Venres 29 Marzo 2024

Premiada a recuperación exemplar das lagoas de Cospeito

O proxecto ‘Restauración das lagoas na Reserva da Biosfera de Terras do Miño, Cospeito-Lugo’, promovido por investigadores do Campus Terra da USC, gañou a primeira edición do Premio Juana de Vega en Intervencións na Paisaxe, na categoría de intervencións en espazos exteriores. O proxecto, presentado por Pablo Ramil Rego, Luis Rego Orellana e Javier Ferreiro da Costa,  recupera ademais unha rede de camiños a través dunha vexetación excepcional e pon en valor elementos do patrimonio cultural, como os peches de chanto ou de sebe que foron reconstruídos seguindo o modelo tradicional da zona.

Membos do xurado e premiados
Membros do xurado e premiados

Os labores de restauración desenvolvidos nos medios lagoeiros da Reserva da Biosfera Terras do Miño na Terra Chá complementáronse con distintas medidas de recuperación e integración paisaxística. O labor máis importante foi realizada na área húmida de Cospeito ao ter que reverter as modificacións que sobre a estrutura da paisaxe xeraron as obras de colonización agraria. Para iso recuperáronse os sebes arbóreos naturais plantados, individuos de Salix atrocinerea obtidos por reprodución vexetativa de material xenético local. A medida que foron estabilizándose os sebes incorporáronse de forma natural novas especies, Fraxinus excelsior, Angelica sylvestris, Rosa canina, etc.

Publicidade

No caso da Insua de San Roque, ademais da recuperación dos sebes tradicionais, tamén se recuperaron os peches de grandes laxas de esquistos (chantos), que foran destruídos ou alterados a medida que o ancho dos novos tractores facíase incompatible co ancho que posuían os antigos camiños, os cales se recuperaron coa intervención realizada para dar cabida aos visitantes deste espazo.

Os labores de restauración complementáronse con medidas de recuperación e integración paisaxística

O xurado encargado de fallar este galardón, dotado con 6.000 euros en metálico e que vén a substituír o tradición Premio Juana de Vega de Arquitectura, valorou especialmente a adecuación para preservar un espazo natural de gran valor ecolóxico que acubilla un gran número de especies de flora e fauna silvestre e pon en valor a paisaxe conformada por lagoas e brañas, recuperada tras as modificacións que xeraron as obras de colonización agraria e que hoxe constitúe un exemplo único dunha contorna natural.

O xurado, composto por José Antonio Franco Taboada, Isabel Aguirre, Teresa Andressen, Enrique Sáez, Pedro Calaza e Juan Manuel Palerm, constatou a dificultade de clasificar e valorar axeitadamente traballos de características moi diversas. No acto de presentación estiveron presentes o presidente do xurado, José Antonio Franco Taboada; a directora da Escola Galega da Paisaxe, Isabel Aguirre; a directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé, e o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez. Tamén acudiron para apoiar o gañador e finalista a deputada provincial de Lugo Sonsoles López Izquierdo; o concelleiro de Espazos Cidadáns de Santiago, Jorge Duarte; o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo da USC, Javier Bueno, e o director da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC, Tomás Cuesta.

O Grupo de Investigación Territorio & Biodiversidade da USC, en colaboración coa Deputación Provincial de Lugo, a Xunta de Galicia e a Comisión Europea desenvolveu desde 1995 distintas actuacións de conservación e restauración ambiental relacionadas con ecosistemas húmidos da Reserva da Biosfera de Terras do Miño.

No ano 2012, a Comisión Europea concedeu o proxecto LIFE+ NAT/ES/707. Humidais continentais do Norte da Península Ibérica: Xestión e restauración de turbeiras e medios higrófilos, cuxas accións se realizaron ata outubro de 2015. No territorio galego, as accións foron deseñadas e desenvolvidas por un equipo do Instituto de Biodiversdiade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), dirixido polo profesor Pablo Ramil Rego, sendo executadas as distintas medidas de restauración pola empresa pública TRAGSA. No transcurso do proxecto LIFE+Tremedal creáronse dentro da Reserva da Biosfera de Terras do Miño 21 novos biotipos lagoeiros, 20 situados na lagoa de Cospeito e un na Insua de San Roque.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Elektra Sonne, as antenas de Hitler en Lugo

A Alemaña nazi ergueu en Cospeito, na Terra Chá, un importante complexo de comunicacións para os submarinos U-boot e os avións da Luftwaffe

Unha xigante que se move paseniño

Un complexo dunar e de lagoas enche de vida unha badía situada nunha coñecida península galega

Plan para sementar de minas os portos de Vigo e Ferrol

Documentos secretos desclasificados por Londres revelan un plan para minar a costa galega na II Guerra Mundial