Venres 26 Abril 2024

Ao rescate do mazarico real: só 4 parellas reprodutoras en Galicia

O mazarico real (Numenius arquata) é unha ave nidificante da que tan só quedan catro parellas reprodutoras na Península Ibérica, concretamente en Galicia, o que a converte nunha das máis ameazadas, estando considerada en perigo de extinción tanto no territorio español como no galego. O grupo de investigación Biodiversidade Animal da USC desenvolverá este ano un novo proxecto que busca dar pulo á conservación desta especie co financiado pola Fundación Biodiversidade, do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, e co apoio tanto loxístico como económico da Axencia Galega de Innovación (GAIN).

Cría de mazarico real. Foto: Jesús Domínguez Conde
Cría de mazarico real. Foto: Jesús Domínguez Conde

Durante a primavera, o grupo que coordina Jesús Domínguez Conde monitorizará a poboación reprodutora do mazarico real ademais de caracterizar os seus parámetros reprodutivos. O equipo universitario leva dende o ano 2007 traballando no estudo desta ave e en 2014 xa colaborara coa Fundación Biodiversidade no desenvolvemento de medidas de conservación. As parellas reprodutoras están localizadas nos terreos adxacentes ao aeródromo de Rozas na provincia de Lugo, propiedade do Ministerio de Defensa.

Publicidade

Un dos obxectivos principais do proxecto a desenvolver durante esta primavera será avaliar o efecto que o peche con malla cinexética dos terreos do ministerio pode ter na produtividade da poboación do mazarico. Como explica o coordinador da investigación Jesús Domínguez “a supervivencia do Mazarico real depende criticamente do mantemento da calidade do hábitat de reprodución e tamén da capacidade de recrutamento de novos individuos”. Na súa opinión o peche con malla cinexética dos terreos do aeródromo podería ter un efecto positivo ao poder aumentar o recrutamento de efectivos por diminución da presión depredadora sobre os niños e por outras especies como o raposo ou o xabarín.

O centro de drones do aeródromo de Rozas inclúe un plan de conservación do mazarico

Neste senso a futura implantación no aeródromo do Centro de Investigación Aerotransportada (CIAR), que promoven o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) e a Xunta de Galicia, inclúe no seu convenio de creación fortes compromisos ambientais, entre eles, os relacionados precisamente coa conservación da poboación desta ave. O CIAR está orientado ao desenvolvemento de vehículos aéreos (UAVs) a través da ‘Civil UAVs Iniciative’ para, con posterioridade, dar resposta mediante novas investigacións en sistemas innovadores ás necesidades exclusivamente civís que demanda a administración (emerxencias, incendios, furtivismo, axuda humanitaria ou investigación atmosférica).

O equipo de investigación da USC traballa na monitorización do Mazarico real dende o ano 2007. Ademais, en 2014 e xunto coa Fundación Biodiversidade xa desenvolvera outro proxecto para a protección e recuperación desta ave, que ademais da súa implantación no concello de Castro de Rei tamén se localizaba en décadas pasadas na zona da antiga lagoa de Antela, na comarca de Xinzo de Limia.

Hai dous anos, o equipo e Jesús Domínguez traballou no deseño e execución de medidas orientadas a reducir a perda de niños e a mortalidade de polos por acción de depredadores como o raposo. Ademais, daquela o equipo compostelán aplicou unha técnica de alimentación suplementaria para minimizar a probabilidade de ataques por aves de presa diurnas cara os polos non volandeiros.

Un ave de longo pico curvo

A maior das nosas limícolas é unha especie doadamente identificable grazas ao seu enorme bico, que é máis longo nas femias. Con el, afonda nas praias, nos bancos de limo, e nas pradarías húmidas na procura de invertebrados dos que se nutre. Reprodutor testemuñal no noso territorio, o mazarico real resulta, con todo, relativamente común ao longo do inverno, especialmente nas costas cántabro-atlánticas.

Os trazos máis característicos do mazarico real son o seu considerable tamaño e, sobre todo, o seu longuísimo pico curvo, o maior, comparativamente falando, de toda nosa avifauna. O adulto reprodutor presenta as plumas das partes superiores; o peito, o pescozo e a parte superior son de cor crema (con marcadas estrías escuras que se transforman en galóns nos flancos) e as patas azuis. O principal atributo que diferencia a ambos os sexos radica no pico, que resulta máis longo no caso da femia.

A poboación desta limícola en Europa estímase en 220.000- 360.000 parellas reprodutoras e nun mínimo de 420.000 individuos 3 invernantes. No noso territorio reprodúcense catro parellas e invernan 2.000-8.700 individuos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

Un bólido cruza a costa de Lugo ata caer no Cantábrico

A segunda bóla de lume visible dende Galicia en apenas dúas semanas procedía da chuvia de estrelas das delta-leónidas

Novos achados revelan o carácter funerario da ‘roda’ de Adai, un xacemento único en Galicia

A descuberta dunha ola que se conserva completa e de pé sobre unha lousa suxiren que servía para actos rituais fundacional

Atopado o talón de Aquiles da rata toupa, a praga que azouta a montaña luguesa

O estudo do órgano vomeronasal deste mamífero subterráneo avala o uso de químicos para diminuír a súa poboación e frear o seu impacto na agricultura