Cando consultou o informe de atropelos nas estradas que publicou o RACE en 2013, a Jorge Torre chamoulle á atención a elevada cifra de accidentes nas estradas, moitos deles mortais, que se producían cando os condutores tiñan que apearse do vehículo nunha situación de risco para colocar os triángulos de sinalización. Ás veces, os chalecos reflectantes ou as luces de emerxencia non eran suficientes. Que solucións podería haber? Durante dous anos, Jorge investigou e acabou desenvolvendo un dispositivo que saíu ao mercado co nome de help-flash.
“É un dispositivo de sinalización luminoso, que advirte dunha emerxencia na estrada sen ter que saír do vehículo”, explican os seus creadores. Adáptase a todo tipo de medios, sexan de dúas ou catro rodas, e abonda cun simple xesto: “Basta con colocalo sobre o teito no exterior do vehículo, en contacto coa chapa e, grazas á súa activación magnética, poñerase en marcha”.
A idea xurdiu cando un dos creadores viu a elevada cifra de mortes nas estradas cando había avarías
É, por tanto, unha ferramenta que pode servir de gran axuda á persoas con mobilidade reducida. E ademais, grazas á tecnoloxía LED, a baliza dispón dunha autonomía de dúas horas e media, en modo de emerxencia e a máxima potencia, polo que en condicións normais a súa duración é aínda maior, polo que aguantaría en casos nos que as condicións climatolóxicas ou de difícil acceso poidan retrasar a chegada dos servizos de emerxencia e/ou asistencia nas estradas.
Baseándose nesta patente naceu Netun Solutions, unha empresa que busca a innovación en materia de seguridade nas estradas de todo o mundo “mediante tecnoloxías que conectan asfalto, persoas e máquinas”, explican os seus impulsores.
Torre, xunto a Jorge Costas, foi un dos fundadores de Netun. Pouco despois incorporáronse Javier Romano, Silvia Souto, David Yustas e Carlos Conde, que conforman a actual estrutura da empresa, á que hai que sumar tres persoas para a xestión do almacén e dos envíos de mercancía, e outras tres en administracións.
O proceso de I+D
E como foi o procedemento para transformar a idea de Jorge Torre nun aparello listo para comercializar? “O máis importante foi determinar que dispositivo sería o máis axeitado para poder realizar unha sinalización eficaz e inmediata, sen ter que abandonar o vehículo e poñer a vida en risco”, explican os creadores. A resposta atopárona nos vehículos policiais camuflados, que poden poñer a súa característica luz co simple xesto de sacar o aparello pola ventá.
Porén, había un matiz: “Esta clase de dispositivos funcionan cun cable conectado ao vehículo, teñen un gran tamaño e peso, e todo isto supoñía un problema grave, porque cando hai avarías o coche adoita quedar tamén sen enerxía eléctrica, e a sinalización perde o seu sentido; ademais, se é pesado e grande, non todas as persoas son capaces de suxeitalo cunha man, e menos manobrar con el”.
Había outro detalle a ter en conta: “Outro problema importante foi pensar en como poñer en marcha o dispositivo sen a intervención directa dun interruptor manual; unha acción que parece sinxela pero que, en momentos de estrés, pode non ser posible”.
O equipo desenvolveu entón varios prototipos, cos que se acabaron determinando o tamaño adecuado e a forma de activalo. “Foi preciso desenvolver unha electrónica capaz de aproveitar o rendemento dunha pila alcalina comercial de uso común que lograra dúas cousas: por unha parte, proporcionar unha intensidade de luz semellante a unha intermitencia dun automóbil, e por outra, un interruptor automático magnético, que encendese a luz mediante o contacto directo co metal do vehículo”.
Máis de 100.000 unidades vendidas
Neste tempo, Netun xa conseguiu vender máis de 100.000 unidades de help-flash, a través de plataformas como Amazon e en concesionarios de prácticamente todas as marcas de vehículos, así como en cadeas de hipermercados (Alcampo, Aurgi, Lecler ou El Corte Inglés), estacións de servizo Repsol e tendas de recambios (Ad parts, CGA, Recalvi, etc.) a un prezo de 29,95 euros. En menos dun ano, o produto xa chegou a Francia, Alemaña e Reino Unido, e Netun prepara xa o salto a Estados Unidos e Asia.
Os recoñecementos tampouco tardaron en chegar. En 2016 help-flash foi unha das ideas que participou en ViaGalicia, a aceleradora de empresas que impulsan a Axencia Galega de Innovación e o Consorcio Zona Franca de Vigo. Tamén tomou parte en Business Factory Auto (BFA), e a empresa pública ENISA concedeulles un préstamo na súa liña de emprendemento.
O produto xa chegou a Francia, Alemaña e Reino Unido e prepara o salto a Norteamérica e Asia
Outra das boas sinais que demostran o traballo de Netun son os premios recibidos por varias entidades no eido da seguridade viaria. A idea de help-flash resultou gañadora, entre preto de 70 candidaturas, da III edición do Premio Emprendedores y Seguridad Vial da Fundación Línea Directa. Tamén gañou a IV edición dos Premios Opensurance da Fundación Axa, o premio Galería de Innovación na feira Internacional Motortec-Automechanika ou o premio á innovación en seguridade viaria e mobilidade sostible da Fundación Cenae. Resultou, do mesmo xeito, finalista na Décima edición dos premios Ponle Freno.
A boa marcha de Netun tamén se concreta na ampliación das súas instalacións. A comezos de outubro de 2018 asinaron co delegado da Zona Franca, David Regades, o alquiler da nave 6A do polígono de Porto do Molle, en Nigrán, de case 1.200 metros cadrados, para facer medrar e consolidar o proxecto. Dunha pequena oficina pasaron, en menos de dous anos, a empregar a 12 persoas nas instalacións da Zona Franca.
Un gran invento que, sin dudas podrá salvar muchas vidas, enhorabuena.