Unha tese propón melloras no estudo da eficiencia enerxética en edificios

A proposta do investigador principal da área de eficiencia enerxética en edificación do Grupo de Tecnoloxía Enerxética da Universidade de Vigo, Enrique Granada, e dun dos seus directores, Pablo Eguía, o enxeñeiro industrial José María Alonso decidiu unir na súa tese de doutoramento, Análise da eficiencia enerxética en edificacións mediante técnicas de simulación térmica de edificios e interpolación avanzada de datos meteorolóxicos, dous campos de estudo que non foran tratados ata ese momento, nin no contexto internacional, de xeito conxunto: os erros cometidos utilizando as fontes típicas de datos meteorolóxicos e a transmisión destes erros ás simulacións térmicas transitorias de edificios.

Abordáronse dous campos de estudo apenas tratados: os erros na medición de datos e as súas transmisións ás análises

“Normalmente, para a análise da eficiencia enerxética en edificación utilízanse os datos da estación meteorolóxica máis próxima, ou incluso bases de datos a nivel global, que mesmo introducen máis erros nas simulacións dos edificios”, explica Alonso, que, para cumprir os obxectivos europeos de aforro enerxético para loitar contra o cambio climático, considera fundamental diminuír o consumo de enerxía dos edificios “xa que supoñen o 40% do consumo en Europa, incluso por riba do transporte ou a industria”.

Publicidade

A simulación térmica transitoria en edificación consiste en facer un modelo virtual dun edificio mediante un software de simulación que se poida calibrar, para que se asemelle o máximo posible ao funcionamento do edificio real que se quere representar e unha parte moi importante da calibración dese modelo é o estudo da influencia das variables meteorolóxicas no edificio. “Na maioría das ocasións utilízanse datos de estacións meteorolóxicas próximas, que poden estar a quilómetros de distancia e transmiten erros ás simulacións, que en moitas ocasións son importantes”, explica José María Alonso, que aclara que a interpolación avanzada de datos meteorolóxicos se refire á utilización de técnicas de interpolación para obter datos das seis variables que son de aplicación para as simulacións térmicas de edificios: temperatura, humidade relativa, presión, radiación solar e dirección e velocidade do vento. “Trátase de obter bos datos onde non dispoñemos de estacións meteorolóxicas na localización exacta dos edificios”, sinala o autor da tese, dirixida por Pablo Eguía e María Ángeles Saavedra.

Edificio real e modelo xeométrico para a súa simulación térmica transitoria. Fonte: Duvi.
Edificio real e modelo xeométrico para a súa simulación térmica transitoria. Fonte: Duvi.

Interese internacional

A transmisión do erro das variables meteorolóxicas á simulación térmica transitoria dun edificio e como diminuílo é a temática central da tese do enxeñeiro vigués, que conclúe que é posible dividir por tres o erro nas simulacións utilizando algunha das técnicas de interpolación de datos meteorolóxicos que propón, fronte ao uso de datos da estación meteorolóxica más próxima, o método máis estendido mesmo no ámbito internacional para obter os datos das variables meteorolóxicas para as simulacións térmicas transitorias en edificación.

Publicidade

“As técnicas de interpolación de datos meteorolóxicos que propoñemos e que mellor funcionan son as técnicas de Universal Krging utilizando predictores coma a altitude ou a distancia á costa e a técnica Thin Plate Splines”, detalla o investigador, que confirma o interese que esta conclusión espertou na International Energy Agency (IEA) que os invitou a expoñer a metodoloxía e conclusión da tese en próximas convencións da axencia, a través dun dos membros do tribunal que avaliou a investigación Aitor Erkoreka da Universidade do País Vasco e colider da subtask 2 do Annex58 da IEA, dentro do programa Energy Conservation in Buildings and Community Systems.

José María Alonso, que desenvolve a súa actividade profesional na división de enxeñaría de procesos e industria 4.0, dentro da área de I+D de Anfaco-Cecopesca, asegura que a utilización de técnicas de simulación térmica e a interpolación avanzada de datos meteorolóxicos “non só é que non sexa habitual, é que cando analizamos o estado da arte a nivel internacional antes de comezar a investigación, non existía bibliografía científica que abordase a relación entre estes dous conceptos. Aínda a día hoxe, buscando nas bases de datos bibliográficas das editoriais de referencia científica a nivel internacional, non existen estudos comparables aos nosos”, asegura.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Eficiencia enerxética: a diana dos novos fogares

A Xunta triplica o orzamento destinado á rehabilitación en edificios de tipo residencial, co que prevé intervir sobre 6.800 vivendas

Escumas de  poliurea para mellorar a eficiencia enerxética

Unha empresa de Bande idea e  ensambla a súa propia maquinaria para proxectar poliuretanos e  poliureas con infinidade de aplicacións en construción

Unha proposta baseada na teoría de xogos cooperativos para mellorar a xestión enerxética

O investigador Javier B. Cabrera presenta na UVigo unha tese que analiza o consumo dos usuarios e posibles solucións de aforro e diminuír perdas de potencia

Conta atrás para o certame estudantil de robots da UVigo

A Escola de Enxeñaría Industrial espera máis de mil participantes de ESO, FP e graos cos seus novos modelos robóticos