Un equipo do CiQUS deseña enzimas artificiais para actuar no interior das células

O traballo do proxecto MetBioCat da USC, dirixido polo profesor José Luis Mascareñas e financiado coa axuda Advanced Grant do Consello Europeo de Investigación, segue dando froitos. Desta vez, o grupo, pertencente ao CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares), vén de demostrar, por primeira vez, a posibilidade de introducir enzimas artificiais no interior das células para provocar transformacións químicas que non existen na natureza. O deseño destes compostos supón un dos maiores retos que se sitúan na fronteira entre as disciplinas da química e a bioloxía celular.

 

Con este avance, podería alterarse de forma selectiva o funcionamento da célula

O resultado desta investigación acaba de ser publicado en Nature Communications. Xunto a Mascareñas, tamén participaron os investigadores María Tomás, Miguel Martínez e José Couceiro. Empregaron un complexo metálico composto por rutenio que é capaz de atravesar as membranas celulares e acumularse de forma preferente na mitocondria. Este composto conseguiría inducir a transformación de substratos esóxenos e xerar produtos activos. Deste xeito, sería posible alterar de forma selectiva o funcionamento da célula, mediante a introdución de substratos inertes que se converten en activos só cando se atopan co catalizador.

Publicidade

Esquema do efecto que provoca a acumulación de rutenio na mitocondria.
Esquema do efecto que provoca a acumulación de rutenio na mitocondria.

Esta metodoloxía abre a porta ao desenvolvemento de ferramentas que permitirían manipular a vida celular de xeito programado, coa vista posta no desenvolvemento de novas estratexias terapéuticas, segundo informan desde a USC.

“Temos que ser prudentes”, afirma, de todos modos, o profesor José Luis Mascareñas. “Trátase dunha investigación dirixida á xeración de coñecemento novo; aínda hai moito que facer e averiguar ata que poidamos pensar en posibles aplicacións prácticas. Son proxectos de alto risco que presentan moitas dificultades, entre outras, polos problemas de biocompatibilidade entre complexos metálicos non naturais e as células de organismos vivos”, sinala Mascareñas.

Publicidade

“Temos que ser prudentes; aínda hai moito que facer”, sinala Mascareñas

Este grupo de investigación xa fora capaz de demostrar a posibilidade de introducir substancias metálicas con rutenio no interior das células. O avance deste novo estudo recae na introdución destes compostos nas mitocondrias, uns orgánulos que actúan como fonte de enerxía para moitas das tarefas que realizan os seres vivos.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Péptidos para transportar medicamentos xenéticos: a aposta de TraffikGene

A empresa nada na USC, gañadora GCiencia Galicia Spin-Off como Idea Emerxente, desenvolve unha plataforma para conducir ADN e ARN ao interior das células

Que hai detrás dunha axuda Marie Curie? Catro investigadores contan como conseguiron a súa

Atopar un grupo receptor complementario, construír un proxecto sólido e contar con apoio institucional son algunhas das claves que destacan os beneficiarios das bolsas europeas no CiQUS

Un equipo da USC logra unha reacción química para construír bibliotecas de moléculas codificadas por ADN

O descubrimento liderado polo investigador do CiQUS Manuel Nappi pode ser clave na procura de fármacos

Roubar a estabilidade dunha molécula ultra-estable durante unha fracción de segundo: así o estuda o CiQUS

O científico Luis M. Mateo recibe a prestixiosa Bolsa Branco Weiss que financiará o proxecto ‘PhthalocyanYnes’ con máis de 635.000 euros durante cinco anos