Martes 16 Abril 2024

As trampas de velutina ‘cazan’ un 99% doutros insectos

Non é a primeira vez que se cuestionan a efectividade e os danos colaterais que as trampas ideadas contra a invasión da Vespa velutina causan noutras especies de insectos. Desde hai tempo, colectivos ecoloxistas e entomólogos critican que estes métodos están atrapando e matando a moitos dípteros, lepidópteros e himenópteros, entre outras ordes de insectos. Entre abril e xuño de 2016, varias investigadoras da Universidade de Vigo decidiron comprobalo, e os resultados amósanos nun traballo que acaba de saír publicado na revista Apidologie.

O equipo formado por Sandra Rojas, María Calviño, Noelia Novoa e Antonio Serrano colocou 180 trampas penduradas de árbores, a un metro e medio de altura, en 21 concellos situados dentro da zona xa invadida pola velutina, nas provincias de Pontevedra, A Coruña e Lugo. Estaban en zonas con diversos usos da terra: áreas urbanas, áreas agrogandeiras e áreas forestais. Prestouse tamén especial atención á interacción entre os diferentes tipos de trampas e produtos usados como cebo, así como as condicións medioambientais de cada unha das trampas (proximidade a colmeas, a ríos ou masas grandes de auga, etc.). Para isto usaron tres das trampas máis estendidas en Galicia: Avispa’clack, Véto-pharma, e unha trampa caseira feita con cervexa negra, viño branco, zumo de arando e azucre.

Publicidade

Tipos de trampas utilizadas no estudo: Avispa'clack (a ), Véto-pharma (b ), e trampa caseira (c). Fonte: Rojas et. al (2018).
Tipos de trampas utilizadas no estudo: Avispa’clack (a ), Véto-pharma (b ), e trampa caseira (c). Fonte: Rojas et. al (2018).

Resultados

Despois de analizar os datos recollidos nas trampas, as investigadoras determinaron que a frecuencia de capturas de velutina foi “relativamente baixa (0.55), o que significa que só a metade das trampas colocadas nestas áreas invadidas conseguiron o obxectivo de atrapar a raíñas de vespa velutina”. A maior porcentaxe de vespa asiática capturada atopouse nas trampas Avispa’clack, ata 2,5 veces máis ca na Véto-pharma e 12,7 veces máis ca na caseira.

O máis preocupante do estudo, para a científicas, é que a Vespa velutina supuxo só o 0,90% do total das capturas. Os ‘danos colaterais’ afectaron, sobre todo, á orde dos dípteros, á que pertencen as moscas, os tabáns ou os mosquitos, que supuxeron un 92,65% do total das capturas. E tamén se capturaron himenópteros (Apis mellifera, Vespa crabro e diferentes especies de formigas), lepidópteros (orde á que pertencen as bolboretas) e coleópteros (escaravellos, vacalouras, couzas ou gurgullos).

Os usos da terra influíron tamén nas taxas de captura dos diversos insectos. As trampas que estaban no bosque e en zonas rurais e, sobre todo, cerca de colmeas, capturaron máis velutinas ca nas zonas urbanas. Porén, as cifras foron igualmente baixas.

Con estes datos, as investigadoras expoñen a necesidade de “optimizar as capturas das raíñas de Vespa velutina” mediante o deseño de trampas máis eficientes e cunha mellor colocación. “Para determinar a efectividade das campañas de trampeo para controlar á velutina, precísase de maneira urxente unha evaluación do impacto actual nas súas poboacións”.

“Hai unha necesidade urxente de mellorar tanto os cebos como os deseños das trampas”, din as autoras

O problema da alta porcentaxe de capturas doutras especies obriga tamén a reformular a estratexia, segundo as científicas, mesmo nas trampas máis efectivas: “Este tipo de trampas tamén capturan altas taxas de insectos que non están dentro do obxectivo, como os dípteros, as abellas e outros himenópteros”. Explican que os buracos de acceso ás trampas “permiten a entrada de especies de maior tamaño, como lepidópteros e a nativa Vespa crabro, fronte ás trampas con buratos máis pequenos”. Neste senso, “débense evitar as capturas de V. crabro por varias razóns”: porque son especies nativas en perigo nalgúns países como Alemania, e porque tamén poden ser unha das especies que compitan polos recursos fronte ás velutinas, dificultando a súa expansión.

O estudo tamén advirte sobre o argumento de que “matar a unha raíña velutina en primavera protexerá a moitos insectos das potenciais colonias de vespas asiáticas que os cazarían en verán e outono”. Neste senso, di o estudo, “considerando as características dos insectos cazados pola velutina, é posiblemente a abella a especie máis favorecida co trampeo”, xa que é unha das principais presas da velutina, pero as súas porcentaxes de captura nas trampas son relativamente baixas. Non en tanto, outras ordes como os coleópteros, lepidópteros e especies como a V. crabro que non son tan perseguidos pola velutina, pero caen de forma frecuente nas trampas. “Para estes grupos, o impacto do trampeo pode ser moi negativo, poñendo en perigo as poboacións de rexións enteiras”. Deste xeito, conclúese que as trampas de cebo usadas na actualidade para loitar contra a velutina son “unha ameaza potencial” para a fauna nativa.

Con todos estes datos na man, o estudo cuestiona, por tanto, a utilidade de determinadas trampas como unha arma de control. “Hai unha necesidade urxente de mellorar tanto os cebos como os deseños das trampas”, xa que “o estudo mostra que os cebos comerciais non exhiben melloras significativas respecto aos caseiros”, aínda que as taxas de captura de velutina sexan maiores.

E, sobre todo, como conclusión principal, as autoras subliñan que “os deseños da trampa probaron diferenzas tanto en termos de efectividade como de selectividade, cos deseños comerciais amosando mellores resultados que o deseño caseiro probado”.

Referencias:

Performance of baited traps used as control tools for the invasive hornet Vespa velutina and their impact on non-target insects, publicado en Apidologie e dispoñible en Research Gate (ligazón aquí).

3 COMENTÁRIOS

  1. Normal, se lle botan azucre á mistura. Nunca se lle debe botar azucre pois atrae outras especies e non é necesario para atraer á velutina.

  2. A Milá experiencia e positiva,utilizando botellas de plástico con un furado de 5 cm, de diámetro aproximadamente na 1/3 da altura da botella. Ha botella te se que botar : 125 cc dexeveja negra,125 cc de viño Branco e 125cc de zume de arándanos.
    A captura de veleutinas e efectiva, so entran algún mosquito eu diría ha proporcion de 80% a 20%

  3. Entonces que facemos?? cruzamonos de brazos esperando que a xunta faga algo?? non creo que a cantidade de expecies que caen nas trampas deran de comer a un par de nidos de belutina, pero si nos dades algo mellor que animos para defender as avellas seremos todo oidos, mentras tanto seguiremos a loita solos como hasta agora

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Atracción fatal ou confusión? Este é o verdadeiro motivo polo que os insectos voan arredor das bombillas

Estes animais non se dirixen ao foco luminoso, senón que se inclinan cara a el, desvíanse e modifican de forma errática a súa traxectoria

A chegada do mosquito tigre a Galicia, unha visita que a comunidade científica esperaba

O aumento das temperaturas favorece a proliferación deste tipo de especies que pode criar nas contornas das casas

Insectos fronte a plantas: unha ‘guerra’ de hai 100 millóns de anos

Un investigador da UVigo é o primeiro autor dun estudo que analiza como eran as interaccións entre fósiles achados en Teruel

Unha avespa usa o seu pene con espiñas para librarse dos depredadores

As Anterhynchium gibbifrons macho non teñen veleno, pero aínda así poden apuñalar aos depredadores cos seus xenitais