Un equipo de científicos e científicas da Universidade de Vigo e do Instituto de Ciencias do Mar (CSIC) de Barcelona acaban de facer públicos os resultados dun estudo no que desvelan que a fotosíntese mariña é máis sensible aos nutrientes que á temperatura. O estudo está liderado polo profesor do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, Emilio Marañón, e acaba de ser publicado nunha das revistas do grupo Nature, The ISME Journal.
Un principio fundamental en bioloxía é que ao aumentar a temperatura acelérase a actividade metabólica, o que supón que os organismos captan e utilizan os recursos de forma máis rápida. De especial relevancia é determinar a relación entre temperatura e taxa metabólica en fitoplancto mariño, xa que estes microorganismos son o verdadeiro ‘motor verde’ do océano: realizan a metade de toda a captación de CO2 por fotosíntese que ocorre no planeta cada ano, e a súa actividade fotosintética non só sostén os recursos pesqueiros, senón que contribúe á regulación do clima. Neste novo artigo os docentes desvelan a resposta do fitoplancto á temperatura e no subministro de nutrientes.
“En condicións óptimas, con elevada dispoñibilidade de nutrientes, a taxa de fotosíntese do fitoplancto vese estimulada pola temperatura” explica Emilio Marañón, profesor da Universidade de Vigo e director do estudo, no que tamén participaron as investigadoras María Pérez Lorenzo e Beatriz Mouriño, do mesmo departamento. Isto levou ao equipo de investigadores a predicir que a actividade fotosintética do fitoplancto podería acelerarse no océano, que rexistrou en certas rexións un aumento de temperatura superficial de máis de 2° C nos últimos 100 anos. “O problema é que na maior parte das rexións oceánicas a dispoñibilidade de nutrientes, en especial de nitróxeno, é moi baixa, o que limita a capacidade do fitoplancto para crecer. Por iso é polo que decidimos investigar a resposta do fitoplancto á temperatura en condicións de limitación por nutrientes”, recalca o investigador.
O equipo mediu en laboratorio tres especies para ver como reaccionaban aos cambios
Para comprobar o efecto interactivo de temperatura e dispoñibilidade de nutrientes sobre o metabolismo fitoplanctónico, o equipo de investigación mediu a fotosíntese e a respiración de tres especies cosmopolitas e moi abundantes no océano (unha cianobacteria, unha diatomea e un cocolitofórido) mantidas en cultivos de laboratorio baixo diferentes combinacións de temperatura e subministración de nitróxeno. Os resultados amosaron que tanto a fotosíntese como a respiración respondían fortemente ao aumentar a achega de nitróxeno, mentres que o efecto da temperatura era case inapreciable.
Estes resultados suxiren que a resposta do fitoplancto ao quecemento variará xeograficamente no océano. Como indica Pedro Cermeño, investigador do Instituto de Ciencias do Mar do CSIC en Barcelona e participante no estudo, “o aumento de temperatura terá un efecto estimulador en zonas produtivas, pero apenas afectará ao metabolismo fitoplanctónico en rexións con forte escaseza de nutrientes, que supoñen o 80% da superficie oceánica”. A resposta da produtividade biolóxica do océano aos procesos de cambio global estará dominada, segundo indican, polos cambios na achega de nutrientes máis que na temperatura.