Ciencia para protexer os derradeiros bosques mariños de Galicia

O proxecto Diversimar, no que participan o IEO e a Universidade da Coruña, busca a participación cidadá para protexer ás algas laminarias

No litoral de Galicia e algunhas zonas do mar Cantábrico sobreviven algúns dos últimos bosques mariños da península ibérica. Están formados por grandes algas laminarias coñecidas como kelps ou quelpos, que consisten en varias especies de algas pardas de gran tamaño, que poden chegar a vivir máis de 10 anos e que forman espesas formacións.

Os bosques de quelpos equivalen aos bosques terrestres e forman ecosistemas moi produtivos e de alto valor ecolóxico. Son o hábitat de multitude de especies de flora e fauna mariña, e serven como alimento, substrato, protección e zona de reprodución de moitas especies, incluídas moitas de interese pesqueiro. Proporcionan moitos servizos ecosistémicos beneficiosos para o medio mariño e para o ser humano, protexendo a costa ao controlar o efecto da ondada e actuar como arrecifes naturais protectores das praias.

Publicidade

Con todo, nas últimas décadas estas algas sufriron unha regresión e desaparición ao longo do litoral ibérico debido a diferentes factores bióticos, oceanográficos e para o efecto do cambio climático. A súa desaparición provoca modificacións dos hábitats mariños e unha diminución preocupante da biodiversidade mariña.

Científicos de diferentes institucións están a realizar un grande esforzo para ampliar o coñecemento, atopar as causas de regresión e determinar as posibles solucións para mitigar este retroceso. Nestes estudos tomou grande importancia a colaboración cidadá, que permite ter ollos en moitas zonas da costa e obter información da abundancia e cambios na distribución das laminarias. Para recompilar o máximo de información científica sobre estes bosques mariños, formouse unha alianza de proxectos, nos que investigadoras do IEO, a Universidade da Coruña e a Universidade Rey Juan Carlos lanzaron o programa BosquesMarinos2030 co que pretenden impulsar a colaboración de mergulladores, pescadores e calquera persoa interesada no medio mariño que poida dar información sobre a localización e estado destas especies.

laminaria
Imaxe dunha laminaria sobre a area da praia.

Na actualidade son catro os proxectos dedicados ao estudo das laminarias en Galicia e o Cantábrico que integran esta iniciativa de ciencia cidadá: o programa de seguimento de quelpos dentro do proxecto ESMARES dedicado á avaliación das Estratexias Mariñas que lideran Lara Arroyo e Alberto Serrano do IEO en Santander; o proxecto HERBIKELP que lidera Cristina Piñeiro– Corbeira da Universidade da Coruña para o estudo dos impactos, consecuencias e medidas de xestión adaptativa para os bosques de laminarias; o proxecto SAVEKELPS liderado por Breixo Martínez Díaz–Caneja da Universidade Rey Juan Carlos, que estuda a vulnerabilidade climática dos bosques de kelp; e DIVERSIMAR coordinado polo IEO e o CESGA e que desarolla unha ferramenta web de ciencia cidadá para o estudo da biodiversidade.

Precisamente o proxecto DIVERSIMAR (Rede de observación da biodiversidade mariña e pesqueira de Galicia e Cantábrico), cofinanciado pola Fundación Biodiversidade do Ministerio de Transición Ecolóxica e do Reto Demográfico, será a ferramenta que permita a participación da cidadanía en permitirá a iniciativa BosquesMarinos2030, que foi presentada nunha xornada técnica baixo o título “En busca dos últimos bosques mariños de Galicia e o Cantábrico”, na que se falou dos diferentes proxectos e explicouse como participar a través da web.

Como colaboro?

O proxecto DIVERSIMAR, liderado por Eva Velasco e Julio Valeiras do IEO, está baseado nunha web desenvolvida polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) que inclúe un catálogo de especies de fauna e flora e mapas interactivos.

Un dos obxectivos de DIVERSIMAR é desenvolver un programa participativo de ciencia cidadá que posibilita que calquera persoa interesada poida enviar as súas fotos e achados para que formen parte da gran base de datos e aparezan referenciados no visor de mapas. Calquera cidadán pode enviar fotos e datos dos bosques de laminarias a través da páxina www.diversimar.es mediante un formulario web. Os investigadores recompilarán a información e responderán á persoa que colabore. Varios submarinistas e pescadores xa comezaron a participar no programa e a enviar os seus achados. Calquera persoa que atope algas destas especies durante paseos polo litoral tamén pode colaborar enviando as súas fotos.

Aquí podes acceder á web de Diversimar

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mundo micolóxico do Val do Ulla: máis de 660 especies e achados de interese científico

Un proxecto impulsado por AMABUL en colaboración coa Deputación da Coruña identifica máis dunha decena de posibles primeiras citas para Galicia e unha para España

Un equipo da USC e da UVigo crea unha maqueta virtual interactiva para imaxinar o futuro de Galicia

O proxecto do CISPAC crea unha paisaxe alternativa vertebrada en catro eixos temáticos: a comunidade, o hábitat, a enerxía e a alimentación

A provincia da Coruña lidera as emisións galegas de gases de efecto invernadoiro cun 47,4% do total

Un informe do Observatorio Galego da Acción Climática revela o impacto das industrias enerxéticas fósiles no norte da comunidade

Un epistolario inédito revela a rede feminista entre Galicia e Cataluña de principios do século XX

As cartas autógrafas que Micaela Chao Maciñeira enviou en galego á pedagoga catalá Francesca Bonnemaison permiten recuperar unha figura clave do feminismo