Xoves 28 Marzo 2024

Multiplícanse por dez en 15 meses os concellos coa praga da pataca

O Diario Oficial de Galicia publicou este luns a relación de 31 concellos das provincias da Coruña e Lugo nos que se declara a corentena sobre os cultivos de pataca debido á praga da couza. A praga esténdese con forza, posto que hai pouco máis dun ano, en novembro de 2015, os únicos concellos afectados eran tres, todos na comarca de Ferrolterra: Ferrol, Narón e Neda. Agora a cifra xa se multiplica por 10.

Na resolución tamén se decretan as medidas fitosanitarias que se deben levar a cabo para facer fronte á praga. Os agricultores destes concellos deberán retirar e destruír todos os tubérculos danados, realizando tratamentos específicos para a súa eliminación. Ademais, deberán colocar trampas para a captura do insecto Tecia solanivora, responsable da doenza, e desinfectar os almacéns dos comercializadores. Por tanto, queda prohibido extraer pataca nas zonas demarcadas.

Publicidade

Patacas afectadas pola couza guatemalteca.
Patacas afectadas pola couza guatemalteca.

Os afectados son 13 concellos da provincia da Coruña (Ferrol, Narón, Neda, Valdoviño, San Sadurniño, A Capela, Fene, Mugardos, Ares, Cabanas, Ortigueira, Mañón e As Pontes de García Rodríguez) e 18 de Lugo (O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros, Ribadeo, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Alfoz, O Valadouro, Ourol, Abadín, A Pastoriza, Riotorto e A Pontenova).

Ao mesmo tempo, a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo sinalou que o Ministerio de Agricultura elaborou un borrador de decreto sobre a praga, que trasladou ás comunidades autonómas (entre elas Galicia), co fin de recoller propostas e alegacións. A norma do Ministerio contempla a posibilidade de prohibir a plantación de patacas nas zonas infestadas, polo que aconsellou aos agricultores destas áreas paralizar, polo de agora, novos cultivos. Nos anos 2015 e 2016 destruíronse en Galicia 6.800 quilos de tubérculo afectado por esta praga, pagándolles aos produtores a razón de 0,30 céntimos por quilo. O borrador do ministerio tamén contempla a posibilidade de compensar, a maiores, aos agricultores afectados.

A couza guatemalteca chegou dende América a Canarias a comezos do século XXI

A praga denominada “couza guatemalteca da pataca”, provocada polo organismo nocivo denominado Tecia solanivora Povolny, é unha das de maior importancia económica no cultivo da pataca en América Central, de onde é orixinaria, e nos países de América do Sur, nos que se foi introducindo: Venezuela (1983), Colombia (1985) e Ecuador (1996). En Europa este insecto foi observado e identificado nas illas Canarias (1999-2006). A Tecia solanivora Povolny é unha praga incluída na lista A2 da EPPO (European Plant Protection Organization) polo que se considera unha praga de corentena, sometida a regulación e, por tanto, é necesario tomar medidas para a súa erradicación e control.

Os danos son causados pola larva, tanto en campo como en almacén, penetrando no tubérculo para alimentarse facendo galerías, sendo o tubérculo de pataca o único hospedador desta praga. A evolución en Galicia desta praga foi enorme. En novembro de 2015 había só 3 concellos afectados, todos no norte da Coruña: Ferrol, Narón e Neda. Un ano máis tarde, a cifra multiplicouse por 10. A prohibición de sementar pataca tenta atallar a extensión do foco, do que se teme que chegue ás grandes prantacións situadas en bisbarras como A Limia ou Bergantiños.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A RAGC e a Xunta convocan os X Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia

Cada categoría está dotada con 5.000 euros e o prazo para a presentación de candidaturas remata o 30 de abril

Científicos galegos afondarán na conformación do Universo nun experimento con neutrinos

O IGFAE participará no deseño dun detector que interceptará feixes destas partículas para intentar explicar a asimetría entre materia a antimateria

As análises da Xunta revelan a presenza de ata un 10% de aditivos químicos nos granulados

Un informe da UVigo comproba que os compostos das bólas plásticas non teñen "toxicidade relevante" nun modelo moi usado no medio mariño

Un equipo da UVigo constata que o granulado ten aditivos con "toxicidade crónica" e irritantes para os ollos

O grupo liderado por Ricardo Beiras analiza un dos informes encargados pola Xunta para coñecer a composición das bólas plásticas