A investigación da terapia con células nai, premiada pola Academia de Ciencias

Os galardóns de investigación da RAGC tamén recoñeceron na categoría de investigadores mozos a Raúl Santoveña, do CiTIC da Coruña

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) outorgou o seu Premio de Investigación 2020 ao equipo de investigadores que descubriu unha ferramenta para a reprogramación celular, desenvolvida pola USC e que abre novas portas ao estudo e ao tratamento de enfermidades coma o cancro e as doenzas autoinmunes.

Esta liña de traballo, coordinada polos investigadores Diana Guallar e Miguel Fidalgo, supuxo un fito no campo do uso terapéutico das células nai, concretamente das células nai pluripotentes inducidas (iPSC). Os froitos destes estudos foron publicados en maio deste ano na prestixiosa revista científica Cell Stem Cell, a máis relevante a nivel mundial no campo das células nai e unha das máis destacadas en ciencias da vida. O seu principal valor radica en que supón un antes e un despois na superación dos retos existentes no uso terapéutico eficiente e seguro das células nai pluripotentes inducidas.

Publicidade

Este tipo de células nai son células adultas reprogramadas para actuar de xeito similar ás células nai embrionarias, das que se coñece amplamente o seu potencial terapéutico en enfermidades que implican o deterioro celular pola súa capacidade natural para perpetuarse de maneira ilimitada e replicar calquera célula dun organismo adulto. A vantaxe que ofrecen as iPSC é que, estimuladas do xeito correcto, poden facer o mesmo papel de reparación de tecidos humanos danados que as embrionarias, evitando os problemas éticos asociados á destrución de embrións para obtelas.

O equipo de científicos da USC descubriu os mecanismos desa correcta estimulación, identificando que as modificacións químicas en moléculas de ARN (ácido ribonucleico, coñecido coma o mensaxeiro do ADN) son esenciais para reprogramar ese tipo de células nai. En concreto, a súa investigación conclúe que ese tipo de modificacións son inducidas por unha proteína denominada ADAR1, necesaria para obter células con potencial en medicina rexenerativa.

Publicidade

O equipo galardoado está liderado polos grupos de Epitranscriptómica e Envellecemento e de Células Nai e Enfermidades Humanas do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC, e recibirá 6.000 polo recoñecemento da RAGC. Nesta investigación tamén participan grupos científicos de Reino Unido, Estados Unidos, China, Australia e Canadá.

Fito de científicos galegos cun estudo sobre reprogramación celular

Mozos investigadores

Alén do premio ao CiMUS, a RAGC outorgou tamén o galardón na categoría dirixida a  investigadores mozos, que recaeu en Raúl Santoveña, do Centro de Investigación TIC da UDC que participou de xeito determinante no descubrimento dun tipo de estrelas descoñecidas ata agora: as estrelas ricas en fósforo, nun traballo asinado xunto aos seus profesores Minia Manteiga e Carlos Dafonte.

Nesta categoría outorgáronse dúas mencións honoríficas a Jesús Balado, do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da UVigo, e a Esteban Suárez, do grupo Nanobiomol do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da USC.

Os premios serán entregados durante a celebración do Día da Ciencia en Galicia, o vindeiro 8 de outubro. Os galardóns, que chegan este ano á súa vixésimo novena edición, levan o nome de ‘Premios de Investigación Ernesto Viéitez’.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos
00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Un estudo galego revela que os lumes favorecen ás aves máis afectadas polo abandono rural

A USC e o CSIC investigan a Serra do Xurés e analizan a recuperación desigual segundo o hábitat, cunha maior vulnerabilidade das especies forestais

Extraer ADN de amorodos ou resolver unha ‘escape room’ climática: así será a sexta edición da G-Night

A Noite Galega das Persoas Investigadoras terá lugar o 25 de setembro de xeito simultáneo nas sete cidades galegas