilidade na rúa ou á redución da percepción de risco

A percepción de risco do consumo de cánnabis tamén mudou, reducíndose considerablemente e incluso “asociando que se ten usos terapéuticos, non pode ser perigoso”, indica Isorna, ata o punto de pensar que “é moito peor fumar tabaco”. Segundo o investigador, esta idea parte da industria do cánnabis, que apoiada nos algoritmos de internet, favorece cousas como que aparezan anuncios de derivados da marihuana para paliar síntomas da ansiedade. “Hai moitos intereses en xogo para que a poboación pense que esta sbustancia é a panacea”, engade.

Saúde mental e cánnabis

As persoas máis vulnerables de xerar unha dependencia ás drogas son aquelas que están nun estado emocional negativo. Durante a adolescencia, factores como o ambiente familiar, a autopercepción, a calidade das amizades, sentir aceptación do grupo ou a satisfacción afectivo-romántica, van determinar en gran medida o benestar mental e emocional das persoas durante esa etapa vital.

“Se non te sentes ben contigo mesmo, tes problemas persoais e falta dunha rede de apoio, por exemplo, o sistema cerebral de recompensa ao empezar a fumar vai ser alto”, comenta Isorna. O consumo de droga pode favorecer que a persoa perciba que o estado emocional no que se encontra experimente unha gran melloría. “Se se puntuara nunha escala sobre 10 o nivel de benestar persoal, o consumo de cánnabis podería facer que dun 4 se pasase a un 8”, indica. E iso é moi perigoso, porque como advirte Isorna: “Co tempo non fumas para sentirte un pouco mellor, senón que necesitas consumir para deixar de atoparte mal”.

Estratexias de prevención

Segundo Isorna, hai diferentes estratexias para previr o consumo problemático de cánnabis na adolescencia. Para iso, “é imprescindible que as familias teñan a formación e as ferramentas axeitadas para educar os fillos durante esta etapa”, sinala. E engade a importancia de que centros escolares e familias traballen man a man. Doutra banda, “é determinante que a rapazada non estea todo o día detrás dunha pantalla”, indica o investigador, e advirte das consecuencias negativas das redes sociais —como que celebridades e influencers normalicen fumar marihuana nos seus perfís— e da necesidade de facer “un uso hixiénico das mesmas”.

Manuel Isorna: “O deporte ou as artes escénicas melloran a autoimaxe, a autoestima e as relacións na adolescencia”

A ocupación do tempo de ocio con actividades extraescolares é unha das estratexias máis eficaces. “A práctica deportiva ou as artes escénicas axudan a mellorar a autoimaxe, a autoestima e as relacións interpersoais durante a adolescencia”, conclúe Isorna, que fai fincapé na importancia de fomentar a interacción cara a cara para estimular o benestar mental nun presente dominado polo dixital.


Referencia: Psychometric properties of CAST for early detection of problematic cannabis use in Spanish adolescents (Publicado en Addictive Behaviors).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

A procura para converter o cánnabis nun potente medicamento

A marihuana resulta prometedora para tratar enfermidades como a depresión, a artrite e a epilesia