Venres 6 Decembro 2024

A UVigo coordina un proxecto para fortalecer a acuicultura en Iberoamérica

Promover unha acuicultura de calidade, competitiva e sostible en Iberoamérica a través da cooperación científica e tecnolóxica. Con este obxectivo preséntase a rede Aqua-Cibus, unha das 26 redes que se poñen en marcha ao abeiro da convocatoria 2017 do Programa Iberoamericano de Ciencia y Tecnología para el Desarrollo Cyted. Liderada polo Cento de Investigacións Agro-Ambientais e Alimentarias (Cia3) da Universidade de Vigo e coordinada polo seu responsable, o catedrático Jesús Simal, este novo instrumento conta coa implicación de grupos de investigación e empresas de España, Portugal, Arxentina, Bolivia, Brasil, Chile, Colombia, Costa Rica e Ecuador.

A proposta nada desde a Universidade de Vigo foi aprobada durante a última asemblea xeral de Cyted, entidade creada polos gobernos dos países iberoamericanos para promover a cooperación en temas de ciencia, tecnoloxía e innovación para o desenvolvemento harmónico da rexión. Co título Fortalecendo a acuicultura en Iberoamérica: calidade, competitividade e sostibilidade e cunha duración de catro anos, a rede coordinada desde a Facultade de Ciencias do campus de Ourense acadou un financiamento de 115.000 euros.

Publicidade

O proxecto acadou un financiamento de 115.000 euros

“A acuicultura estase a converter nunha actividade socio-económica cada vez máis importante para Iberoamérica, sendo unha fonte de emprego directo e indirecto cunha gran previsión de crecemento”, destaca Jesús Simal. Na actualidade, engade, as tendencias de desenvolvemento están a enfocarse á acuicultura mariña pero tamén ao crecemento da acuicultura de auga doce, ao melloramento dos sistemas de sanidade e á inserción do enfoque eco-sistémico na acuicultura. Neste contexto, subliña o profesor da Facultade de Ciencias, “a importancia de contar con esta nova rede radica na necesidade de adquirir coñecementos básicos sobre as especies locais, adaptar tecnoloxías foráneas ás condicións particulares dos países de Iberoamérica, fortalecer a competitividade dos produtores acuícolas nesta rexión e mellorar a produtividade dos cultivos”.

Aqua-Cibus quere “contribuir ao crecemento económico, á seguridade alimentaria e ao benestar social de Iberoamérica”

A finalidade última de Aqua-Cibus, recalcan os seus responsables, é contribuír ao crecemento económico, á seguridade alimentaria e ao benestar social de Iberoamérica, “o cal sería imposible sen a axuda activa e constante da investigación científica, o desenvolvemento de tecnoloxías e a innovación”, tal e como destaca Jesús Simal. O gran desafío desta rede, engade o seu coordinador, “é articular as competencias e necesidades dos grupos e empresas para xerar ao cabo dos catro anos de duración do proxecto unha entidade sólida que perdure no tempo unha vez finalizado o financiamento por parte de Cyted”. Para a Universidade de Vigo, subliña o catedrático, a posta en marcha desta rede ten un valor especial xa que implica aos seus proxectos de especialización institucionais Campus da Auga e Campus do Mar.

Publicidade

“A través do noso soporte de I+D+i, os principais beneficiarios desta rede de coñecemento serán as pemes e os pequenos produtores de acuicultura da rexión iberoamericana, especialmente en comunidades indíxenas da conca amazónica en Colombia, Bolivia e Ecuador, así como de zonas costeiras do Pacífico e do Atlántico”, comenta o coordinador de Aqua-Cibus. Para acadalo, o proxecto contará ademais de coa Universidade de Vigo coa participación de Anfaco-Cecopesca; do International Iberian Nanotechnology Laboratory-Food e da empresa Eneida, de Portugal; do Centro de Investigación y Desarrollo en Criotecnología de Alimentos e da empresa Abc, de Arxentina; da oenegué Faunagua, de Bolivia; do Lapaq da Universidade Federal de Goiás, en Brasil; da Universidad Católica del Norte de Chile; do gremio Pañuelas, de Costa Rica; das empresas de Ecuador Gida-Cenaim e Cooproacmar e da Un-Acuictio da Universidad Nacional de Colombia.

“Os principais beneficiarios serán as pemes e os pequenos produtores”, sinala Jesús Simal

A iniciativa, detallan os seus responsables traballará arredor de catro áreas fundamentais de especialización que abranguen a cadea de valor da acuicultura. A primeira delas é a avaliación e xestión de recursos e nela abordaranse aspectos de selección de especies produtivas con maior rendemento en cantidade e calidade e no desenvolvemento de sensores para controlar procesos en tanques de produción/engorde. A segunda é saúde e nutrición animal e nela afondarase en seguridade alimentaria, na busca de alternativas proteínicas para a fabricación de pensos e no desenvolvemento de alimentos prebióticos e probióticos para minimizar o uso de antimicrobianos. A terceira das áreas de especialización é a sostibilidade e impacto ambiental, abordando o proxecto aspectos como a diminución dos cultivos de peixes carnívoros e os cultivos crecentes de herbívoros, moluscos e algas; o desenvolvemento de sistemas de explotación con baixo consumo de enerxía e impacto ambiental e a proliferación de toxinas. A última das áreas é a transformación e diversificación da produción, buscando melloras na calidade e seguridade; a valorización de subprodutos e residuos e o desenvolvemento de novos produtos transformados.

Os socios da rede desenvolverán un amplo abano de actividades arredor de nove obxectivos específicos que abranguen cuestións como fomentar a integración científica e tecnolóxica de Iberoamérica, identificando prioridades e oportunidades de investigación e innovación en acuicultura; promover a transferencia efectiva de coñecementos e de novas tecnoloxías en acuicultura e estimular a participación de investigadores iberoamericanos noutros programas multilaterais de investigación en innovación en acuicultura. Tamén se levarán a cabo, explican desde a rede, iniciativas para promover a participación activa de sectores empresariais nos procesos de innovación de sistemas de acuicultura; para estimular o desenvolvemento de cooperativas que permitan unha transferencia efectiva a pequenos produtores e a sectores especialmente vulnerables, en especial promovendo a participación activa da muller, e para contribuír á mellora da percepción social da acuicultura, os seus produtos e procesos.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un programa da Comisión Europea selecciona un proxecto galego para a creación de chips

O atlanTTic acollerá unha planta experimental para deseñar novas técnicas de encapsulado que se poidan implementar na industria

Un estudo galego revela o papel clave dos adultos na repoboación do percebe

O 90% dos ocos deixados nas rochas polos mariscadores inician a súa recuperación en menos de seis meses cando se deixan grandes exemplares

Un método matemático galego axuda a controlar os niveis de glicosa en diabéticos

O sistema desenvolvido polo CITMAga estase a aplicar para predicir o crecemento de tumores e optimizar terapias contra o cancro

O proxecto da UVigo que aposta pola pesca sostible do bonito a través da innovación

A iniciativa, liderada dende o País Vasco, promove prácticas pesqueiras responsables e respectuosas co medio ambiente