Venres 19 Abril 2024

Criopreservación: a nova revolución para a acuicultura

A criopreservación é a día de hoxe unha das técnicas máis aceptadas e con máis proxección de futuro para o mantemento a longo prazo de material biolóxico a temperaturas moi baixas, brindando a posibilidade de desconxelalo, e lograr que sobreviva aos procesos de conxelación e desconxelación. A aplicación destas técnicas de conservación de organismos podería ter límites insospeitados, sobre todo no futuro, tamén no campo da acuicultura, onde a súa aplicación podería supor toda unha revolución. Así o defende o equipo de especialistas que, liderados pola investigadora Estefanía Paredes, traballa desde a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, Ecimat, na investigación de protocolos de criopreservación baixo o amparo do proxecto europeo Assemble+.

Bioensaio de toxicidade para esperma de holoturia Foto: Pablo Heres.
Bioensaio de toxicidade para esperma de holoturia Foto: Pablo Heres.

Centran o seu traballo na conservación de especies comerciais e de interese na acuicultura de invertebrados mariños da zona de Galicia, sobre todo equinodermos e moluscos, e o grande obxectivo é, segundo explican, chegar a acadar a implantación deste tipo de técnicas neste sector, prioritario en Galicia, para promover o seu desenvolvemento e aumentar a capacidade competitiva. Traballan con especies que non se empregaron nunca en experimentos de criopreservación, entre outros, o mexillón Mytilus galloprovincialis ou a ameixa Venerupis corrugata.

Publicidade

A aplicación das técnicas de criopreservación á acuicultura suporía a resolución de moitos dos problemas aos que esta industria se enfronta actualmente. “Por exemplo, poderíanse obter individuos dunha especie determinada en calquera época do ano”, explica Pablo Heres, un dos investigadores do grupo. “Isto sería moi interesante sobre todo ante especies que teñen un ciclo reprodutor estacional. A criopreservación de individuos adultos ou mesmo gametos ou embrións permitiría a obtención de exemplares en calquera momento, segundo a necesidade ou demanda”, recalca Heres. Recalcan que isto podería ser moi útil no comercio de especies de moluscos, como o mexillón ou a ameixa, e mesmo podería liquidar a imposibilidade de obter o produto debido á aparición de mareas vermellas ou por escaseza no medio natural. “En definitiva, conseguiríase unha fonte sustentable de recursos biolóxicos”, recalcan.

Ademais poderíanse, segundo explican, seleccionar individuos que soporten mellor as condicións do cultivo intensivo ou que posúan unhas condicións determinadas que sexan de interese, ben para aplicacións no sector da investigación biotecnolóxica ou molecular, permitindo a posibilidade de obter descendentes ao longo dun período de tempo moi longo por medio da súa criopreservación, alongando, por medio desta, o seu período de vida. “Tendo en conta un punto de vista ecolóxico e conservacionista, a criopreservación podería xogar un papel fundamental na conservación de especies ameazadas, contribuíndo a evitar a súa extinción”, recalca Heres.

Á pregunta de como se pode conseguir conxelar animais e “revivilos”, o equipo da Ecimat explica que isto conséguese empregando unhas substancias químicas que son capaces de protexer as células durante todo o proceso, denominadas crioprotectores. “Estes compostos impiden a formación de cristais de xeo no interior das células, o que podería resultar letal”, explica o investigador.

A través de técnicas químicas conseguen conservar os animais a baixas temperaturas sen que cheguen a morrer

A complexidade de desenvolver un protocolo que sirva para criopreservar un tipo de células dunha determinada especie vén marcada, destacan os investigadores, por unha serie de etapas, coas que se pretenden establecer as condicións óptimas para a súa preservación a temperaturas moi baixas. A primeira delas consiste na selección do crioprotector que máis efecto protector teña, pois non todos os químicos establecidos como tales posúen o mesmo efecto en todas as células, senón que o seu efecto protector contra a conxelación varía en función do tipo celular, e mesmo, entre especies. “Estas diferenzas na súa función débense a que o crioprotector debe atravesar a membrana celular para realizar a súa función de crioprotección.

Como as membranas celulares son diferentes segundo a función da célula e organismo que compoñen, o axente crioprotector cústalle máis ou menos atravesar esta membrana”, explica Heres. Por outra banda, non só se debe elixir a mellor substancia química que protexe a un determinado organismo ou célula, senón tamén a súa concentración, pois se é moi elevada pode resultar letal. “Por tanto, inicialmente, avalíase a súa toxicidade determinando o efecto de concentracións diferentes sobre a supervivencia de células ou organismos tras sometelos a experimentos de conxelación. “Finalmente, aquel crioprotector que ofrece unha maior supervivencia e un menor efecto tóxico é seleccionado”, recalca o investigador.

1 comentario

  1. En UK se está aplicando a nivel industrial con poliquetos (60 Tn/Año).
    No importan de China

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os bebés expostos ao tabaco teñen maior probabilidade de consumir antibióticos

Un estudo galego analiza os factores asociados ao consumo deste medicamento cunha mostra de 18.882 mulleres

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da RAG

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

A ciencia confirma que as apertas alivian a dor, a ansiedade e a depresión

Un equipo internacional analiza os beneficios do contacto físico nas persoas a partir da revisión de 212 estudos