Atopada en Arousa unha lesma de mar “xigante”

Os investigadores do Grupo do Estudo do Medio Mariño de Galicia (GEMM) crían que a lesma de mar que atoparan na ría de Arousa era unha especie xa descrita (Tritonia hombergii) que se pode atopar en augas máis ao norte. Porén, decidiron estudala polo miúdo, e acabaron descubrindo que estaban ante un novo tipo de lesma de mar, non descrita ata agora. E ademais trátase dunha das de maior tamaño do planeta entre os seus conxéneres, con case 20 centímetros, polo que o GEMM cualifícaa como “xigante“.

É a Marionia gemmi (así bautizada na honra do GEMM), que ademais destaca pola súa capacidade de desprazarse nadando grazas ás contraccións que pode facer o seu corpo, un trazo que lle permite moverse pola columna de auga e arrastrarse coa corrente lonxe dos perigos potenciais, tal e como amosa este vídeo:

Publicidade

O traballo no que se describe o achado da babosa publicouse no número 32 da revista Invertebrate Systematics, e está asinado polos membros do GEMM Jacinto Pérez Dieste e Bruno Almón (tamén investigador do Oceanográfico de Vigo), e Manuel Caballer do Muséum National d’Histoire Naturelle de París.

O que aconteceu en Arousa pasou tamén no Golfo de Cádiz, onde se atopou outro individuo identificado en primeiro termo como Tritonia hombergii, pero que despois foi descrito como Marionia gemmi, “o que fai pensar que poida estar presente noutras zonas da Península Ibérica”, segundo o equipo de investigadores galegos.

Publicidade

Esta lesma mariña pertence ao grupo dos nudibranquios, especies de pequeno tamaño e unha cor chamativa, que son moi populares entre os mergulladores. Porén, ata agora non foron quen de describir esta nova especie.

O GEMM é unha asociación sen ánimo de lucro que naceu en 2010, co obxectivo de explorar e divulgar entre o público a riqueza submarina e a importante biodiversidade das augas galegas, unha das máis interesantes da costa atlántica europea, e moitas veces descoñecida para a sociedade do país.

2 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Novo invasor en Galicia: o bígaro xaponés depredador de ostras

O Ocinebrellus inornatus está considerado un 'autoestopista' e foi localizado en Arousa por científicos do Grupo de Estudio do Medio Mariño

Descuberta na ría de Arousa unha nova especie de verme mariño

Este novo animal, bautizado Laqueusplana bocki, non presenta tentáculos e ten dous tipos diferentes de ollos

Atopan na ría de Arousa dúas novas especies de vermes planos

O Grupo de Estudos do Medio Mariño bautiza os achados como Armatoplana celta e Hoploplana elisabelloi

Descuberta na ría de Arousa unha especie descoñecida de verme plano

A revista científica Zookeys publica o achado desta criatura de 3 centímetros e unha forte cor amarela