A Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica, Divulgacción, organiza esta tarde un debate electoral no marco da campaña para as eleccións galegas do domingo 12 de xullo, no que se abordarán asuntos relacionados coas políticas de investigación e desenvolvemento e cultura científica. A cita poderá seguirse a través de Youtube, no vídeo que encabeza este texto.
O encontro contará coa participación de Borja Verea, candidato número 11 do PPdeG pola provincia da Coruña; Julio Torrado, número 4 do PSdeG pola provincia de Pontevedra; o investigador Adrián Cordido, en representación do BNG; David Bruzos, número 1 de En Común pola provincia de Ourense; e Iván R. Lombardero, cabeza de lista da Marea Galeguista pola provincia de Lugo. O divulgador científico Manuel Vicente, membro da xunta directiva de Divulgacción e responsable do programa da Radio Galega Efervesciencia, moderará a sesión. O público poderá facer chegar as súas preguntas aos participantes través do mesmo YouTube e de Twitter, mencionando a @divulgACCION e empregando o cancelo #debateciencia.
Divulgacción fai un chamamento a seguir o debate, e expón: “Agardamos que o encontro permita coñecer os plans das principais formacións políticas e convide á reflexión sobre a importancia estratéxica da ciencia en termos de benestar social e económico”. O debate terá lugar, lembra a entidade, nun momento en que a comunidade científica galega e española volve a mobilizarse, en plena pandemia dende a Rede, baixo o lema “Sen ciencia non hai futuro”.