Venres 26 Abril 2024

A inxesta de microplásticos altera a microbiota intestinal

Un estudo do CSIC demostra que a dixestión de microplásticos pode reducir a diversidade das bacterias beneficiosas e alterar o equilibrio no colon

Os microplásticos (MP) son un problema mundial amplamente recoñecido non só pola súa prevalencia nos medios naturais. Tamén pola súa presenza na cadea alimentaria e o seu impacto na microbiota humana. Porque as últimas estimacións indican que, de media, cada persoa podería inxerir entre 0,1 e 5 gramos de microplásticos á semana a través de alimentos e bebidas. Agora, un grupo de investigadores do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) descubriu que a inxesta de microplásticos reduce a diversidade bacteriana da microbiota do colon, ademais de producir unha alteración do equilibrio nos microorganismos presentes.

O estudo demostrou que, tras a inxestión de microplásticos PET (asociados coa cadea alimentaria), diminúe a abundancia de bacterias coñecidas polos seus efectos positivos na saúde e increméntase a presenza doutros grupos microbianos relacionados cunha actividade patóxena. “Dada a posible exposición crónica a estas partículas a través da nosa dieta, os resultados obtidos expoñen que a súa inxesta continuada podería alterar o equilibrio intestinal e, por tanto, a saúde”, expón Victoria Moreno, investigadora do Instituto de Investigación en Ciencias de la Alimentación (CIAL) do CSIC.

Publicidade

Un estudo novidoso

O tereftalato de polietileno ou PET é un dos principais polímeros utilizados para botellas e tapas de plástico, fora detectado anteriormente en bebidas como os refrescos. Así mesmo, a presenza de partículas de PET nas feces humanas observada nun estudo piloto prospectivo apuntaba xa á súa interacción activa co sistema dixestivo humano. Con todo, este estudo do CSIC, no que tamén participaron o Instituto de Catálisis y Petroleoquímica (ICP) e o Instituto de la Cerámica y el Vidrio (ICV) do CSIC, adquire unha gran relevancia ao ser o primeiro que avalía o impacto da inxesta de microplásticos no tracto dixestivo e a microbiota intestinal humana. “É necesario coñecer o destino no organismo destes materiais presentes no noso día a día e as consecuencias a curto, medio e longo prazo”, defende Moreno.

Ademais, o estudo mostrou por primeira vez que estes microplásticos poden sufrir biotransformacións ao longo do tracto gastrointestinal, chegando ao colon cunha forma estruturalmente diferente á orixinal. Unha descuberta que permite lanzar a hipótese de se algúns membros da microbiota colónica poderían adherirse á superficie dos microplásticos, promovendo a formación de biopelículas.“Todos estes mecanismos e factores observados, que apenas se están empezando a estudar, contribuirán a pescudar se os microplásticos poden permanecer no corpo humano e acumularse potencialmente nalgúns órganos e tecidos”, conclúe a investigadora.

Experimentos in vitro innovadores

Para desenvolver esta investigación, o equipo interdisciplinar do CSIC deseñou un protocolo de simulación da inxesta e dixestión de microplásticos en condicións fisiolóxicas, que é extrapolábel ao estudo doutros tipos de plástico e tamaños de partícula. “Mediante o modelo in vitro de dixestión gastrointestinal patentado polo CSIC, simgi®, puidemos albergar a microbiota colónica humana durante a intervención con microplásticos”, explica Moreno. Este protocolo, combinado co uso de microscopía electrónica e espectroscopia, permitiu monitorar os cambios na estrutura e morfoloxía dos microplásticos no tracto dixestivo.

O traballo, que concluíu que os microplásticos son realmente capaces de producir efectos sobre a saúde dixestiva, desenvolveuse no marco da plataforma multidisciplinar polos plásticos sostibles cara a unha economía circular, Susplast, e o proxecto europeo sobre o estudo dos efectos dos micro e nanoplásticos na saúde humana, PlasticsFatE.


ReferenciaPET microplastics affect human gut microbiota communities during simulated gastrointestinal digestion, first evidence of plausible polymer biodegradation during human digestion (Publicado en Scientific Reports)

1 comentario

  1. Excelente artigo. Moitas grazas! Agora falta que se tomen medidas. Mágoa que a xente en xeral non se decate do que nos está pasando.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte