Venres 26 Abril 2024

Un pico de contaminación revela o aumento de tráfico antes da ponte de San Xosé

A rede de Calidade do Aire de MeteoGalicia constata a redución a niveis mínimos das emisións contaminantes desde hai dúas semanas

A paralización de boa parte da actividade económica debido á crise do coronavirus está causando preocupación polas posibles consecuencias que vai traer. Porén, tal e como se constatou primeiro en China, logo en Italia e nos últimos días na península Ibérica, a redución do transporte por terra e aire tradúcese nunha caída a rexistros mínimos da contaminación. Así, a presenza no aire de compostos como os óxidos de nitróxeno (NOx), derivados do tráfico rodado e as emisións industriais e domésticas, está nos niveis máis baixos dos últimos anos. Tamén hai caídas históricas no consumo de queroseno, o combustible dos avións, tal e como revelou hai uns días o presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

En Galicia, a rede de Calidade do Aire que coordina a Consellería de Medio Ambiente, e cuxos datos recolle MeteoGalicia, amosa tamén un descenso moi notable das emisións de diversos compostos contaminantes desde as primeiras medidas de limitación de movementos, nos días previos ao anuncio do estado de alarma, o venres 13 de marzo. “Desde o día 11 xa detectamos unha baixada das emisións de contaminantes como os óxidos de nitróxeno, sobre todo nas cidades”, explica Nuria Gallego, xefa de sección e responsable de Calidade do Aire da Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático da Xunta. Neste sentido, segundo os datos que achega a Dirección General de Tráfico (DGT), no noroeste de España o tráfico chegou a caer ata un 90% nos últimos días respecto a un día equivalente e ‘normal’ previo á crise.

Publicidade


O luns 16, despois da primeira fin de semana de corentena para a poboación galega, a obriga de saír a traballar que aínda teñen moitas persoas provocou un aumento de emisións, aínda que en niveis moito menores que os rexistrados nas semanas anteriores, cando a meirande parte da poboación facía “vida normal”. O mesmo aconteceu o martes 17, co comezo da actividade laboral nas primeiras horas da mañá.

Porén, o feito salientable en Galicia tivo lugar durante o día 18 de marzo, véspera do Día do Pai, e marcado no calendario de festivos a nivel autonómico. “Observamos un pico de emisións de NO2 o día 18, e puxémonos a revisalo para comprobar de onde podían vir estes datos”, detalla Nuria Gallego. “Pensamos que podería tratarse da actividade industrial, pero nos lugares onde temos estacións (a rede controla tamén as emisións de máis dunha decena de industrias en Galicia) vimos que non procedían de alí. Contrastamos datos e vimos que o aumento é patente nas cidades e procedía do tráfico, xa que as emisións medraban, sobre todo, nos óxidos de nitróxen que se xeran na combustión dos motores”, conclúe Gallego.

Baixo estas liñas pode observarse o aumento de emisións de óxidos de nitróxeno (NOx) durante o mércores 18 en varias cidades de Galicia. Aínda que as cifras seguen sendo menores que un día normal antes da crise, con niveis sen risco para a saúde, a diferenza é notable en termos relativos despois da baixada de contaminación ocasionada polo confinamento da maior parte da poboación. O salientable, alén do pico da mañá, é o incremento anómalo durante a tarde, en valores moi superiores aos das tardes dos días anteriores e posteriores. Aínda que non é posible detallar os fluxos do tráfico nas horas previas ao festivo do 19 de marzo, si é posible constatar o aumento dos desprazamentos por estrada nesas horas a través deste aumento de emisións, segundo expoñen desde o departamento de Calidade Ambiental.

Do mesmo xeito, en atención aos valores medios diarios rexistrados en seis das estacións das cidades (a de Coruña non puido consultarse por problemas técnicos), vese que a media de emisións de óxidos de nitróxeno do día 18 é a maior da última semana.

Nestes últimos días, especialmente desde o sábado 21, ante o aumento dos controis por parte das autoridades e o agravamento da situación sanitaria, os niveis de contaminación estanse reducindo aínda en maior medida. “Vigo chega a ter valores semellantes a Lalín”, exemplifica Nuria Gallego.

Con todo, a redución de contaminantes de orixe antrópica non redunda necesariamente nunha mellor calidade do aire. Así, dúas intrusións de po procedente do Sáhara nos últimos días están provocando un aumento de partículas microscópicas en suspensión e, en consecuencia, unhas condicións complicadas para as persoas con problemas respiratorios. Nun contexto de posibles contaxios por coronavirus, cómpre especial precaución nas persoas con historial médico complicado neste sentido.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha crista subtropical disparará as temperaturas en Galicia ata os 30 graos

A semana comeza con intensas precipitacións provocadas pola borrasca Pierrick pero un cinto de altas presións producirá un cambio radical de tempo a partir do mércores