Martes 23 Abril 2024

Unha experta galega en pragas de plantas, premiada por L’Oreal

A multinacional concedeu a Patricia Fernández Calvo un dos galardóns "For Women in Science", dotado cunha bolsa de investigación de 15.000 euros

A bióloga molecular Patricia Fernández Calvo, que actualmente traballa no Centro de Biotecnología y Genómica de Plantas (CBGP) da Universidad Politécnica de Madrid (UPM), foi unha das cinco gañadoras en España do programa For Women In Science que convoca a multinacional L’Oreal, e que outorga unha bolsa de investigación de 15.000 euros a cada unha destas científicas menores de 40 anos para desenvolver os seus traballos. Patricia Fernández poderá afondar así no seu proxecto de investigación para identificar azúcares vexetais que melloran a defensa das plantas contra pragas e enfermidades, o que podería ser unha alternativa ao crecente uso de praguicidas sintéticos e contaminantes na actualidade.

Patricia, á esquerda, xunto ás compañeiras tamén premiadas por L'Oreal. Foto: Paco Nuevo / L'Oreal España.
Patricia, á esquerda, xunto ás compañeiras tamén premiadas por L’Oreal. Foto: Paco Nuevo / L’Oreal España.

“Foi unha alegría enorme – conta por teléfono Patricia desde Madrid na mañá seguinte de participar na gala que organizou L’Oreal -, non só pola contía do premio, senón tamén pola visibilidade que dá ao teu traballo. Moitas veces a nosa carreira é dura e chea de obstáculos, pero estas cousas axudan a seguir”, destaca. Os proxectos gañadores, segundo lembra a investigadora galega, foron escollidos por un xurado composto, entre outros, por María Blasco, directora do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas (CNIO), e Francisco Mojica, microbiólogo e profesor titular de Fisioloxía, Xenética e Microbioloxía da Universidad de Alicante. A relevancia do galardón xera, por tanto, “unha repercusión moi necesaria e importante para o traballo que facemos”, destaca.

Publicidade

Segundo explica Patricia, oriúnda de Portomouro (Val do Dubra), nunha entrevista publicada no portal da UPM, a vocación de bióloga xurdiu “porque xogaba co meu avó a atopar e observar niños de paxaros, e a min parecíame fascinante”. Máis tarde, mentres estudaba o bacharelato internacional no Instituto Rosalía de Castro de Santiago, espertou aínda máis a súa paixón polas plantas. “Lémbrome de que a nosa profesora Charo García-Echave dicía: ‘Señores, ante as plantas hai que quitarse o sombreiro, bioquímicamente non hai nada que poida superalas’. E así é; están amarradas ao substrato, sen poder moverse, e desde aí teñen que defenderse a través da bioquímica”.

Despois de graduarse en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, Patricia desenvolveu a súa carreira en Madrid, Francia e Bélxica (onde foi beneficiaria dunha bolsa Marie Curie) antes de regresar á capital de España para traballar no CBGP.

A importancia de combater as pragas

O equipo no que traballa actualmente a científica galega afonda nas razóns que xeran estrés nas plantas, “para saber como se defenden, e poder usar así produtos que sexan unha alternativa aos químicos sintéticos de hoxe en día”. A curto e medio prazo, cunha poboación humana en rápido crecemento, precísanse cultivos máis rendibles para alimentar á xente, “pero estamos vendo que o cambio climático e o mal uso de sementes nun contexto de globalización van traer consigo máis pragas de insectos e fungos”.

Así, dentro destas liñas de investigación, Patricia traballa actualmente na identificación duns tipos de azúcares que producen as propias plantas e que lles permiten defenderse de pragas e outros patóxenos. Despois de probalos en laboratorio, xa están obtendo bos resultados nalgúns cultivos, como o tomate, a través da utilización destes compostos de orixe vexetal.

Patricia Fernández Calvo. Foto: UPM.
Patricia Fernández Calvo. Foto: UPM.

O programa For Women In Science de L’Oreal avoga por aumentar a visibilidade das mulleres investigadoras nas diferentes pólas da ciencia. Neste sentido, na entrevista publicada pola UPM, Patricia expón que a maior traba de xénero na ciencia “é a falsa percepción de que as mulleres non somos igual de boas interlocutoras ou negociadoras que os homes”. Neste sentido, apunta: “Creo que os aspirantes a director de grupo deberían ter unha formación de xénero que lle permitise ser máis transparentes nas súas decisións”.

Para animar ás mozas a apostar pola carreira investigadora, Patricia di que cómpre amosar “o marabillosa que é esta profesión; pero iso si, tamén hai que advertirlles de que é un camiño cheo de frustracións, por tanto, hai que ser forte para resistir e ao mesmo tempo gozar sen perder a capacidade de sorprenderse con cada novo achado”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As plantas non nativas aceleran a desaparición dos ameneiros galegos

As árbores centroeuropeas que se importan para restaurar as plantacións afectadas por unha doenza fúnxica producen uniformidade xenética

‘Bioclima’, a nova aplicación do CSIC para monitorizar o ciclo das plantas

O servizo, que xa está dispoñible para a súa descarga, xorde da necesidade de entender como o cambio climático afecta os nosos ecosistemas

É perigoso durmir con plantas? Isto é o que di a ciencia

As plantas respiran e consomen osíxeno, pero... Significa iso que son perigosas se as temos no dormitorio? Poden roubar o osíxeno mentres durmimos?

Así ‘berran’ as plantas cando están estresadas

Un estudo rexistrou os sons emitidos pola plantas do tomate e do tabaco co talo cortado e con falta de auga