Martes 30 Abril 2024

Veneziano: “A Teoría de Cordas non está probada pero permite estudar antes do Big Bang”

Gabriele Veneziano (Florencia, 1942) podería describirse como “o home co que comezou todo” no que se refire á Teoría de Cordas, un ambicioso modelo teórico que o físico italiano empezou a definir a finais dos anos 60 e que logo avanzou como unha vía posible para unificar a gravidade e a mecánica cuántica. A teoría sempre contou con detractores e seguidores, e mesmo foi abandonada durante case unha década para rexurdir con posterioridade con novas aportacións que a levaron por camiños moi distintos do inicial. Veneziano atópase en Galicia para ofrecer unha conferencia en Santiago e defende que a Teoría de Cordas contén elementos que poden axudar a explicar algunhas cuestión pendentes de resolver pola ciencia.

-Como chegou a definir a base da Teoría de Cordas: era algo que estaba a procurar ou xurdiu por casualidade?

Publicidade

O concepto das cordas non estaba na miña mente cando comecei a traballar neste problema. Tratabamos de entender como actuaban as forzas nucleares e había algunhas ideas teóricas ao respecto. Comezamos con observación experimentais para atopar a compatibilidade matemática e física, e as cordas apareceron máis tarde, ainda que “a posteriori” quizais se poda dicir que xa se atopaban na nosa imaxinación. Ata o ano 1972, catro anos despois do inicio, as cordas non permitiron chegar ás mesmas conclusións que os modelos matemáticos. Poucos anos despois o modelo das cordas foi abandonado e non se retomou ata mediados da década dos 80. Eu mesmo renunciei ao modelo e comecei a traballar noutras cousas.

“A mediados dos anos 70 o modelo baseado nas cordas foi abandonado durante dez anos”

-Que lle parecen as teorías modernas baseadas na súa idea orixinal. Segue o seu desenvolvemento?

Trato de estar ao día pero é moi difícil seguir todo o que acontece porque a maioría dos modelos actuais baséanse nas matemáticas e non é a miña especialidade. Hai algunhas direccións desta teoría nas que sigo a traballar e leo todo o que acontece pero é complicado estar ao día. De todos os xeitos, moitas das investigacións que se fan hoxe en día xa teñen pouco que ver coa Teoría de Cordas orixinal.

-Cal foi o gran avance que se produciu ao longo destes anos dende a teoría orixinal?

O gran paso que trouxo de novo ao mercado a Teoría de Cordas foi cando pasou a ser un modelo que se aplica a todas as interaccións en escalas cortas, incluída a teoría cuántica da gravidade. Esta foi a gran revolución despois de que o modelo orixinal fora practicamente esquecido entre 1974 e 1984. O vello paradigma di que a corda era o protón, mentres que o novo sinala que o protón está feito con quarks e as cordas son os quarks. Significa un cambio radical no que queres describir. Na miña opinión o problema é que se están a repetir algúns dos erros que cometemos nos anos 60. Entón identificabamos as cordas cos protóns e agora cos quarks pero a cuestión central non está nos elementos.

“Algúns dos erros que tivemos coa teoría nos anos 60 se están a repetir agora”

-A Teoría de Cordas sempre contou con detractores e hoxe as novas teorías tamén os teñen. Será posible probar un día a súa validez?

Ata o de agora o que se pode probar é a súa invalidez. A Teoría de Cordas fai referencia a existencia dunha quinta forza que supón unha violación do principio de equivalencia. Neste sentido a teoría é falsa ata que se poda probar que esa forza extra existe. Hai un número famoso en Física que ten un valor aproximado a 1 dividido por 137. A Teoría das Cordas pode utilizarse para atopar ese valor e, se un día o fai, a teoría quedará probada pero polo de agora non estamos aí. A principios dos anos 90 incluso desenvolviamos un modelo para explicar o que aconteceu no universo antes do Big Bang, baseándonos nas cordas e creo que a idea aínda está viva pero hai que traballar máis nela. De todos os xeitos, a conclusión final é que o Big Bang físico non é o principio dos tempos.

-Vostede ten unha longa traxectoria coma investigador, cre que os físicos actuais corren tantos riscos como os da súa xeración ou son máis conservadores?

Eu tiven moita sorte porque rematei os estudos na universidade na metade dos anos 60 e era un momento moi bo porque tiñamos moitos datos e non existían teorías para explicar moitas cousas. As novas xeracións o teñen máis difícil porque non hai moitos datos novos que procedan dos aceleradores de partículas e fitos como o Bosón de Higgs xa se atopou. Quizais os grandes desafíos estean agora en investigar a materia escura, a enerxía de retorno e a orixe da expansión do universo. De todos os xeitos, as novas xeracións están moi ben equipadas e hai xente que traballa en cousas moi interesantes. Quizais nós tiñamos a vantaxe de ter menos presión e de ter máis liberdade para traballar en direccións diferentes e non só na corrente maioritaria. Hoxe os mozos procuran traballar nas cousas que están de moda e quizais habería que apostar por correr máis riscos. Os tempos están cambiando, poderíamos dicir.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Primeiras medidas do bosón de Higgs a enerxía récord

O experimento do Gran Colisionador de Hadróns do CERN permite novas análises dos 'trazos' distintivos que deixa este corpo ao desintegrarse noutras partículas

Dez anos do bosón de Higgs: “Foi unha ventá ao descoñecemento, queda case todo por descubrir”

O físico da USC Carlos Pajares rememora o “gran entusiasmo” provocado por un acontecemento do que foi testemuña directa

O universo expándese máis rápido do esperado

"Algúns datos suxiren un ritmo de expansión distinto do doutros. Peor aínda, a estatística avala un marcado desencontro pode converterse nun problema grave"

Detectan partículas moi enerxéticas que predicira o IGFAE hai 25 anos

Institucións e universidades americanas e europeas levaron a cabo este descubrimento experimental no Relativistic Heavy Ion Collider, en Estados Unidos