Venres 3 Maio 2024

“Acusar ao corvo mariño de que non haxa troitas non ten sentido”

A polémica tomou forza nos últimos meses sobre todo en Asturias e Cantabria, pero tamén en Galicia. Colectivos de pescadores puxeron en marcha varias iniciativas para solicitar aos gobernos autonómicos a autorización de batidas contra os corvos mariños ou canilongas, tamén coñecidos en castelán como cormoráns (Phalacrocorax). En Galicia, a especie máis abundante é o corvo mariño grande (Phalacrocorax carbo).

Os pescadores argumentan que esta ave é a principal causante do alarmante descenso da poboación de troitas e salmóns nos ríos do noroeste da Península, co conseguinte prexuízo que isto causa para a pesca deportiva. Engaden que os corvos mariños están protexidos e non poden facer nada ante a depredación de crías por parte desta ave. Afirman, como no caso asturiano, que están “destruíndo os ríos”, polo que chegaron a pedir a eliminación da metade da poboación de canilongas na rexión.

Publicidade

Galicia é a única rexión na que medrou a poboación nos últimos anos

Non en tanto, varias entidades naturalistas responderon a estas solicitudes, criticando o afán por culpar á canilonga da paulatina desaparicións dos salmónidos. Unha das últimas reaccións foi a da Sociedad Española de Ornitología (SEO), que esta semana cualificou a proposta das batidas de canilongas como “ineficaz“. Con todo, SEO sinalaba que Galicia era a única rexión do Estado na que aumentou a poboación de canilongas nos últimos anos.

Na mesma liña se manifesta Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) que sostén que a relación establecida entre a alimentación dos corvos mariños e a desaparición dos salmónidos “carece de base científica; non ten sentido”. González engade que, antes de centrar o foco nas canilongas, habería que reflexionar sobre o impacto doutros factores.

“Por exemplo, ningún dos grandes encoros de Galicia conta con escalas para que os peixes poidan remontar o leito do río, e iso inflúe gravemente nas especies migratorias”. O presidente da SGHN apunta tamén a outros factores relacionados co home, como “a deficiente calidade das augas polo incumprimento das directivas de depuración da Unión Europea”.

Especies invasoras

González tamén achaca a perda de poboación dos salmónidos á introdución de especies exóticas, “moitas veces por parte dos propios pescadores”, como a troita arcoiris, o blackbass (perca americana) ou a carpa.

O corvo mariño grande viviu o seu momento máis crítico na segunda metade do século XX. A diminución da súa poboación obrigou a poñer en marcha medidas de protección que conseguiron recuperar á especie. Nos últimos anos, a súa poboación experimentou un importante aumento no conxunto do seu hábitat.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha viaxe ao pasado de Galicia: 4.000 anos de historia nun mapa interactivo

Chronas é unha ferramenta web con máis de 50 millóns de puntos de datos que abranguen dende o 2000 a. C.

Médicos galegos diagnostican un raro caso de apendicite esquerda

É unha patoloxía pouco frecuente que tan só se dá en 1 de cada 500 nacementos e débese a unha malformación intestinal

Galicia rexistra máis de 100 raios en apenas 24 horas

A maior concentración de descargas eléctricas durante o 1 de maio produciuse en Vilagarcía de Arousa, sobre todo na franxa do mediodía

O cine familiar, a resistencia cultural das vilas galegas

Santiago Díaz e Concha Candán son propietarios do Cine Avenida en Caldas de Reis, a primeira multisala dun concello galego de menos de 10.000 habitantes