Sábado 27 Abril 2024

Vigo estrea un sistema pioneiro no mundo que evita a contaminación de buques atracados

Un sistema pioneiro a nivel mundial con selo galego e no que tamén participaron investigadores da Universidade de Vigo. Esta mañá presentouse no Porto de Vigo o proxecto Green Port Energy Center, unha iniciativa dun consorcio de empresas e institucións para crear un sistema de xeración de enerxía para subministrar a barcos atracados e reducir as emisións. Trátase dun contedor móbil de Gas Natural Licuado en cuxo deseño participaron, xunto con outras entidades, investigadores do Campus do Mar e do Itmati, Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial, do que forman parte grupos de I+D das universidades galegas. O prototipo deste contedor, que se testará no buque do CSIC Sarmiento de Gamboa, proporciona electricidade e aire quente e frío ás embarcacións no porto, evitando así que estas teñan acesos os motores.
Detrás do proxecto Green Port Energy Center está un consorcio formado polas empresas Internaco, Key Plan, Vicus DT, Inabensa, Emenasa e Inova, así como o Campus do Mar e o Itmati. Todos eles traballaron xuntos durante preto de dous anos cun orzamento de 1.8 millóns de euros e ao abeiro do programa Interconecta, que procura sinerxías entre empresas e organismos de investigación.

Fernando Conde di que hai que ir cara unha ‘economía descarbonizada’

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, participou no acto de presentación xunto co presidente da Autoridade Portuaria, Ignacio López Chaves e destacou que “Green Port Energy Center non fai senón reforzar a aposta de Vigo e de Galicia pola innovación e a eficiencia enerxética, consolidando o liderado do Porto de Vigo neste ámbito”. Conde subliñou as dimensións económica e ambiental da iniciativa. Sobre o primeiro deses ámbitos, o conselleiro destacou que o deseño do colector de gas natural impulsará a competitividade dos portos galegos, empezando polo Porto de Vigo, que “reforzará o seu atractivo a tráficos de todo tipo”. Ademais, o conselleiro salientou que o Green Port Energy Center reforzará a eficiencia económica de armadores e consignatarios, reducindo os custos dos primeiros e facendo máis competitivos os segundos ao poder ofrecer mellores tarifas que os seus competidores. En canto ao segundo deses ámbitos, o ambiental, Conde incidiu en que este proxecto dá un paso máis no camiño de institucións e empresas cara a unha “economía descarbonizada”, impulsando a redución de emisións, e o incremento da eficiencia enerxética, xa que permitirá aos buques apagar os seus motores en porto, sen producir emisións de gases á atmosfera.

Vista aérea do perfil do porto de Vigo.
Vista aérea do perfil do porto de Vigo.

Pola súa banda, o presidente da Autoridade Portuaria destacou que grazas a este proxecto o Porto de Vigo cumpre con todos os requisitos para converterse nun Porto Verde e engadiu que “ten proxectado no seu plan de inversións o desenvolvemento dun GPEC para grandes buques, que poida dar servizo á Autopista do Mar, facéndoa máis ecolóxica”.
No proxecto Green Port Energy Center participan investigadores da Universidade de Vigo ligados a Campus do Mar e ao grupo Sidor, que forma parte do Itmati. Javier Roca, que xunto con Jacobo de Uña son os dous representantes deste último grupo no proxecto Green Port Energy Center, explica que a súa participación tivo “un dobre obxectivo: por unha banda, o desenvolvemento dun modelo que permita a caracterización do perfil de demanda enerxética en porto para un barco tipo; e, por outra, a construción dun modelo de viabilidade económico-medioambiental para o sistema de subministración presentado no proxecto”.

Publicidade

O sistema aforra un 55% de combustible e evita un 100% de óxidos de xofre

Roca lembra que esta colaboración xurdiu a partir da participación de Itmati no Maritime and Innovation Brockerage Event 2012, un foro que reúne a industria marítima europea, universidades e investigadores e organismos públicos co obxectivo de presentar e discutir novos proxectos de I+D, oportunidades de colaboración e solucións innovadoras dirixidas ao sector marítimo. Durante este evento, os investigadores entraron en contacto cunha das empresas promotoras do proxecto GPEC, e dese encontro xurdiu a sinerxía que fixo posible este prototipo.
O prototipo presentado este martes consiste nun contedor móbil, que se pode situar no peirao a carón dun barco ou simplemente enriba do buque por medio dun gindastre convencional. Os seus impulsores falan dunha redución de emisións empregando este sistema dun 52,5% de CO2, 100% nos óxidos de xofre, 48% nos óxidos de nitróxeno e 100% na emisión de partículas relativo á combustión de fuel oil por parte do barco. Isto supón tamén unha aforro aproximado do 55% no custe do combustible.
Extrapolando estes datos á flota de buques que atraca no Porto de Vigo durante un ano, obteríase unha redución de 289,9 toneladas de CO2 anuais, equivalentes a, aproximadamente, 102 vehículos típicos europeos circulando durante un ano enteiro ou 300 vos dun Boeing 747 entre Europa e Estados Unidos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas